23 abril, 2019

Tempo de Pascua: 2ª semana



  
28 de abril: Domingo 2º de Pascua

Evanxeo: Xn 20,19-31
            Pola tardiña daquel día, o primeiro da semana, estaban os discípulos nunha casa coas portas pechadas por medo aos xudeus; chegou Xesús, púxose no medio e díxolles:
            —Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
            —Paz convosco; como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E, dito isto, alentou sobre eles e díxolles:
            —Recibide o Espírito Santo; a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
            —Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
            —Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
            —Paz convosco
            Despois díxolle a Tomé:
            —Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            —Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            —Tes fe porque me viches? Benia as persoas que creron sen me veren!


Meditación
            Lido este evanxeo, podémonos preguntar: como é unha comunidade que cre en Cristo resucitado? Como son os homes e mulleres que a compoñen? Pois é unha comunidade pacificada, cunha paz fonda, que fortalece para pasar por horas boas e malas. É unha comunidade que se sente empuxada por Xesús a continuar a súa tarefa: a súa maneira de sentir a Deus, a súa maneira de crear irmandade entre a xente. É unha comunidade que para tal misión conta co regalo do Espírito Santo que nos chega a través de Xesús. É unha comunidade capaz de vivir o perdón, dándoo e recibíndoo. É unha comunidade que convive coas dúbidas, coas inseguridades. É unha comunidade que se fortalece co contacto diario con Xesús. É unha comunidade que mete as mans nas feridas deste mundo, para descubrir nelas a presenza viva de Cristo clamando solidariedade. É a comunidade de quen cre con humildade, e en Xesús pon toda a súa confianza para pasar por este mundo, coma el, facendo o ben, practicando a xustiza.
            É así a nosa comunidade? Somos así cada un, cada unha de nós? Traballamos por irnos achegando a esta forma de vida e de convivencia?

Oración

Meu Señor e meu Deus!
Admírote, agradézote,
sígote, uno a miña vida á túa,
e neste empeño gasto todo o meu tempo.
Ti es o meu amigo entrañable e mestre,
ti es quen me leva da man
para achegarme con verdade ás soleiras de Deus,
para achegarme con verdade tamén
ás soleiras da humanidade,
ao centro da familia, da comunidade, da sociedade;
e vivir aí en todo
como unha irmá, un irmán solícito,
nin máis nin menos;
no nome do amor inmenso, universal,
que ti nos descubriches e ofreciches
como o mellor regalo da vida.
Meu Señor e meu Deus!

Acción
            Crer ou non crer non é cuestión de teorías e discusións. Axúdannos e axudamos a crer cando compartimos vida, cando narramos como vivimos a fe e como a fe nos axuda a vivir. Igual podemos compartir a nosa fe con algunha persoa que ande insegura, que dubide de Deus.


29 de abril: luns da 2ª semana de Pascua

Festa de Santa Catalina de Siena, doutora e patroa de Europa.
Evanxeo: Mt 11, 25-30.
            Nunha ocasión dixo Xesús:
            —Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lle escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin ninguén coñece o Pai agás o Fillo e a persoa a quen o fillo llo queira revelar.
            Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.

Meditación
            Catarina de Siena (Siena, 1347 – Roma, 1380) foi unha gran muller mística; isto quere dicir que, no seu caso, desde moi noviña, tivo unha especialísima experiencia de Deus na súa vida, conforme as formas de piedade daquela época. Meteuse monxa dominica e viviu a fondo o anunciado por Xesús no evanxeo de hoxe. Gozou dun coñecemento amoroso de Deus durante anos de soidade e retiro, pero tamén se ofreceu coma Xesús para ser alivio da xente desfavorecida e, sobre todo a partir dos 23 anos,  para promover a paz e a concordia dentro e fóra da Igrexa. Paulo VI nomeouna Doutora da Igrexa no 1970, e Xoán Paulo II declarouna Patroa de Europa no 1999.
            Invítanos santa Catarina a coidar a nosa experiencia de Deus, e invítanos tamén a ser persoas de reconciliación. Ambas as dúas cousas ben necesarias no momento histórico que nos toca vivir. Tamén nos invita a soñar co marabilloso papel que poderían desempeñar as mulleres na Igrexa, deixándolles desenvolver as súas capacidades todas.

Oración

Para construír unha Europa fraterna,
FORTALÉCENOS, CATARINA.
Para superar vellos tics de prepotencia.
Para respectar aos pobos pequenos do Terceiro Mundo.
Para abrir as nosas portas a quen por necesidade peta nelas.
Para construír Europa desde a preferencia polo pequeno.
Para vivir e morrer coa paz sempre nas mans.
Para investir en pan o que investimos en armas.
Para abrir o noso progreso á forza do Espírito.

Acción
            Podemos achegarnos algo á biografía de Santa Catarina, desde calquera santoral ou desde o mesmo google. Seguro que atoparemos aspectos que nos sorprendan e animen.


30 de abril: martes da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 3, 5a.7b-15
Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—É necesario que nazades de novo. O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar, pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con toda persoa que naceu do Espírito.
Replicoulle Nicodemo:
—Como pode ser isto?
Respondeulle Xesús:
—Ti es mestre de Israel e non o sabes? Con toda verdade cho aseguro: falamos do que coñecemos e testemuñamos o que vimos, pero vós non aceptades o noso testemuño. Se dicíndovos cousas terreas non credes, como iades crer dicíndovos cousas celestiais? E ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.
Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.     

Meditación
            Paga a pena deternos nisto: Deus ama o mundo, a súa ansia maior é que todo o que é mundo, todo o que é creación, se desenvolva en plenitude: a natureza toda cos seus elementos inanimados, coas plantas, cos animais, cos seres humanos, todo xunto nunha completa comuñón, chea de respecto, de agradecemento mutuo, de coidado mutuo, de fondo sentido de complementariedade. Que a vida floreza en nós, seres humanos, en todo home ou muller, e en todo o noso entorno. Que a vida floreza especialmente naqueles espazos naturais, naqueles seres, naquelas persoas que están máis en risco de non poder ser, de non poder vivir en felicidade, cunha vida digna, satisfeita, a todos os xeitos.
            Esa é a aposta fundamental de Deus con toda a súa creación, na que estamos incluídas cada unha, cada un de nós coa nosa particular historia, na nosa particular situación. Isto é o nacer de novo, que o Espírito alenta, que Xesús posibilita; na cruz abriunos o campo, amosounos o camiño, ofreceunos o método: amar e servir con fondo sentido de comunidade, e deunos a forza por sen con Deus creadores do noso destino.

Oración
           
Grazas, meu Deus,
por nos quereres tanto,
por nos capacitares para unha vida digna e abundante.
Grazas por Xesús,
que ti nos ofreces
para ollarmos nel
a maneira de sermos homes e mulleres
satisfeitas, en irmandade fonda e veraz.
Grazas polo Espírito que nos dás,
que vén de ti cara a nós
para soster o noso esforzo,
para aliviar as nosas canseiras,
para empuxar as nosas esperanzas,
para alegrar e consolidar as nosas vidas.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción
            Podemos empeñarnos en vivir este día ben contentos, sabéndonos tan queridas por Deus. Podémolo demostrar cantando, festexando algo. Tamén sendo máis solícitas en compartir o amor de Deus con outras persoas servíndoas con moita alegría no que máis necesidade teñan.


1 de maio: mércores do 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 3, 16-21
            Naquel tempo díxolle Xesús a Nicodemo:
            —De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
            Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, a xente escolleu a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras, porque están feitas como Deus quere.

Meditación
            En Xesús Deus ofrécenos unha maneira de vivir curadora, liberadora. Ofrécenos o camiño de encontro co Deus Pai/Nai que nos sustenta en todo momento, que nos envolve en cada instante coa súa vontade amorosa e servidora. Ofrécenos luz para a vida, ensínanos a vernos a nós mesmas como persoas sempre queridas, sempre merecedoras de aprecio; ensínanos a ollar a xente que nos rodea da mesma maneira. Ofrécenos poder vivir como unha grande familia, na que, como pasa nas familias normais, a persoa máis débil é mellor atendida. Ofrécenos perdón para espertar cando desfalecemos e nos deixamos levar por olladas de dominio, de individualismo. Ofrécenos Espírito para resistir as forzas propias ou alleas que nos queren torcer este camiño de encontro e de unidade.
            Non por dicir que cremos en Xesús xa está todo feito. Tampouco non podemos condenar a quen non cre en Xesús. Este Espírito de Deus do que falamos anda tamén no medio de xentes e pobos que non teñen fe en Xesús, pero que á hora da verdade actúan conforme a ese fondo de humanidade polo que Xesús apostou vivamente no nome de Deus. E iso é o importante.

Oración

            Si, claro que si, meu Deus,
            podo escoller as tebras no canto da luz,
            a falsidade no canto da honradez,
            o aproveitamento no canto do servizo,
            a indiferenza no canto da solidariedade,
            a corrupción no canto da transparencia,
            as trampas no canto da xustiza,
            o vicio no canto da moderación,
            as dependencias no canto da liberdade,
            a mentira no canto da verdade,
            o odio no canto do amor,
            e así, así,
            que difícil resulta amañar a propia vida!
              ti, meu Deus, es quen de me fortalecer.
            A ti me encomendo.

Acción
            Podemos mirar se nalgún campo da nosa vida nos permitimos andar en escuridade, é dicir, fóra do esplendor da Pascua. Algo poderemos facer para a luz de Cristo resucitado alumee e recupere esas escuridades.


Ou: Mt 13, 54-58, pola festa de S. Xosé obreiro, o día internacional da xente traballadora
Mt 13, 54-58
            Nunha ocasión Xesús volveu para a súa terra, e, de tal xeito ensinaba na sinagoga, que a xente dicía abraiada:
            —De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María a súa nai, e seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? E súas irmás ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto?
            Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:
            —A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa.
            E non fixo alí moitos milagres pola falta de fe daquela xente.

Meditación
            Xesús falaba de forma tan sorprendente, que deixaba a xente abraiada. Noutro lugar dise que Xesús impresionaba falando, porque falaba con autoridade. Unha persoa fala con autoridade cando o fai con convencemento, que se ve que transmite o que vive, que non é un barulleiro baleiro, que a súa vida se corresponde co que fala. Persoas desas igual non hai moitas, pero todo sabemos distinguilas e aprecialas moi ben. Xesús era así. E a xente estrañábase, porque Xesús era un obreiro, un carpinteiro, ben coñecido el e ben coñecida toda a súa parentela na aldea, e parecíalles que iso de falar con competencia era cousa dos estudados.
            O de Xesús era vivir e falar con competencia de Deus e da vida, de Deus e da xente, de Deus e das persoas máis fráxiles, de Deus e do mundo do traballo daqueles tempos. Que bo militante obreiro era Xesús! Quen nos dese que houbese así coma el moitos e moitas militantes obreiras nos días de hoxe! Que ben se cada cristián ou cristiá traballadora nos nosos días tivésemos a forza, a conciencia, a honestidade, a liberdade, o desprendemento, o mirar polos outros, que Xesús tiña! Con cantos valores cristiáns –dos de Xesús— poderiamos enriquecer a clase traballadora tamén nos nosos tempos!

Oración
           
Que non nos falte a ninguén o pan de cada día
—orabas ti, Xesús.
Que a xente toda, sen excepción, sen exclusión,
teña traballo, terra e teito
—suplicaba o Papa Francisco co movemento obreiro internacional.
Que se acabe esa historia mortífera
de que unha inmensa maioría de xente pobre é cada vez máis pobre,
mentres unha minoría rica se enriquece cada día máis
—berran hoxe multitudes de xente excluída.
Que aceptemos o decrecemento, rebaixando afeito a nosa renda,
empezando polos máis ricos,
para que todo o mundo teña pan, sanidade, escola, traballo, dignidade
—di hoxe unha escasa minoría soñadora.
Que todo o mundo nos tratemos en todo coma se fosemos irmáns e irmás,
fillos e fillas da mesma familia,
ao redor da fonte da fraternidade que chamamos Deus
—di a conciencia crente de toda a humanidade.
Que saibamos escoitar esas voces, Xesús,
escoitar e facer.

Acción
            Podemos participar nalgunha manifestación obreira deste día. Nalgunha conversa que teñamos podemos compartir os nosos soños cristiáns de fraternidade ao redor dun decrecemento que posibilite vida digna para toda a poboación do mundo.


2 de maio: xoves da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 3, 31-36
            Nunha ocasión dixo Xesús:
            —Quen vén de arriba está por riba de todos; quen é da terra á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo está por riba de todos; do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño. Quen acepta o seu testemuño confirma que Deus é verdadeiro. Porque aquel a quen Deus mandou fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada.
            O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas nas súas mans. Quen cre no Fillo ten vida eterna; pero quen non obedece ao fillo non verá a vida, porque a ira de Deus pesa enriba del.

Meditación
            Deus non está fóra de nós, do mundo; Xesús non veu de fóra para facer o seu traballo e volverse para a súa casa do ceo. Ás veces non sabemos ben como explicar o misterio da vida sostida e alimentada polo Espírito de Deus. Pero ese é o noso misterio. Ese foi o misterio de Xesús: home en todo coma nós, pero, iso si, completamente fiel sempre ao Espírito de Deus, a Deus mesmo. Do que el foi aprendendo e vivindo é do que el nos fala; transmítenos a súa experiencia; compártea connosco. Todo ole en Xesús a fidelidade, a verdade, a desprendemento, a solidariedade, a amor. Podémonos fiar del. Hai nel un camiño certo de vida. Iso polo menos cremos as persoas que tivemos a sorte de o ir coñecendo e de introducirnos polo seu camiño de vida. Estamos chamadas a ser testemuñas diso, coa nosa vida sobre todo, tamén coa nosa palabra. Como fai Deus sempre, como fixo Xesús, propoñemos iso humildemente a quen queira aceptalo. Non xulgamos a ninguén, non condenamos a ninguén, non ameazamos a ninguén. Queremos a todo o mundo e gustaríanos que todo o mundo participase do ben que nós atopamos en Xesús, en Deus.

Oración

            Grazas, meu Deus,
            porque es fiel.
            Grazas porque cada día, cada hora,
            estás aí, ao pé da nosa vida,
            sosténdoa, alumeándoa, fortalecéndoa.
            Grazas porque es abundante nos teus dons:
            dásnos o teu Espírito sen mérito nin medida.
            Grazas por Xesús,
            esa xoia de ser humano,
            no que ti te nos amosas claramente,
            no que nós intuímos a verdade da nosa existencia.
            Grazas, meu Deus.
            En que misterio de vida nos envolves,
            con canta solicitude nos abrazas!

Acción
            Se somos tratadas por Deus con tanto agarimo, sería ben que nós fosemos testemuñas del envolvendo en agarimo e coidado todas as cousas que facemos, todos os animais cos que vivimos, todas as persoas que nos rodean. Con amor e con xustiza.


3 de maio: Festa de San Felipe e Santiago, apóstolos

Evanxeo: Xn 14, 6-14
            Díxolles Xesús aos seus discípulos:
--Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
            Felipe díxolle:
--Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
Xesús respondeulle:
--Pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai. ¿Cómo dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.

Meditación
            Co asunto de Deus, coa experiencia de Deus, andaba perdida a xente contemporánea de Xesús, e andamos perdidos tamén moitos homes e mulleres de hoxe. Para moit@s é unha pura trola. Para moit@s, un “algo hai”. Para moito@s, un verdadeiro ídolo. Para moit@s, alguén ao que acudir por comenencias. Para moitos e moitas tamén, alguén a quen temer por medo a desgrazas presentes ou eternas. Para moit@s, un sustento, unha fonte de vida, o comezo e a fin de todo, alguén que nos acompaña secretamente, pero eficazmente tamén, nos vaivéns todos da vida: unha forza de solidariedade no amor, que nos conduce cara á total reconciliación e unidade, tantas veces rota entre nós por maldades e abusos que nos facemos.
            Xesús ofrécesenos como camiño certo cara a Deus, con quen el trataba coma cun Pai ou Nai, e por iso así o chamaba, como alguén próximo, familiar, íntimo; como alguén         con quen paga a pena vincular toda a vida. As palabras de Xesús, as súas obras sobre todo, o seu xeito de tratar con Deus e de tratar coa xente son para quen cremos nel a maneira correcta de achegarnos con verdade a Deus. E respectamos, por suposto, a quen faga esa busca de Deus por outros camiños.

Oración
           
Polo teu camiño quero andar, Xesús,
para achegarme a Deus con verdade,
para andar entre a xente con verdade tamén,
para entenderme e vivirme a min mesmo na verdade.
Na túa verdade quero camiñar, Xesús,
para atinar nos camiños da vida,
para integrarme en toda a creación fraternalmente
para xerar contigo gozos e esperanzas.
Da túa vida quero vivir, Xesús,
para poder gozar a miña existencia,
para poder compartila xenerosamente,
para deixar que Deus sexa en min, con toda humildade.
Grazas, Xesús,
por seres camiño, verdade e vida.

Acción
            Canto tempo levamos nós tamén enredad@s nas cousas de Xesús e tamén escasamente o coñecemos. Xesús era máis de vivir cara a Deus, cara á xente débil, ca non de botar discursos. Con que insistencias vivimos nós a cousa relixiosa?


4 de maio: Sábado da 2ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 6, 16-21
            Como xa caera a tarde, os discípulos de Xesús  baixaron ao mar, montaron nun bote e dirixíronse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non chegara onda eles. O mar empezou a picarse, porque ventaba rexo. Despois de levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme se ía achegando ao bote, empezaron a coller medo. Pero el díxolles:
            --Son eu, non teñades medo.
            Entón queríano facer subir ao bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio onde ían.

Meditación
            Que fai Xesús resucitado no medio da comunidade, no medio dos homes e mulleres que cremos nel? Este relato, no que cómpre restarlle importancia ao seu estilo milagreiro, dános algo de resposta. Unha comunidade cristiá sen Xesús ben no medio vai á deriva. Que a noite sexa pecha, que o mar se pique, que o vento pete forte son maneiras de nomear os diferentes atrancos cos que as persoas, ou  cada comunidade nos temos que enfrontar. Eses atrancos poden brotar do interior ou do exterior da comunidade ou das persoas. Que Xesús camiñe por riba das augas é unha maneira de dicir que cando lle dámos acollida na vida, na comunidade, as dificultades non desaparecen, pero vémonos capaces de abordalas, porque nos situamos ante elas ao estilo de Xesús: ben asentadas en Deus Pai/Nai, ben confiadas na forza do Espírito, ben fortalecidas pola mesma comunidade. É ben importante permitirnos que resoen con forza no noso corazón, na nosa vida esas potentes palabras de Xesús: Son eu, non teñades medo.

Oración

            Son eu, non teñades medo.
            Son eu,
            estou aquí,
            ao voso carón, no medio de vós:
            non teñades medo.
            Se queredes,
            non hai cousa que vos poida arrincar
            do lugar da paz,
            do lugar da esperanza.
            Nin as ameazas interiores,
            que cada quen fabrica no seu intimo;
            nin as agresións exteriores,
            que desde a maldade, desde o poder
            se conxuran contra vós.
            A fe,
            se é sinxela, fonda e transparente,
            non vos fará intocable,           
pero arredará de vós todos os medos e desalentos.

Acción
            Pode ser de proveito que intentemos identificar os medos que nos encollen, como persoas ou como comunidade, sexan do tipo que sexan. Como os afronto desde a fe que temos en Xesús?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.