02 abril, 2019

Tempo de Coresma: 5ª semana




  
7 de abril: domingo 5º de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 1-11 
Nunha ocasión Xesús retirouse para o monte das Oliveiras. Pero á alborada presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; Xesús sentou e empezou a ensinar. Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio, puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
            —Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Na lei de Moisés mándasenos apedrar as adúlteras. ¿Ti que dis?
Preguntábanllo a mala fe, para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
            —Quen de entre vós non teña pecado que lle tire a primeira pedra.
E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou Xesús só coa muller, que seguía no medio de pé. Ergueuse entón Xesús e preguntoulle:
            —Muller, ¿onde van os que te acusaban? ¿Ninguén te condenou?
Ela respondeu:
            —Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:  
            —Tampouco eu non te condeno; vaite e dende agora non peques máis.

Meditación
O presente relato ten unha viveza, unha intensidade e un dramatismo excepcional. Non hai corazón que non se conmova ao introducirse na escena creada por Xesús, polos teólogos e pietistas do momento coa muller adúltera arrastro, pola mesma muller alí avergoñada e amedrentada ao máximo, e polo público expectante, disposto xa a botar man de pedras para  cumprir exquisitamente coa lei que mandaba apedrar a “esta xente”, a “estas tales”. É inmenso o mundo de sentimentos que se producen e que se entrecruzan ao longo da escena: odio e indignación no nome da lei por parte de teólogos e pietistas;  vergoña e desespero por parte da muller, que se ve nas últimas; malicia e egoísmo en quen pregunta non con ánimo de aprender nin con ánimo de avanzar en solidariedade, senón empregando a situación para impoñerse a Xesús e ás súas prácticas de perdón; sentimentos de afecto e solidariedade en Xesús cara á muller; indignación no mesmo Xesús contra a cegueira dos líderes espirituais do pobo; vergoña da xente acusadora, ao verse pillada na súa propia incoherencia; agradecemento e alivio na muller perdoada e aberta a novas posibilidades; afecto inmenso en Xesús, non por ter escorrentado os corvos que voaban xa sobre da presa, senón porque se creara unha vez máis un espazo de perdón, no que as persoas quedaban incitadas a unha nova maneira de situarse ante si mesmas, ante as demais, ante Deus, ante a construción social.
Está ben que nos enfrontemos co mal, para extirpalo do medio de nós, das nosas sociedades e comunidades cristiás. Está ben que abramos os ollos para detectar cales son as fontes maiores do mal, de xeito que poidamos atallalo oportunamente. Pero hai demasiada tendencia a coller o outro, a levalo á praza pública, a demandar o estrito cumprimento da lei contra as demais persoas, a lavarse as mans ante todo o que acontece, descargando responsabilidades persoais e sociais, a coller pedras verbais e mesmo físicas contra quen se poña a tiro, sen botar a ollada ao propio corazón, ás propias ideas, á propia vida. E así é moi difícil rectificar, reparar, reconstruír, abrir o presente persoal e social a novos tempos que, polo demais, todos/todas necesitamos e todos/todas estamos desexando.

Oración

Como a muller pillada en adulterio,
de xeonllos no medio da comunidade,
así eu ante ti, Xesús.

Cos meus pecados ao lombo,
coa miña vergoña ao lombo,
así eu ante ti, Xesús.

Recoñecendo os moitos momentos
nos que coa palabra, co silencio ou cos feitos,
me arredo dos camiños que levan á vida,
así eu ante ti, Xesús.

Deixándome envolver e vigorizar
pola forza e novidade do teu perdón,
así eu ante ti, Xesús.

Comprometéndome a andar contigo
con máis humildade e coherencia,
estou ante ti, Xesús.

Coa miña paz, co meu silencio,
co meu corazón fondamente agradecido,
estou ante ti, Xesús.

Acción
É moi posible que en máis dunha ocasión andemos acusando pola vida, sinalando co dedo á demais xente  e pechando os ollos ao mal que sae do noso corazón, dos nosos feitos. Pode ser un bo momento para caer na conta disto e cambiar o noso trato coa xente.


8 de abril: luns da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 12-20
Unha vez faloulles Xesús así aos fariseos:
            —Eu son a luz do mundo; quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida.
Dixéronlle entón os fariseos:
            —Ti dás testemuño de ti mesmo, o teu testemuño non vale.
Xesús replicoulles:
            —Aínda que eu dea testemuño de min mesmo, o meu testemuño é válido, porque eu ben sei de onde vin e a onde vou; mentres que vós non sabedes de onde veño nin a onde vou. Os vosos xuízos seguen normas humanas, mentres que eu non xulgo a ninguén. E aínda que eu xulgase, o meu xuízo sería válido, porque non sería eu só a xulgar, senón eu e máis quen me mandou. E na vosa Lei está escrito que o testemuño de dúas testemuñas é válido. Eu dou testemuño de min mesmo, pero tamén o dá o Pai que me mandou.
Entón eles preguntáronlle:
            —Onde está teu Pai?
Xesús respondeulles:
            —Nin me coñecedes a min, nin a meu Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai.
Xesús tivo esta conversación cando ensinaba no templo, no adro do tesouro, e ninguén o prendeu, porque aínda non chegara a súa hora.

Meditación
Xesús tivo enfrontamentos cos fariseos, que eran unha xente que tiña fama de moi devota e cumpridora. Púñalles diante repetidamente a superficialidade da súa práctica relixiosa, queríalles axudar a que entrasen de verdade no corazón de Deus e a que desde aí recompuxesen a súa maneira de estar coa xente, de vivir e convivir. Non lle fixeron caso. Argumentaban e argumentaban para defenderse e quedar pechados no que sempre viñan facendo, sen deixarse cuestionar. A luz alumaba diante deles, pero eles pechaban portas e ventás. Todas, todos podemos levar connosco espírito de fariseo. Todos, todas podemos pechar os ollos ante evidencias, ante quen coa palabra e cos feitos nos sacode a vida e nos invita a rectificar, a dar pasos, a cambiar.

Oración

Xesús,
¿como ir asentándonos en convencementos firmes
ao teu carón,
e ao tempo sermos persoas abertas
ás chispiñas de luz
que de aquí e de alí irrompen na nosa vida?
Xesús,
¿como apegarnos ao esencial que ti nos amosas
--paixón por Deus e paixón pola xente débil--,
e andar logo á busca
da mellor maneira de vivilo na nosa vida diaria?
Grazas, Xesús,
por seres luz de vida para nós.

Acción
Igual recordemos algún caso, algunha conversa, algunha discusión na que nos tivésemos pechado en banda ante o que outra persoa nos suxería, nos ofrecía. ¿Por que? ¿Por que nos descolocaba, porque nos incitaba a dar pasos novos? ¿Poderíamos retomar a conversa con esa persoa, pero cunha actitude máis receptiva?
           

9 de abril: martes da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 21-30
            Nunha ocasión díxolles Xesús aos fariseos:
            —Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.
            Dicían entón os xudeus:
            —E irase matar, porque di “onde vou eu, vosoutros non podedes vir?
            E seguiulles dicindo Xesús:
            —Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo. Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades que “Eu son”, morreredes nos vosos pecados.
            Preguntáronlle entón:
            —Pero, logo, ti quen es?
            Xesús contestoulles:
            —O que vos veño dicindo desde o comezo. Moito podería falar e condenar de vós; mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ao mundo do que lle oín a el.
          Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai. Entón Xesús continuou:
            —Cando ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que “Eu son”, e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. E quen me mandou está comigo; non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.
            Ao dicir estas cousas, moitos creron nel.

Meditación
            Non nos interesa debater teoricamente quen foi ou non foi Xesús, de onde veu ou de onde deixou de vir. O que nos fai ben é achegarnos á súa persoa, á súa vida, entrar nela dentro do posible, deixarnos tocar por ela, e experimentar o que Xesús é capaz de facer en nós cando nos achegamos a el co corazón aberto, coa vida nas mans.
            Se o facemos así, caeremos na conta de que Xesús non é un bicho raro caído do ceo, senón unha persoa humana coma nós, pero chea a tope do Espírito de Deus; sempre obediente á voz de Deus que escoitaba de mil maneiras na vida, sobre todo andando enredado coa xente máis débil; un home que falaba e facía sempre conforme o Pai lle ensinaba na escola da vida; un home que sempre se sentiu acompañado por Deus. Por iso a cruz non foi o lugar da súa derrota, senón o lugar onde triunfou nel o ser de Deus que levaba no seu seo.

Oración

Veño á túa escola, Xesús,
como sendo neno/a ía á escola da miña mestra.
Veño á túa escola,
para que me aprendas
a facer non o que a min me pete,
senón o que o Pai do ceo nos ensina
a partir da vida e da xente que nela nos acompaña.
Veño onda ti para que me aprendas
a ser feliz coma ti
pensando no ben dos demais,
e traballando polo ben común.
Veño onda ti, Xesús,
para aprender contigo
iso de sentirse sempre ben acompañado por Deus,
aínda nas horas de dor e escuridade.
Veño á túa escola, Xesús,
sento no banco cos meus compañeiros/as
e estou atenta, en silencio, para aprender ben.

Acción
            Seguro que no día de hoxe nos pasaron cousas e vimos persoas que algo nos dixeron no nome de Deus. Podiamos recapacitar nesas voces de Deus que así nos chegaron, e aprender e medrar como persoas cristiás.


10 de abril: mércores da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 31-42
            Nunha ocasión dicíalles Xesús aos xudeus que creran nel:
            —Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus, e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres.
            Eles respondéronlle:
—Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; como, logo, dis ti  “seredes libres”?
            Respondeulles Xesús:
            —Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade. Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós. Eu falo do que vin onda o Pai, e vós facedes o que oístes de voso pai.
            Eles respondéronlle:
            —O noso pai é Abraham.
            Xesús replicoulles:
            —Se fósedes fillos de Abraham, fariades as obras de Abraham, mais agora procurades matarme, a min, que vos dixen a verdade que oín de Deus; iso non o fixo Abraham. Vós facedes as obras do voso pai.
            Dixéronlle:
            —Nós non nacemos da prostitución, temos un pai, Deus.
            Contestoulles Xesús:
            —Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min aporque eu veño e procedo de Deus. Pois non vin por min mesmo, senón que el me enviou.

Meditación
            Conta o evanxelista algo que pasou entre Xesús e algúns xudeus que creran nel. Nós tamén cremos en Xesús e por iso podemos tomar o que aquí se conta como dito para nós. Unha cousa é crer simplemente, quedándose niso: son bautizado, figuro como persoa cristiá, confésome cristiá, e mesmo cumpro con certas prácticas relixiosas. Para Xesús iso é quedarse no primeiro paso, pouco nos aproveita.
            Xesús fainos unha proposta moito máis densa e proveitosa:  permanecer na palabra de Xesús, ser de verdade discípulos/as del, coñecer a verdade e permitir así que a verdade nos faga libres. Isto é desenvolver na nosa vida todo un proceso interior e exterior de marabillosas consecuencias para a nosa vida. Permanecer na súa palabra, é dicir, ser constante na aposta por Xesús, ou, dito con outras palabras, ser de verdade discípulas/os del; isto permitirá coñecer, experimentar a verdade, a verdade de Xesús, a nosa propia verdade nel, cousa que nos fará persoas libres a fondo, sen trampas nin enredos. Oxalá!

Oración

Oxalá!,
oxalá, Xesús,
permanecese na túa palabra,
na túa maneira de falar,
na túa maneira de vivir,
na súa paixón polo débil,
sen recuar ante nada!
Oxalá me fixese de verdade discípulo/a túa,
sen dar por sabida ningunha lección!
Oxalá coñecese a fondo
a túa verdade en min,
a miña verdade en ti
sen simular zonas escuras dentro de min!
Oxalá empezase a camiñar
polo camiño amplo da liberdade
que ti vivías e transmitías, Xesús,
sen disimular nunca as miñas escravitudes!
Oxalá!

Acción
            Podemos ollar un pouco para a nosa vida cristiá. Témola viva ou témola adurmiñada? Contentámonos con mínimos ou dámonos a oportunidade de experimentar a verdade de Deus nas nosas vidas? En que máis cousas andamos así pola tona, nas aparencias nada máis?


11 de abril: xoves da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 8, 51-59
            Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
            —Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra non morrerá endexamais.
            Entón dixéronlle os xudeus:
            —Agora si que vemos que tes o demo: Abraham morreu e os profetas tamén, e ti dis: quen fai caso da miña palabra non morrerá endexamais. Seica es ti máis ca o noso pai Abraham que morreu? E os profetas tamén morreron. Por quen te queres facer pasar?
            Xesús respondeu:
            —Se eu me dou gloria a min mesmo, a miña gloria nada vale; pero quen me dá gloria é meu Pai, de quen vós dicides que é o voso Deus. Pero non o coñecedes, mentres que eu si o coñezo. Se dixese que non o coñezo, sería un mentireiro, coma vós; pero eu coñézoo e axústome á súa palabra. Voso pai Abraham encheuse de ledicia na esperanza de ver o meu día; viuno e alegrouse.
            Dixéronlle entón os xudeus:
            —Aínda non tes cincuenta anos e xa viches a Abraham?
            Xesús contestoulles:
            —Con toda verdade volo aseguro: antes que Abraham chegase a existir, “Eu son”.
            Entón colleron pedras para llas tiraren, pero Xesús agachouse e saíu do templo.

Meditación
            O evanxeo de hoxe alértanos do difícil que ás veces resulta dialogar. Cada un está no seu mundo, nas súas ideas, nas súas aspiracións, nas súas valoracións; non escoitamos en verdadeiro silencio interior procurando entender que é o que me di esa persoa que teño diante, cal é o seu mundo, cales son os seus valores, as súas emocións; non nos escoitamos en verdadeiro silencio a nós mesmas, procurando entender que son unha persoa quizais dominada por prexuízos, por  ideas, por sentimentos, por intereses que me bloquean e me impiden abrirme á riqueza e variedade da vida, e desa maneira abrirme tamén ao cambio, ao crecemento persoal.
            O facemos coa xente é normal que o fagamos tamén con Deus. Con san Xoán podemos dicir: se non escoito e acollo a xente, a quen vexo, non vou acoller o Deus que non vexo.

Oración

Meu Deus,
ao teu lado quero aprender
a calar,
a escoitar,
a acoller,
a valorar,
a agradecer,
a amar,
a comprometerme
ante todo o que a vida me ofrece
na natureza, nos animais, nas persoas,
no que pasa fóra e dentro de min,
en todo,
en ti.
Grazas.

Acción
            Se repasamos algúns dos nosos encontros coa xente, igual vemos situacións algo semellantes á que se conta no evanxeo. Por que nos resulta difícil entendernos? Que hai en min que o impide?


12 de abril: venres da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 10, 31-42
            Nunha ocasión os xudeus volveron coller pedras para acantazar a Xesús. Xesús replicoulles:
            —Moitas obras boas fixen diante de vós de parte do meu Pai. Por cal delas me acantazades?
            Respondéronlle os xudeus:
            —Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home, faste Deus.
            Xesús replicoulles:
            —Non está escrito na vosa Lei “Eu dixen: sodes deuses?” Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus –e non pode fallar a Escritura--, por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ao mundo, por dicir que son Fillo de Deus? Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen crerme. Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.
            Unha vez máis trataban entón de o prender, pero Xesús liscóuselles das mans. E foi de novo á outra banda do Xordán, ao sitio onde estivera Xoán bautizando ao comezo e permaneceu alí. E acudiron moitos onda el e dicían: “Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade.” E moitos comezaron a crer nel alí.

Meditación
            Xesús crea conflito. Hai  xente que ve as súas obras e cre nel, e hai xente que nin vendo as súas obras lle dá fe.  Tamén hoxe, entre nós mesmos, existe esta división. Hai xente, entre a que nos contamos, que cre en Xesús, como unha manifestación, unha revelación de Deus neste mundo polas súas obras. Pero hai tamén moita xente, moita, que non cre en Xesús; igual mesmo admiran os seus feitos, a súa chamada fonda á irmandade, á dignidade de todos, especialmente da xente máis maltratada, pero non cren en Xesús como Fillo de Deus, e menos na Igrexa.
            É posible remediar este conflito? Desde logo non a base de insultos, desprezos ou pedradas. Quen seguimos a Xesús temos a responsabilidade grande de non agravar ou deformar ese conflito con doutrinas torpes ou con prácticas relixiosas decadentes; se  hai conflito, que sexa porque procuramos seguir o estilo de vida de Xesús, na súa maneira de sentir e vivir a Deus, na súa maneira de respectar e defender a dignidade radical de toda persoa.

Oración

Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me alenta
a respectar a todas as persoas,
crean ou non crean en ti,
sigan ou non as pisadas de Xesús.
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me anima
a adherirme a Xesús,
en quen creo como un home
totalmente un contigo.
Que a miña fe non te traizoe,
meu Deus.
Que a miña maneira de vivir
axude a outras persoas a achegarse a ti.

Acción
            Queixámonos de que a xente non cre, pero que facemos as persoas, as comunidades cristiás para facer crible a nosa vida, o noso testemuño cristián? Vemos que podiamos cambiar en algo?
           

13 de abril: sábado da 5ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 11, 45-57
            Daquela, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixera, creron nel. Pero algúns deles foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús. Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Consello e dicían:
            —Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e máis a nosa nación.
            Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano,díxolles:
            —Non entendedes nada. Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?
            Iso non o dixo por súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había morrer pola nación; e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. Por iso aquel día decidiron matalo.
            En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión próxima ao deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus discípulos. Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. Andaban entón buscando a Xesús e, cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: “Que vos parece? Non virá á festa?” Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man.

Meditación
            A morte de Xesús foi unha morte inxusta, e, como tal, nin foi querida por Deus nin polo mesmo Xesús. O plan de quitalo de en medio obedecía ao medo a que o pensamento e a práctica de Xesús collese corpo entre a xente, e iso cuestionase o funcionamento das autoridades relixiosas do seu tempo e das prácticas relixiosas que promovían. Ante Xesús podían recapacitar e cambiar, ou obcecarse e acabar con el. Preferiron isto último. Pero curiosamente a morte coa que pretendían anular a súa influencia converteuse nunha fonte de vida e de esperanza para cantas persoas quixesen ser seguidoras del, e aínda para o mundo enteiro.
            Tamén nós podemos acoller a palabra e a vida de Xesús ou resistirnos a elas. Podemos acollelo de corazón, deixando que revolva e alente as nosas vidas, ou persistir na nosa cegueira, pechándolle as portas a quen vén para enriquecernos coa súa paz, coa súa forza.

Oración

En busca e captura, Xesús,
así estiveches ti,
como calquera malfeitor común,
sen ter feito máis ca ben.
En busca e captura
quen nos buscou apaixonadamente
para a maior liberdade.
En busca e captura
para lle dar morte
a quen era a fonte da vida.
En busca e captura, Xesús,
como tantos e tantas irmás túas
de sangue africana
que percorren os nosos pobos e cidades.
En busca e captura
agochándote
na máxima dor,
no máximo servizo.
Acompáñote, Xesús.

Acción
            Igual nalgunha ocasión temos a oportunidade de poñernos do lado dalgún inocente fronte ao poder, fronte a quen abusa del. Podemos facelo por el, por Xesús que nel repite a súa historia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.