Evanxeo: Lc 6, 27-38
Unha vez díxolles Xesús ás
persoas que andaban canda el:
—A
vós, homes e mulleres que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos,
facédelle ben a quen vos odia, bendicide a quen vos maldí e rogade pola xente
que vos calumnia; a quen che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen
che leve o manto, déixalle tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che
leve o teu, non lle reclames nada. Tratade á xente tal como queredes que a
xente vos trate a vós.
Se
amades só a quen vos ama a vós, ¿que mérito tedes? A xente pecadora tamén aman
a quen os ama. E, se lle facedes ben só a quen volo fai a vós, ¿que mérito
tedes? A xente pecadora fai outro tanto. E, se emprestades só cando esperades
cobrar, ¿que mérito tedes? A xente pecadora tamén se empresta entre si para
recibiren despois outro tanto. Vós non; vós amade os vosos inimigos, facede o
ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande
recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo coa xente mala e
desagradecida.
Sede
persoas compasivas como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes e non se vos
xulgará; non condenedes e non se vos condenará; perdoade e hásevos perdoar.
Dade e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, abundante,
acugulada, apertada. Coa medida coa que midades hanvos medir a vós.
Meditación
O evanxeo de hoxe podémolo
considerar como o evanxeo do evanxeo, é dicir, o centro, o corazón da boa nova
de Xesús; algo do máis importante e fundamental de todo canto Xesús coas súas
palabras, coa súa vida nos foi transmitindo. Por iso mesmo é ben importante que
reparemos con ollada e oído de aprendiz en cada detalle do que Xesús comparte
connosco neste pedaciño de evanxeo.
Se só amarmos, facemos ben,
bendicimos, pregamos por quen a nós nos ama, nos fai ben, non bendí, nos
recorda nas súas oracións, ¿que hai aí de xenerosidade, de gratuidade? ¿Non
estamos, no fondo, coidándonos a nós mesmos
cando así facemos? ¿É iso amar, amar gratuitamente, libremente? Xesús
estanos incitando, empuxando á fondura do amor que sanda e que libera. Non é
doado, non; é algo que nos desborda, que vai máis aló das nosas propias forzas,
¿quen nos habilitará para amar así?
Xesús amósanos o camiño. Será o
contacto, a amizade, o trato con Deus o que nos vaia capacitando a nós para
tratar a xente, algo polo menos, como Xesús a trataba, como Deus a trata.
Oración
Xesús,
lévame pola man
ata o corazón do
Pai.
Que poida
experimentar contigo
en carne propia,
en vida propia
o bo que é Deus
comigo
por tortos que
sexan os meus camiños,
por ruín e
desagradecido/a que eu sexa.
Que poida
experimentar contigo
o bo que é Deus
con toda a xente,
con toda sen
excepción,
por moi mala e
desagradecida que sexa.
Que aprenda
contigo, Xesús,
que aprenda
contigo do Pai-Nai
a súa desmesura
escandalosa,
a única capaz de
cambiar a cara deste mundo.
Acción
Para experimentar algo do que
Xesús nos propón, podiamos probar de lle facer algunha atención, algún servizo
a algunha persoa da que, polo que sexa, esperamos que non nos vai poder
corresponder.
25 de
febreiro: luns da 7ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 9, 14-29
Naquel tempo, cando Xesús e os
seus tres discípulos baixaron da montaña, chegaron onde estaban os outros
discípulos e atoparon moita xente arredor e uns letrados discutindo con eles.
En canto que a xente o albiscou, correu
sorprendida a saudalo. El preguntoulles:
—¿De
que estades a discutir?
Un deles respondeu:
—Mestre,
trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar. Cando se
apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca e renxe os dentes e
fica teso. Rogueilles aos teus discípulos que o librasen e non puideron.
El contestou:
—¡Ouh
xeración incrédula! ¿Ata cando terei que estar convosco? ¿Ata cando terei que
aturarvos? Traédemo acá.
Trouxéronllo e, mal viu a Xesús,
o espírito sacudiu violentamente o neno, que caeu polo chan, escumando pola
boca. Entón preguntoulle Xesús ao pai:
—¿Dende
cando anda así?
El respondeulle:
—Dende
picariño. E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con el.
Pero, se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.
Xesús contestoulle:
—¿Cómo
que “se podo”? Para quen ten fe non hai imposibles.
Inmediatamente o pai do neno
exclamou:
—¡Creo;
axúdame no que lle falta á miña fe!
Vendo Xesús que a xente se
amoreaba, increpou o espírito malo:
—Espírito
mundo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non volvas entrar nel nunca máis.
E, dando berros e fortes sacudidas,
saíu, deixando o neno como morto, de tal xeito que moitos xa dicían que
morrera. Pero Xesús colleuno pola man e ergueuno ata que se mantivo de pé.
Ao entraren con el na casa,
preguntábanlle á parte os discípulos:
—¿E
por que non o demos botado nós?
El respondeulles:
—Esta
caste non sae se non é a forza de oración.
Meditación
Este relato é un tanto estraño.
¿Había daquela persoas endemoñadas e tiña Xesús tanta forza espiritual que era
capaz de liberar a esa xente do poder do mal? ¿Segue habendo hoxe persoas
endemoñadas que soamente co poder do espírito do ben poden ser liberadas por
persoas expertas? Seguro que haberá opinións moi diferentes.
Podemos ir ao esencial deste
relato, á luz de cómo Xesús falaba e actuaba. E o importante, que nos pode
valer para nós hoxe, vai por aquí: Xesús andaba enredado sempre en cousa de
axuda a xente desfeita; Xesús poñía todo o seu poder de ben ao servizo desa
xente, conseguindo recuperacións abraiantes; Xesús liberaba os corpos e os
espíritos, cousas dúas que sempre van moi mesturadas; a forza de Xesús víñalle
sen dúbida da súa forte vinculación con Deus a través da oración, da vida toda;
ter fe en Xesús, crer e confiar na súa forza de ben, era imprescindible para
poder gozar dela.
Sen sermos persoas endemoñadas, a
todas e todos nos pasa que hai moitos e diversos males que nos enturban a vida,
que a apagan, que a entristecen. Xesús está aí ao noso dispor. Se confiamos
nel, nel atoparemos luz e forza para sobrepoñernos aos nosos males.
Oración
Gustaríame,
Xesús, ser vigoroso coma ti.
Gustaríame andar
sempre enredada coa xente que precisa apoios.
Gustaríame ter
fe abonda para poder crer contigo
en cousas
imposibles de ben, de mellora, de liberdade.
Gustaríame,
Xesús, ter trato fondo e limpo con Deus, algo coma ti.
Gustaríame ter
voz recia e potente para achicar o mal e quen o defende.
Gustaríame poder
coller da man e erguer do chan a tanta xente caída.
Mentres e non,
Xesús,
cólleme ti da
túa e sándame das miñas miserias.
Acción
¿Que males enturban a nosa vida
persoal, a vida da nosa comunidade cristiá, a vida do noso pobo? ¿Que podemos
facer para librarnos dun deles polo menos?
26 de
febreiro: martes da 7ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 9, 30-37.
Naquel tempo Xesús e os seus
discípulos marcharon de onde estaban e foron atravesando a Galilea sen deterse,
porque non quería que o soubese ninguén, xa que ía instruíndo os discípulos.
Dicíalles:
—O
Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos homes, que o matarán; pero,
despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
Eles non entendían o que lles
dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a Cafarnaúm e, cando
estaban na casa, preguntoulles:
—¿De
que viñades discutindo polo camiño?
Eles calaron, porque no camiño
discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou
polos doce e díxolles:
—O
que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.
E, collendo un neno, púxoo no
medio deles e, abrazándoo, dixo:
—Quen
acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min,
non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Meditación
Xesús tiña unha maneira de
entender a vida moi orixinal e chocante. Era orixinal e chocante para os homes
e mulleres que o rodeaban daquela, e segue a ser orixinal e chocante para todos
e todas nós, que normalmente rexémonos por outra maneira de entender a vida.
Para Xesús o gozo de vivir estaba en desfacerse pola comunidade, sobre todo
pola xente máis débil da comunidade; a súa ilusión era rebaixarse, baleirarse, para
encontrarse a fondo consigo mesmo e para que o seu corazón, a súa vida toda se
puidese ir enchendo co Espírito de Deus e puidese ir ofrecendo espazo de
fraternidade para toda a xente.
Para os seus discípulos, como
seguramente para a maioría de nós, o importante era ter poder, ter mando, ser o
primeiro, figurar, recibir, encherse aínda que fose á conta, claro, das
carencias doutros. Canto nos custa iso de ser o derradeiro e servidor,
servidora, de todos! Canto nos custa asumir como forma de vida a inocencia, a
sinxeleza, a fraxilidade dun neno ou nena!
Oración
Señor Xesús,
gústame ser
persoa respectada, recoñecida, valorada,
ter nome e
presenza no medio da comunidade,
no medio do
pobo.
Ti apréndesme a
vivir isto con paz e equilibrio.
Grazas.
Señor Xesús,
gústanme tamén
as chufas, os primeiros postos, o figurar,
empoleirarse
sobre a demais xente.
Ti apréndesme a
gozar servindo, baleirándome.
Grazas.
Señor Xesús,
gústame ser eu
mesma, en verdade e liberdade,
ben integrada na
familia, na comunidade, no pobo
polos lazos do
ben mirar uns polos outros.
Ti apréndesme a
ser persoa servidora e comunitaria en todo.
Grazas.
Acción
Podemos reparar en cómo nos
desenvolvemos no medio da familia, da comunidade, do pobo. ¿Cómenos iso de
poder, de mandar, de aproveitarnos da demais xente, de figurar? ¿Atopamos gusto
servindo a comunidade, con desinterese?
27 de
febreiro: mércores da 7ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 9, 38-40
Nunha ocasión díxolle Xoán a
Xesús:
—Pois
vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar, porque non é dos
nosos.
Xesús contestoulle:
—Pois
non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal
de min. O que non está contra nós está connosco. Ademais todo aquel que vos dea
un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tendo por seguro que non
quedará sen recompensa.
Meditación
Parece que o problema estaba en
facer as cousas de ben ou non facelas no
nome de Xesús. Como se os discípulos fosen os donos desa patente, o cal
quere dicir seren donos da patente do Espírito, da forza de ben que hai en
Deus. Loxicamente Xesús non ara con eses bois. Quen fai o ben no nome de Xesús
está dicindo ben de Xesús. O texto valora facer as cousas do nome de Xesús; o
texto valora tamén un vasiño de auga que se dea en consideración de Xesús. Pero
de ningún modo sacraliza ese nome. Máis aló das palabras, dos nomes, están os
feitos. Os feitos son os que honran ou deshonran e non as titulacións. Persoas
cristiás, dicíndonos tales, podemos facer, e temos feito moitas parvadas,
moitas inxustizas, tamén moitas cousas boas e xustizas; e persoas non cristiás,
honrando ou non o nome de Xesús de palabra, téñeno honrado con feitos de
respecto, verdade e solidariedade. Todo isto é especialmente importante nos
nosos tempos, nos que tanto temos que convivir con persoas de distinta relixión
e mesmo con persoas non crentes.
Oración
Bendito o teu
nome, Xesús;
bendita a túa
persoa,
bendita a túa
palabra,
benditos os teus
feitos.
Bendito ti,
fonte de bendición
para todos e
todas nós,
para toda a
humanidade,
creamos ou non
en ti,
sexamos ou non
seguidoras túas.
Bendito na túa
liberdade,
na túa entrega
servidora
que non agarda
recoñecementos.
Bendito en todas
as persoas,
que, co teu nome
por diante ou sen el,
se fan unhas
contigo no agarimo á xente,
e te honran cos
seus feitos.
Bendito o teu
nome, Xesús.
Acción
Podemos revisar como nos
comportamos con persoas que sexan de diferente relixión, de diferente patria,
de diferente partido político, de diferentes ideas. ¿Liberámonos da nosa ideoloxía
para respectalas na súa diversidade? ¿Valorámolas polos seus feitos de vida e
non por outras historias?
28 de
febreiro: xoves da 7ª semana do Tempo Ordinario.
Evanxeo: Mc 9, 41-50
Díxolles Xesús ás persoas que
andaban canda el:
—Calquera
persoa que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores ou seguidoras de
Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa. E a quen escandalice a
unha destas criaturiñas que cren en min, élle mellor que lle colguen ao pescozo
unha pedra de muíño e o boten ao mar. Se a túa
man te fai caer, córtaa; máis che vale entrar toco na vida ca ir parar
coas dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga. Se o teu pé te fai caer,
córtao; mellor será que entres coxo na vida, ca ir dar cos dous pés no inferno.
Se o teu ollo te fai caer, arríncao; máis che vale entrar cego no reino de Deus
e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume
se apaga. Pois todo se salga co lume. O sal e bo, pero se o sal se volve
insulso, ¿con que o salgaredes? Que non falte o sal entre vós e vivide en paz.
Meditación
Que non falte o sal entre nós e
que vivamos en paz. A paz venlle a unha persoa cristiá cando non lle falta o
sal. E ¿qué é o sal para un home ou unha muller cristiá? O sal, aquilo que fai
que non podreza a nosa vida, aquilo que lle dá gusto e sabor, aquilo que lle dá
gozo e graza, é ter un coidado exquisito por todas aquelas persoas que dentro
ou fóra da comunidade cristiá son pouca cousa, fráxil, vulnerable. O sal da
vida cristiá é velar polo ben das persoas que desde a súa pequenez están á
expectativa da bondade da xente, a través da cal poderán sentir a bondade mesma
de Deus. Ante iso, todo o demais, por moi sagrado que pareza (pés, mans, ollos,
organización, oracións, Misas, doutrinas etc.), todo o demais pode quedar
tranquilamente nun segundo plano. Non sendo así, a nosa vida cristiá convértese
nunha podremia, algo que só vale para ir parar nunha esterqueira, que iso era o
inferno do que falaba Xesús.
Oración
¿Cando
poñeremos, Xesús,
no primeiro
lugar de todos os nosos pensamentos,
proxectos,
accións, avaliacións
a vida digna da
xente máis miúda que nos rodea?
¡Que claras
tiñas ti as cousas,
e como as
complicamos e enredamos nós?
¡Canta cousa
inútil,
canta podrén nas
nosas vidas,
que irá parar á
esterqueira da nada!
¡Que simple e
que complexo a un tempo
volver a ti,
Xesús,
volver con
simplicidade ao teu Evanxeo!
Acción
Podemos reparar se a nivel
persoal ou como comunidade cristiá estamos esquecendo a xente máis débil que
nos rodea, con calquera escusa, por moi digna que nos pareza. Podemos pensar
como fiarnos máis das palabras de Xesús e darlle a volta a esas posibles
situacións.
1 de
marzo: venres da 7ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 10,1-12
Nunha ocasión foise Xesús para as
terras de Xudea na outra banda do Xordán. A xente amoreábase de novo no seu
camiño e, como sempre, púxose a ensinar. Achegáronselle algúns fariseos
preguntándolle, para probalo, se lle está permitido ao home repudiar a muller.
El replicoulles:
—¿Qué
foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
—Moisés
permitiu despedir a muller, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles Xesús:
—Tendo
en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero
desde o principio da creación fíxoos home e muller. Por iso deixará o home a
seu pai e máis a súa nai, unirase coa súa muller e serán os dous unha soa
carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu que
non o separe o home.
Xa na casa, os discípulos
volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
—O
que repudia a muller e casa con outra comete adulterio contra a primeira. E, se
a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Meditación
Xa no tempo de Xesús había un
debate entre a xente relixiosa sobre a legalidade do divorcio. Naquel tempo era desde unha
actitude descaradamente machista, pois era o home o que podía largar a muller,
e case que por calquera cousa. Hoxe seguimos tamén con ese debate, aínda que
desde unhas claves menos machistas.
Xesús remítenos ao fundamental, a
esa identificación fonda que se dá entre dúas persoas que se queren e que
deciden facer vida xuntas. Todos, todas coñecemos moitas parellas felizmente
unidas de por vida; tamén coñecemos situacións nas que o divorcio parece a
opción menos mala; a mala sería unha convivencia amargada, sen amor. Xa o dicía
o mesmo Xesús: “Tendo en conta a dureza (ou a fraxilidade) do voso corazón…”.
Non estamos en tempos moi dados a grandes e longas fidelidades. Para quen pensa
casar ou vive xa en parella, máis que debater sobre se divorcio si, divorcio
non, igual pagaría a pena gastar esforzos en posibilitar e gustar o gozo diario
da convivencia. A vida de parella, cos seus esforzos para sacarlle todo o
proveito, empeza, non remata, cando un estabiliza a relación. As familias
cristiás poderíamos ofrecer un campo de esperanza neste senso.
Oración
Que regalo máis
grande nos deches, meu Deus,
facéndonos home
e muller,
para
complementarnos a fondo entre nós
ata sermos unha
soa carne, un só espírito,
á túa sombra, á
túa imaxe e semellanza,
en ti!
Que regalo máis
grande, meu Deus,
poder amarnos e
medrar no amor,
poder
respectarnos e medrar na singularidade,
poder ser muller
e home a fondo,
sen dominios nin
sometementos,
sen agresións de
ningún tipo,
desde a máis fonda
e limpa liberdade,
no máis grande e
impresionante pracer!
Que regalo máis
grande, meu Deus,
que marabilla,
que tesouro,
iso si, levado
sempre en vaixelas de barro,
coa necesidade
de mimalo, coidalo, limpalo
cada noite, cada
día
con todos as
precaucións que a mesma vida nos suxire,
que ti nos
inspiras!
Pero, que regalo
máis grande, meu Deus!
Grazas!
Acción
O Papa Francisco escribiu un
libriño moi fermoso titulado “A ledicia do amor”. Para fortalecernos nas nosas
vidas de parella, igual podiamos lelo, empezando, se cadra, polos capítulos 2 e
4. Se o lemos muller e home xuntos, mellor; se o lemos con outras parellas,
mellor aínda. Pero que o ler nos valla para ver como nos vai na vida de
parella, que fortalezas temos, que debilidades temos, e poder avanzar.
26 de
maio: sábado da 7ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mc 10, 13-16
Nunha ocasión leváronlle a Xesús
unhas criaturas para que as tocase. Pero os discípulos rifábanlles. Mais a
Xesús non lle gustou aquilo e dixo:
—Deixade
que as criaturiñas se acheguen a min; non llelo impidades, porque delas é o
Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba como unha criatura o reino
de Deus non entrará nel.
E abrazounas e bendiciunas e
impúxolles as mans.
Meditación
A escena é todo un símbolo dos
gustos, das preferencias de Deus, de Xesús. Este símbolo ten varios actores: os
nenos ou nenas que andaban por alí e que algunhas persoas lle presentaron a
Xesús para que os acollese, acariñase, bendicise. Aos discípulos moléstalles
aquilo; a Xesús encántalle, porque ve nos nenos e nenas e en quen é coma elas,
e en quen os acolle a clave do seu proxecto de vida e de sociedade.
Os nenos e nenas, naquela cultura
máis aínda que na nosa, eran xente que non contaba, que non tiña peso na
sociedade, xente fráxil, sempre exposta a calquera abuso ou marxinación. No ser
do neno ou nena había unha conciencia espontánea, fonda, de non ter dereito a
nada, de ter que estar calado, a un lado; todo o que lle chegaba chegáballe
gratis. Xesús intuía, por unha parte, que así somos todos nós en realidade ante
Deus. Non podemos reivindicar dereitos ante el; todo o seu cara a nós é
absolutamente gratuíto. Nós en por nós non somos fonte de nada. Pero, por outra
banda e por iso mesmo, Deus si que reivindica a nosa dignidade, acolle a nosa
fraxilidade, ponnos en plan de igualdade absoluta, e apréndenos a que así
tratemos a toda a xente que na sociedade estea en condicións similares ás que
os nenos e nenas vivían daquela. Deus acolle e ennobrece a nosa fraxilidade,
sexa a que sexa.
Oración
Bendito sexa
Deus e o seu fillo Xesús,
que se achega
con mans agarimosas a todos/as nós.
Bendito sexa
Deus e o seu fillo Xesús,
que nos agarima
e nos consola nas nosas fraxilidades,
sexan estas as
que sexan.
Bendito sexa
Deus e o seu fillo Xesús,
que nunca nos
marxina, nunca nos deixa de lado,
sempre nos rodea
co seu respecto e consideración,
sexamos como
sexamos.
Bendito sexa
Deus e o seu fillo Xesús,
que nos incita a
un trato preferente cos máis débiles de entre nós,
sexa cal sexa a
súa debilidade.
Bendito sexa
Deus e o seu fillo Xesús,
porque nos saca
da nada e nos colma de dignidade,
sen intereses,
sen xogar connosco,
por puro
apaixonamento, porque nos quere.
Acción
Hoxe dise moito que malcriamos os
nenos e nenas. Podemos revisar, á luz de Xesús, como nos estamos relacionando
cos nenos e nenas que nos rodeen: ¿que nos suxiren os nenos e nenas, que nos
aprenden, que trato cos nenos e nenas é adecuado, que trato non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.