mércores, 29 de maio de 2019

Tempo de Pascua: 7ª semana




2 de xuño: domingo 7º de Pascua

Evanxeo: Lc 24, 46-53
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Así está escrito: O Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguida na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
Despois levounos para fóra a un lugar preto de Betania e alí, erguendo as mans, bendiciunos. E mentres os bendicía, foise separando deles e foi elevado ao ceo. Eles, despois de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote no templo bendicindo a Deus.

martes, 21 de maio de 2019

Tempo de Pascua: 6ª semana




26 de maio: domingo 6º de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 23-29
Na conversación habida despois da derradeira cea, díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se alguén me ama, gardará a miña palabra e meu Pai amarao e viremos onda el e faremos vida con el. Quen non me ama non garda as miñas palabras, e a palabra que escoitades de min non é miña, é do Pai que me mandou.
Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco, pero o Paráclito, o Espírito Santo que me Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen. Déixovos a paz, douvos a miña paz; eu non vola dou como a dá o mundo. Non vos angustiedes nin teñades medo. Oístes que vos dixen: voume e logo volvo onda vós. Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min. Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades.

mércores, 15 de maio de 2019

Tempo de Pascua: 5ª semana




19 de maio: domingo 5º de Pascua

Evanxeo: Xn 13, 31-33ª. 34-35
Cando Xudas saíu do lugar onde cearan, dixo Xesús:
—Agora queda glorificado o Fillo do home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos, só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento novo: amádevos entre vós; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. Nisto coñecerá todo o mundo que sodes os meus discípulos, en que vos tedes amor entre vós.

mércores, 8 de maio de 2019

Tempo de Pascua: 4ª semana





12 de maio: domingo 4º de Pascua

Evanxeo: Xn 10, 27-30
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o rodeaban:
—As miñas ovellas escoitan a miña voz; eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna e non se perderán para sempre; ninguén mas quitará da man. Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e máis eu somos un.

mércores, 1 de maio de 2019

Tempo de Pascua (C): 3ª semana



5 de maio: Domingo 3º de Pascua

Evanxeo: Xoán 21, 1-19
            Xesús aparecéuselles aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo e máis outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
            —Vou pescar.
            Eles contestaron:
            —Imos tamén nós contigo.
            Saíron e subiron á barca. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero os discípulos non se decataron de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
            —Rapaces, ¿tedes algo que comer?
            Eles responderon:
            —Non.
            Díxolles entón:
            —Largade o aparello por estribor e atoparedes.
            Eles largárono e xa non podían alzalo a bordo de tanto peixe. Entón aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
            —É o Señor.
            Daquela Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido –pois estaba espido— e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba e máis pan.
            Xesús díxolles:
            —Traede deses peixes que acabades de coller.
            Simón Pedro subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e con seren tantos, non rachou o aparello.
            Xesús díxolles:
            —Vinde comer.
            Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle “ti quen es”, sabedores de que era o Señor. Foi Xesús colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe. Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.
            Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
            Simón de Xoán, ¿ámasme máis ca estes?
            El contestoulle:
            —Si, Señor, ti sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            —Apacenta os meus años.
            E de novo preguntoulle por segundo vez:
            —Simón de Xoán, ¿ámasme?
            El respondeulle:
            —Si, Señor, ti sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            —Apacenta as miñas ovellas.
            E preguntoulle por terceira vez:
            —Simón de Xoán, ¿quéresme?
            Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “¿quéresme?”, e respondeu:
            —Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            —Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans e vestirate outro e levarate onde non queres.
            Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
            —Sígueme.