08 maio, 2019

Tempo de Pascua: 4ª semana





12 de maio: domingo 4º de Pascua

Evanxeo: Xn 10, 27-30
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o rodeaban:
—As miñas ovellas escoitan a miña voz; eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna e non se perderán para sempre; ninguén mas quitará da man. Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e máis eu somos un.


Meditación:
Xesús foi medrando nunha experiencia fonda de unidade, unidade co Pai/Nai, que o levou a unha unidade coherente e solidaria coas persoas, coas máis débiles sobre todo, porque son as persoas máis débiles as que provocan e reclaman a urxencia do un, da unidade, do compartir, da comensalidade, do servizo. Foi descubrindo e vivindo a fondo que o seu ser estaba afincado en Deus, no un, no todo, no todo amor, no todo perdón, no todo misericordia, no todo xustiza, no todo paz. Ata o punto de poder dicir con convicción: o Pai/Nai e máis eu somos un. O descubrimento progresivo desa identidade fíxoo participar no poderío enorme de Deus, que é un poderío de vida e de servizo. Xesús ábrenos a mente, os ollos e os corazóns para a comprensión da nosa propia identidade: tamén nós estamos chamados a ser un con Deus; esa é a nosa identidade máis fonda e verdadeira. Xesús traballou isto ao longo da súa vida, e traballouno co estilo de vida que polos evanxeos ben coñecemos. ¿Como o traballamos nós, como o traballamos nas nosas comunidades?
O seguimento de Xesús vén determinado polos mesmos pasos do Evanxeo. Non se nos propón seguir a ningún ser extraterrestre. Nin a ningunha figura ou mito virtual. Para o seguimento ofrécesenos a persoa dun tal Xesús de Nazaré, que viviu como viviu, que amou como amou, que andou entre ricos e pobres como andou, que se apaixonou por Deus e polos débiles como se apaixonou, que entrou en conflito cos poderes relixiosos como entrou, que padeceu e morreu e resucitou, por esta orde, como el o fixo. A vida abundante, consistente, eterna, que nos garante vai vinculada a este camiño simple, humilde, do que, grazas a Deus, coñecemos os detalles suficientes para non errar. Xesús resucitado estanos convidando. O convite da Eucaristía leva encerrado, como sorpresa, este convite maior, este convite da vida plena.

Oración

Meu Pai e máis eu somos un.
Que así eu tamén, Xesús,
que así sexa eu un
contigo, co Pai, no materno Espírito,
sentindo contigo,
amando contigo,
servindo contigo,
pacificándome a fondo contigo.

Que sexa un contigo, Xesús,
que sexa un cos meus irmáns e irmás,
que sexa un coa xente desamparada,
coñecéndoa, tratándoa,
doéndome con ela,
sentindo con ela a súa mesma rabia,
reclamando con ela o dereito elemental
ao froito do seu esforzo.

Que sexamos un contigo, Xesús,
co Pai, no materno Espírito.

Acción
Podemos reforzar a nosa colaboración solidaria con Xesús, para que a súa presenza servidora se espalle canto máis mellor. Podémolo facer reforzando a nosa participación en accións solidarias que se dean ao noso redor, co espírito servidor de Xesús.


13 de maio: luns da 4ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 10,1-10
Naquel tempo dixo Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús esta comparanza, mais eles non coñeceron qué era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
—Con toda verdade volo aseguro; eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase; entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

Meditación
A comparanza de Xesús como pastor e as persoas como ovellas dá moito xogo. Claro que debemos absternos de pensar que, por comparársenos coas ovellas, teñamos que ser persoas abobadas, aparvadas; nada diso. Sermos dóciles a Deus non quere dicir ser persoas aparvadas, nin paradas, nin faltas de creatividade, de iniciativa, de forza para a vida, para dar a cara, para defender dereitos propios e alleos. Nada diso. O exemplo témolo en Xesús mesmo, a persoa máis fiel a Deus que houbo e haberá no mundo, e, por iso mesmo, a máis valente e ousada.
A comparanza do pastor insiste hoxe no tema da porta. Neste caso Xesús é a porta. As persoas que lideran a comunidade en calquera dos seus niveis e responsabilidades deberían pasar pola porta, é dicir, pasar por Xesús, imitar o seu estilo servidor, pastorear dando a vida pola xente, non aproveitándose da vida da xente para o propio engorde. Xesús nunca actuou para vivir el a conta da comunidade, senón ao revés para que a comunidade vivise a conta del. Só un pastor así acaba facendo da comunidade un pobo vivo, ilusionado, esperanzado. Canto precisamos pastores así nestes tempos de tanta fraxilidade!

Oración

Grazas, Deus noso,
polas persoas que animan a nosa fe,
que aguantan do noso amor,
que sosteñen a nosa esperanza.
Grazas polas persoas que, como Xesús,
dan a súa vida, o seu xenio,
o seu tempo, os seus afectos,
a súa creatividade, os seus coñecementos
para que outros e outras teñamos
o gozo de vivir en comunidade,
de medrar como crentes, como cidadás.
Grazas, Deus noso,
polas persoas que nos axudan
a orar e a loitar,
a resistir e a festexar,
a implicarnos na vida
e a fiarnos completamente de ti.
Grazas, Deus noso.

Acción
Podemos achegarnos hoxe a algunha das persoas que para nós teñen sido persoas que termaron de nós en calquera campo da nosa vida. Expresámoslle o noso agradecemento da maneira que mellor vexamos.


14 de maio: martes da 4ª semana de Pascua. Festa de San Matías apóstolo.

Evanxeo: Xn 15, 9-17
Naquel tempo díxolles Xesús:
—Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena.
Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor; a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós, e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome volo conceda. Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.

Meditación
O fondo da nosa existencia está vinculado ao amor. Da fonte do amor vanse sucedendo unha serie de consecuencias que lle dan corpo a unha vida crente, a unha vida cristiá. Todo parte dun Deus que, como Pai ou Nai que é, nos quere con loucura. Xesús experimentou ese amor a fondo e permaneceu nel deixándose levar por Deus sen receo ningún, e comprendeu que iso o levaba a quererlle á xente. Toda a súa vida foi iso: quererlle a xente, e non de calquera maneira; quererlle establecendo relacións de amizade, tratando a xente como amigos e amigas sempre, compartindo a súa riqueza interior inmensa, sacrificándose ata a morte pola xente que quería, gozando con que a xente se desenvolvese e se fixese xente con vida, con calidades, con froitos, con capacidade de amor tamén. E así pechar ese círculo que empezaba en Deus e a Deus volvía a través do amor. E nós estamos aí no medio. Iso é o que dá sentido á nosa existencia. Amar non é calquera cousa. Amar é o  noso ser. Deus é amor. Xesús é amor. Nós somos amor.

Oración

Somos amor, Xesús,
como ti es amor,
como o Pai/Nai é amor.
Pero tamén podemos ser desamor,
tamén podemos cortar ese círculo solidario
que lle dá sentido á nosa existencia.
A Xudas, o apóstolo escollido e querido,
custoulle andar na roda do amor
e abandonou dramaticamente.
No seu canto foi elixido Matías,
a quen hoxe recordamos.
Que sexamos dóciles
para aprender a non xogar co amor,
a non facer del unha palabra baleira,
a enchelo con cousas de solidariedade
no vivir de cada día.
Que sexamos ben dóciles
para aprender o difícil arte de amar.


Acción
Podemos revisar como  está sendo realmente o noso amor. Para iso podemos pensar por unha banda como nos relacionamos coa xene da casa coa que convivimos; e por outra banda podemos pensar tamén en cantas cousas de apoio a persoas en debilidade estamos enredad@s. Seguro que atoparemos algo que nos permita avanzar no amor.


15 de maio: mércores 4ª semana de Pascua.

Evanxeo: Xn 12, 44-50
Nunha ocasión falou Xesús así berrando:
—Quen cre en min realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; e quen me ve a min ve a quen me mandou. Eu son a luz que veu ao mundo, para que quen crea en min non permaneza nas tebras.
Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda eu non o  xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar. Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten que o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei falar. E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.

Comentario
En Xesús a súa vida nunca se apartou do que pensaba e falaba: se falaba de amar a Deus ata o extremo, amábao ata o extremo; se falaba de perdoar mil veces, mil veces perdoaba; se falaba de poñer as persoas por riba das leis relixiosas, tal foi o que fixo ata poñer en perigo a súa mesma vida; se falaba da urxencia de respectar e coidar das persoas máis depauperadas, a esas persoas dedicou especialmente a súa vida toda.
Sabemos que nós, os seguidores e seguidoras de Xesús de hoxe, somos xente de moitas palabras, pero non de moita palabra. Dicimos e non facemos. Aparentamos moitas veces andar apegados a Xesús, pero a nosa vida desmínteo. ¡Canto temos por aprender para a nosa vida cristiá deste Xesús ao que diariamente diriximos a nosa ollada e o noso corazón!

Oración

Que a túa luz, Xesús,
ilumine as nosas tebras.
Que a túa palabra asente en nós
e se converta en vida.
Que avancemos humildemente na tarefa
de amosarte coa nosa maneira de vivir,
o mesmo que ti coa túa maneira de vivir
nos amosaches o rostro humano de Deus.

Acción
É o 15 de maio, día de San Cidre, día do Mundo Rural. Sexamos ou non xente de aldea, podemos achegarnos física e cordialmente a este mundo ao que tanto lle debemos. Velo, andalo, falar con quen nel traballa, entender os seus problemas, solidarizarnos coas súas demandas.


16 de maio: xoves da 4ª semana de Pascua.

Evanxeo: Xn 13, 16-20
Cando Xesús acabou de lles lavar os pés aos discípulos, díxolles:
—Con toda verdade volo aseguro: o servo non é meirande que o seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou. Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.
Non o digo por todos vós; eu ben sei a quen escollín, pero para que se cumpra a Escritura: “O que come comigo o pan levantou contra min o seu pé”. Dígovolo da dende agora, antes de que suceda, para que cando suceda, creades que eu son. Con toda verdade volo aseguro: quen acolla a aquel que eu mande, acólleme a min, e quen me acolle a min acolle a quen me mandou.

Meditación
Está claro que nós, simples servidores e mensaxeiros, non somos máis grandes có noso Irmán maior e Guieiro. Se lle preguntamos a Xesús, nun suposto curriculum vitae, ¿cal é o teu oficio ou profesión?, el hanos dicir: “Servidor; para iso vin e para iso estou neste mundo”. Non cadra, logo, que nós, as persoas que nos dicimos seguidoras e seguidores del, aspiremos a outra cousa. Ese debería ser o fundamento do noso proxecto de vida. E ver como, sexa cal sexa a nosa profesión, todo o vaiamos levando a nos converter en simples servidores e servidoras no medio dos grupos humanos nos que nos movemos. Non é cuestión de arrastrarse ante ninguén, non é cuestión para nada de perder a propia dignidade, nin de deixar que nola tripen, senón precisamente de atopar a máxima dignidade, a máxima liberdade, o máximo crecemento levando na man diariamente o gusto por contribuír a que outras persoas medren ao meu carón.

Oración

Pódoche facer caso ou non, Xesús,
pero ti ofrécesme o que a ti te fixo feliz.
E ti, afincado fortemente en Deus,
sabes como un ser humano calquera
se fai verdadeiramente humano,
verdadeiramente feliz,
aínda que a nós nos estrañe.
Grazas, Xesús,
acollo as túas palabras
e dispóñome a convertelas
no ser do meu ser.

Acción
Podemos mirar ata que punto a nosa vida está marcada polo servizo ou non. Podemos mirar en que cousas nos poderiamos facer persoas máis e mellores servidoras, á luz  de Xesús.


17 de maio: Venres da 4ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 1-6
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non vos angustiedes. Crede en Deus e máis crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
—Señor, se non sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.

Meditación
Hai moita xente angustiada. Os tranquilizantes son os medicamentos máis solicitados e consumidos nas nosas sociedades. Angustiámonos por cousas de peso, pero moitas veces por calquera cousa. Temos pouca capacidade para dixerir fracasos, negativas, demoras. A angustia é a cara negativa dunha sociedade que aspira a telo todo, que aspira á riqueza, ao éxito, á satisfacción plena.
Como resoan nas nosas vidas as palabras de Xesús: Non vos angustiedes? ¿Qué ten Xesús para conter a nosa angustia? Xesús, falando desde a súa experiencia, dinos simplemente: confiade en Deus, confiade en min. Confiar en Deus: non somos seres abandonados; estamos envoltos por unha inmensa vontade de tenrura solícita que nos acompaña desde o nacemento ata a morte e máis alá da morte. Confiar en Xesús: temos alguén que abriu camiño para atinar no que nos leva á satisfacción, á vida. Desde esta confianza básica vivida en comunidade poderemos afrontar mellor os retos da vida. Confiar non elimina as dificultades  nin o esforzo para superalas, pero ofrécenos a actitude vital desde a que loitar a vida sen angustia.

Oración
           
Grazas, Xesús,
por estar aí, ao noso lado, en todo momento.
Grazas por acompañarnos
cando a vida se nos fai costa arriba,
e nos angustian os problemas familiares ou laborais.
Grazas por estar ben a rente de nós
cando no fondo do noso ser non temos paz
nin o camiño para atopala.
Grazas, Xesús,
por soster a nosa esperanza
cando a maldade do mundo nos desborda
e a xente máis débil padece inxustiza.
Grazas porque ti co teu Deus
estades sempre do noso lado,
sostendo alentos,
garantindo felicidades.
Grazas.

Acción
Podemos palpar a nosa existencia e ver que angustias temos. ¿Son angustias por cousas que pagan a pena, ou deixámonos envolver na roda das angustias á que a sociedade nos somete? Como as estamos resolvendo? Podemos compartilas. Podemos axudarnos mutuamente.


18 de maio: sábado da 4ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 7-14
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
Felipe díxolle:
—Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
Xesús respondeulle:
—Pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai. ¿Como dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.

Meditación
É normal que, como a Felipe, nos guste ir á fonte das cousas: a fonte da inocencia, a fonte da honradez, a fonte da xustiza, a fonte da irmandade, a fonte da felicidade, a fonte do amor, a fonte do servizo, a fonte da xenerosidade, a fonte da fortaleza, a fonte do perdón, a fonte dos soños, a fonte da vida, a fonte de todo, a túa fonte, a miña fonte. É normal que non paremos ata que, como sedent@s, batamos coa fonte de todas estas augas, batamos con Deus, batamos co Pai/Nai da que todo ben procede.
As primeiras comunidades cristiás viron a Xesús como alguén fondamente identificado con esa fonte, co Pai, de xeito que quen o mira a el, mira o Pai/Nai; quen contempla o seu estilo de vida, está contemplando ao tempo aquilo que ao Pai/Nai lle comprace. Crer en Xesús, contemplar a Xesús con ollada admirada e agradecida, leva a facer feitos ao estilo del nos tempos de hoxe.

Oración

No teu nome, Xesús,
presentámonos diante de Deus
coa nosa vida esmoleira nas mans.
No teu nome
agardamos de Deus
os alentos que nos faltan
para ser algo coma ti
nos tempos turbulentos que vivimos.
No teu nome, Xesús,
abrimos ante o noso Deus
a saca de paz e da xustiza
para renovarnos con elas no teu nome,
para compartilas audazmente tamén no teu nome.
No teu nome, Xesús,
todo no teu nome.

Acción
Levas tanto tempo comigo e ¿aínda non me coñeces?  Xesús tamén nos podería dicir a nós iso mesmo. Podémonos propoñer ler algún libro sobre Xesús que alguén nos aconselle por estar adaptado a nós; ou incluso podemos apuntarnos a algún grupo que queira coñecer algo máis a Xesús, para podelo seguir mellor.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.