19 xuño, 2019

Tempo Ordinario: 12ª semana



  
23 de xuño: Solemnidade do Corpo e Sangue de Cristo

Evanxeo: Lc 9,11b-17
Unha vez Xesús empezou a falarlle á xente do reino de Deus e curaba a cantas persoas o necesitaban. E, como xa ía caendo o día, achegáronse os doce e dixéronlle:
—Despide a xente, para que vaian as vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e onde atopen algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.
Pero el contestoulles:
—Dádelles vós de comer.
Eles contestaron:
—Pero, se non temos máis ca cinco bolos de pan e dous peixes! A non ser que vaiamos mercar mantenza para toda esta xente.
Eran uns cinco mil homes. Pero el díxolles aos seus discípulos:
—Colocádeos en grupos e cincuenta.
Dixéronllelo e sentaron todos. El colleu os cinco pans e máis os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todo a fartar e coas sobras encheron aínda doce cestas.


Meditación
Xesús está coa xente, co pobo; fálalles da novidade do Reino de Deus, que, polo que ía mostrando coa súa palabra e cos seus feitos, era un movemento de renovación para as persoas e para o conxunto da sociedade, baseado na desbordante misericordia de Deus, e na inclinación especial por aquelas persoas e grupos sociais que máis especialmente estaban sendo marxinados, diminuídos por calquera clase de poder político ou relixioso, por calquera clase de abandono ético ou espiritual. Xesús falaba e curaba, atendía a saúde, os corpos e os espíritos da xente, o benestar total das persoas que o rodeaban. Xesús manda asumir a organización dunha comida de pan e peixe, para que a xente famenta non volva ás súas casas derreada, a base de compartir o pouco que había nas faldriqueiras dalgúns ou dalgunhas asistentes. Sobra comida cando non se amorea con egoísmo e cando se comparte con xenerosidade. Ninguén foi excluído daquel banquete solidario, porque, aínda que o evanxelista se encarga que sinalar de que os asistentes eran cinco mil homes, ben sabemos todos que onde había homes había tamén mulleres, e seguro que tanto ou máis devotas de compartir e repartir do que calquera outro. O de menos é saber se todo o contado polo evanxelista foi certo ou foi ficción, porque o interese do relato non está na súa historicidade, senón no seu dinamismo interior, no marco que ofrece dunha maneira nova de ser persoa relixiosa no medio do pobo, no soño de Deus no medio do pobo.
Como persoas, como comunidades cristiás, todos, todas debemos cuestionarnos que temos feito coa celebración eucarística, que temos feito co Corpo e co Sangue de Cristo entregados por nós, e por todo o mundo, sen exclusión ningunha. Os evanxeos ofrécennos o marco axeitado para unha boa práctica da Eucaristía, da Misa. Caer na conta da identificación, como o mesmo Xesús dixo, do seu Corpo e do seu Sangue co Corpo e co Sangue de todo ser humano, e especialmente co das persoas máis abusadas, que máis o teñen lesionado, deteriorado, iso parece ser a clave para unha correcta integración da veneración do Corpo e do Sangue de Xesús o Cristo na celebración da Misa e en toda a vida cristiá.

Oración

Non me digas que non tes nada que aportar
para a vida, para a festa, para o gozo da comunidade!
Faise comunidade coa graza de todos e todas.
Faise parroquia cos brazos de todos e todas.
Faise pobo cando todos e todas arrimamos o lombo.
Faise Reino de Deus co Corpo e co Sangue de todos e todas.

Non teñas medo a perder, a quedar baleira/a;
canto pos en servizo da comunidade
—casa, cartos, afectos, tempos, ansias, gozos, soños...—,
multiplicarase nas túas mans
en formas e maneiras inimaxinables.

Experimenta con Xesús, ben achegada/o a el,
a enorme liberdade e alegría de ser Pan e Viño,
Corpo e Sangue santos,
para a ledicia da xente,
para a festa e liberación do pobo.

E entrarás sinxelamente na rolda amorosa de Deus,
que é e atopa gloria no resplandor da comunidade.

Acción
A festa do Corpo e Sangue de Cristo sempre nos invita a ver como está sendo o noso compromiso coa xente máis desfavorecida da nosa comunidade ou pobo. Que facemos por esa xente? Que poderiamos facer?


24 de xuño: Natividade de San Xoán Bautista

Evanxeo: Lc 1, 57-66.80
Cando a Sabela se lle cumpriu o tempo, deu a luz un fillo. En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. Aos oito días levárono a circuncidar e queríanlle poñer o nome de Zacarías coma seu pai. Pero interveu a nai dicindo:
—Non, chamarase Xoán!
Eles replicaron:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
Preguntáronlle por xestos ao pai, como quería que se chamase. El pediu con que escribir e puxo:
       —Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron sorprendidos. E se súpeto ceibóuselle a lingua e empezou a falar bendicindo a Deus. A xente veciña quedou toda abraiada e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. Todos os que o oían dicían moi impresionados: “¿Que vai ser deste neno?” Porque a man de Deus estaba con el.
O meniño medraba, robustecíase o seu espírito e vivía no deserto ata o día de se manifestar a Israel.

Meditación
Xoán e o froito da fraxilidade feminina de Sabela confiada en Deus. O mesmo que Xesús será o froito da fraxilidade feminina de María confiada en Deus. Zacarías  estivo aí, Xosé estivo aí, acompañando e compartindo feitos e procesos. Ambos, Xoán e Xesús, teñen a mesma matriz: o regalo de Deus intervindo misteriosamente na historia das persoas, da humanidade, a través de circunstancias simples, normais: naceron coma uns de tantos, diría San Paulo.
Xoán foi unha persoa que chegou fondamente á alma de Xesús. Cando este andaba en busca, atopou en Xoán un ideal de vida e de tarefa; encantoulle a súa austeridade libre, cómo estaba absolutamente cimentado en Deus, cómo lle doía a relixiosidade baleira que se promovía desde a institución; encantáballe a súa liberdade para falar sen medos desde o que lle nacía no seu propio corazón, e tamén iso de entender que a relixión boa tiña moito que ver coa honradez, co non abuso, co respecto, co compartir. Como Xesús, Xoán foi forte ata dar a vida polo que entendía que era o mellor servizo a Deus e á xente. Xesús bebeu moito desta fonte, aínda que logo o desenvolvería con palabras e feitos moito máis aló do que Xoán podía imaxinar.
Xesús non naceu da nada. Todo o seu, que tanto nos marabilla, foi posible grazas a que antes ca el, xa houbera moitas persoas especialmente sensibles ás cousas do Espírito, que foran abrindo camiños, botando sementes, que logo frutificaron de forma tan potente na persoa de Xesús. Por iso dicimos con convencemento que Xesús foi froito do Espírito. Os nosos recorridos persoais e históricos están igualmente poboados de nomes e de influencias. Nós tamén podemos ser persoas significativas, importantes, mesmo imprescindibles, para que outra xente se achegue ao corazón de Deus, ao corazón da vida xusta e libre en Deus. Xoán é un referente.

Oración
           
Bendito, Xoán,
no teu nacemento
no que se xuntou o amor duns pais crentes
co Espírito de Deus que todo o fertiliza!
Bendito, Xoán,
porque a man de Deus sempre estivo contigo
e te deixaches guiar sempre por ela,
e nela buscaches apoio e seguridade!
Bendito, Xoán,
que puideches medrar e robustecerte no Espírito
poñendo da túa parte o que Deus che ía pedindo!
Bendito, Xoán,
que nos desvelas o que pasa con todas nós:
tamén froitos do Espírito para a construción persoal,
para a construción comunitaria!
Bendito, Xoán,
forte e dócil,
seguro e humilde,
libre a todos os xeitos e por iso mesmo crítico,
aberto a todos os sinais de Deus,
aberto a Xesús!
Bendito, Xoán,
primo de Xesús,
mestre de Xesús,
discípulo de Xesús!
Admirámoste, agradecémoste.
¡Bendita tamén a nai que te pariu e os peitos que te criaron!

Acción
Na festa de Xoán o Bautista podemos recoñecer e agradecer expresamente a algunha persoa que foi importante no noso crecemento humano e espiritual.


25 de xuño: martes da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 6.12-14
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non deades o sagrado aos cans nin lle botedes as vosas perlas aos porcos; non sexa que as esmaguen cos pés e, virándose, vos esnaquicen.
—Así que tratade a xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e máis os Profetas. Entrade pola porta estreita, porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitas as persoas que entran por el. Pero ¡que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!

Meditación
Tres advertencias sinxelas por parte de Xesús. Cans e porcos eran animais impuros na cultura xudía; con este dito parece que Xesús nos invita a coidar o regalo de Deus que recibimos: sermos fillos e fillas del, sermos irmáns e irmás entre nós, querer estender a irmandade a toda a xente, sexa da raza, cor, país, cultura o relixión que sexa. Non xogar con isto, estimalo moito; é o noso tesouro cristián que temos que coidar con moito coidado. Se non o coidamos, a nosa falla de coherencia destrúenos a nós mesmos.
Tratar a xente como nos gustaría que a nós nos tratasen. Que cousa máis sinxela e necesaria. Canto cambiaría a nosa convivencia diaria se o fixésemos así!
Porta estreita e porta ancha: si, porque o ben que soñamos para nós e para a xente toda do mundo é un regalo de Deus, pero, ao tempo, é tamén froito do noso esforzo. Esforzo, constancia, capacidade de sacrificio ás veces, renuncia, resistencia, resiliencia, superar gustos e apetencias, etc., son cousas que parecen pasadas de moda, pero que, sabiamente vividas, son imprescindibles para calquera crecemento humano, espiritual, relixioso. A iso tamén nos invita Xesús, porque nos quere ver sans e robustos na vida.

Oración
           
Xesús,
quero estar cabo ti
para que me aprendas
as cousas simples e fondas da vida.
Gústame iso de non xogar coa vida, Xesús,
de non xogar coa xente, coa convivencia,        
de coidar todo o que a agranda e favorece.
Gústame tamén iso de non xogar coa fe,
non xogar contigo, con Deus,
non xogar coas cousas todas do teu Evanxeo:
acollelo, amalo e, no que poida, vivilo.
Estou disposto a traballar, a esforzarme,
a non deixarme levar pola preguiza, polas apetencias.
Apréndeme a facelo sabiamente, Xesús,
para que en min, en todos e todas nós,
resplandeza a vida, a ledicia, a paz e o ben;
e así facer da vida un xogo gozoso
e do trato coa xente e con Deus unha festa permanente.

Acción
Por nugalla ou preguiza, por abandono, por andar ao máis doado, ¿estamos quizais deixando de facer cousas que vemos proveitosas para nós, para a familia, para a comunidade, para a sociedade? ¿Non poderiamos cambiar algo?


26 de xuño: mércores da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 15-20
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non son máis ca lobos rapaces! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos? Toda árbore boa produce froitos bos, e toda árbore mala produce froitos ruíns. Unha árbore boa non pode producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos bos. Toda árbore que non produce froitos bos córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os coñeceredes.

Meditación
O falar non ten cancelas, afirma o dito popular galego. “Obras son amores y no buenas razones”, afirma tamén o dito castelán. Ambas as dúas resumen moi ben o que xa Xesús nos quixo dicir, e que todos entendemos perfectamente. Os feitos de vida son os que nos din a verdade sobre nós mesmas e sobre as demais persoas: o que somos e o que non somos, o que son e o que non son. Botar discursos, escribir é doado; fano moitos feirantes que hai no campo do consumo, da política, da mesma relixión. O sentido común débenos poñer en garda, sobre todo ante aquelas persoas que encobren a súa malicia debaixo dunha aparencia de mansedume, de verdade, de bos razoamentos.
Nos nosos tempos cómpre moito ter da man este criterio, porque constantemente estamos sendo bombardeados por palabras, imaxes, noticias, presuntas verdades e seguridades sobre todo, que nos chegan por medio dos moitos medios de comunicación. Para saber o  que é bo e o que é malo as persoas cristiás ollamos con confianza os feitos de Xesús.

Oración
           
Veraz,
coherente,
transparente.
Amiga da palabra
confirmada polos feitos.
Amiga dos feitos
que sustenten as palabras.
Froita boa de árbore tamén boa,
para solaz meu e de quen me rodee na vida.
Cousa saborosa que te glorifique,
meu Deus, fonte de todo ben;
persoa de quen se fiar,
para que medre a verdade,
a honradez, a ledicia,
e con elas a paz.
Así me queres ti, Xesús,
Así, por ti, me quero eu.
Grazas.

Acción
       Revisemos un pouco as nosas palabras de cada día ante diferentes persoas. ¿Son palabras sempre cheas de verdade, acompañadas de feitos? Algo poderemos facer para poñer máis verdade na nosa vida.


27 de xuño: xoves da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 21-29
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non todo o que me di: “Señor, Señor” entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial. Moitos hanme dicir naquel día: “Señor, Señor, ¿non profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e non fixemos moitos milagres no teu nome?” Pero daquela eu heilles dicir abertamente: “Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os malfeitores!”
Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha. Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval e bateu contra a casa, que se derrubou sendo grande a desfeita.
E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina, porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.

Meditación
Onte dicíanos que nos damos a coñecer polos nosos feitos, bos ou ruíns. Hoxe Xesús, na mesma liña, dinos que os feitos bos son moito máis importantes que os nosos rezos, as nosas afirmacións relixiosas, o noso  falar de Deus, ou calquera cousa máis ou menos marabillosa que poida saír de nós nese campo.
Para Xesús os feitos son bos cando responden á vontade de Deus. E a vontade de Deus non é algo máxico, nin algo que se nos manifesta así polas boas. Para Xesús o máximo era sempre facer a vontade de Deus, e para atinar coa vontade de Deus el buscaba, compartía, pensaba, razoaba, sentía, rezaba, actuaba. Así descubría a vontade de Deus e facíaa súa; a súa propia vontade era unha coa de Deus. Eran un. Pois o mesmo para nós: atinar coa vontade de Deus en cada circunstancia da vida non é copiala dun libro, senón poñer o corazón e a cabeza a andar, con humildade, abertas ao que outras persoas buscadoras nos transmiten tamén. A vontade de Deus non tripa a nosa. A nosa tamén se pode ir facendo unha coa de Deus. Unha aventura impresionante.

Oración
           
Unha casa sobre pedra,
sobre a pedra firme da túa vontade.
E non sobre as areas corredías dos meus quereres.
Ai, canté, meu Deus, canté!
Quen me dera ir limpando os meus quereres todos
ata descubrir neles
os sinais da túa vontade
que ti desde o día e hora do meu nacemento
inseriches no meu ser!
E así poder construír unha boa casa onde habitar,
casa familiar, comunal,
casa aberta a calquera persoa visitante ou peregrina,
a calquera persoa buscadora,
casa de Deus para quen queira entrar.
O meu corazón, casa de Deus.
A miña vida, casa de Deus.
A miña casa, casa de Deus.
A miña comunidade cristiá, aberta e gratuíta,
casa de Deus.

Acción
¿Como estamos construíndo a casa da nosa vida? ¿Sobre que a construímos? ¿A que cousas lle damos importancia para ter unha casa firme, sólida, a proba das sacudidas da vida? ¿Estamos abertas/os ao que Xesús nos suxire?


28 de xuño: Solemnidade do Sagrado Corazón de Xesús

Evanxeo: Lc 15, 3-7
Unha vez contoulles Xesús esta parábola aos fariseos e letrados que murmuraban del por falar e comer coa xente pecadora:
—¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E, cando a atopa,  volve todo contento para a casa con ela ao lombo; e, chamando pola xente amiga e veciña, dille: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”. Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta ca por noventa e nove persoas xustas que non precisan conversión.

Meditación
A parábola que conta Xesús é coma un retrato do que el é, do que el fai; é un reflexo do seu corazón, do que o anima e alenta, do que o apaixona e entristece, do que o aleda e move a facer festa comunitaria. A ovelliña máis fráxil é o centro das súas ansias. E nós, todas e todos nós, estamos aí no medio, sendo o obxecto dese dor e preocupación, desa busca, desa ledicia, desa festa compartida. E Xesús, xa o sabemos, é o rostro humano de Deus no medio de nós. En que mans tan marabillosas estamos? Este é o ámbito no que podemos e debemos entender a nosa existencia, con seus acertos e desacertos; por dentro e por fóra de calquera comportamento noso sempre, sempre está esta carga de afecto fondamente solidario no que Deus nos envolve. Bendito sexa!
E Xesús invítanos a sermos nós tal coma el é, algo polo menos. Aprender a ir estendendo a nosa ansia solidaria ao lado de toda a xente que nos rodea, buscando, acompañando, alentando procesos, festexando. As nosas Eucaristías ben poderían ser o remate festeiro destes procesos nos que nós somos a un tempo persoa buscada e persoa buscadora; e, se non é así, de pouco valen as nosas Eucaristías.

Oración

Bendito sexas, Xesús,
pola intención solidaria na que sempre te movías:
ollos e corazón cara ao próximo!
Bendito sexas,
por reparar na máis débil,
calquera que fose a súa debilidade,
que lle impedía gozar dun fogar acolledor!
Bendito por dar preferencia á máis vulnerable,
ata o punto de descolocar aos sabios e entendidos,
que con tanto saber non entendían
os segredos do teu corazón!
Bendito sexas, Xesús,
porque así é como nos ves e atendes a cada unha de nós,
máis alá dos receos da xente,
máis alá das nosas propias desconfianzas!

Acción
Hoxe, nalgún momento do día, podiamos descubrir e festexar algo este buscar e atopar propio de Xesús. Podémolo facer no ámbito familiar, comunitario, social, político. Quen pode ser hoxe a ovella perdida? Quen anda na súa busca?


29 de xuño: Solemnidade dos santos Pedro e Paulo

Evanxeo: Mt 16, 13-19
Naquel tempo, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
Eles responderon:
—Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
       —E vós, ¿quén dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a vencerá. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra ficará desatado nos ceos.

Meditación
Celebramos a festa dos santos Pedro e Paulo. Ambos foron persoas ben significativas dos comezos do cristianismo, do comezo, logo, na nosa mesma historia relixiosa. Os seus perfís foron moi distintos. Pedro, un pescador, un home do mar, simple, impetuoso, apaixonado, duro de cabeza ás veces, forte e fráxil a un tempo; coñeceu a Xesús, encantoulle Xesús, seguiuno de corazón, pero practicamente non deu entendido a Xesús durante todo o tempo que viviu con el; despois foi caendo na conta da extraordinaria existencia daquel aldeán de Nazaré, que un día aparecera polas praias de Cafarnaum. De maneira sorprendente sobre esta persoa apaixonada e fráxil, moi querido por Xesús, caeu a responsabilidade de alentar o grupo de xente que se foi decidindo por Xesús. Todo un sinal. Non é unha Igrexa forte e perfecta, cauta e medrosa, a que lle interesa a Xesús; senón unha igrexa apaixonada, arriscada, fráxil, pecadora, que necesita e demanda perdóns. Así, só así, manexaremos chaves dedicadas maiormente para abrir, pois qué van pechar aqueles, aquelas, ás que tantas veces inmerecidamente se lles abriron tantas portas!
Paulo foi ben distinto de Pedro. Home urbano, estudado, coñecedor dos detalles da lei xudía, contrario acérrimo do grupo de Xesús, pero, ao que se ve, buscador honesto da verdade; un día decatouse de que en Xesús, a quen non coñeceu en vida, había un ofrecemento gratuíto de Deus para toda a humanidade. Namorouse do de Xesús, fíxoo a vida da súa vida. Entrou nos grupos de Xesús, animou comunidades, escribiu moito sobre a novidade de Xesús, sobre como se habían desenvolver as comunidades cristiás no mundo do imperio romano. Como a Pedro, matárono por defender o que defendía.
Nós somos persoas ben diferentes entre nós. Cada un, cada unha é como é, ten a procedencia que ten, a formación que ten, a dedicación que ten. Para todos e todas nós Xesús é, pode ser, unha persoa significativa. O seu ofrecemento pode satisfacer moitas buscas persoais que están petando á porta do noso corazón.

Oración

Grazas, meu Deus, por Pedro e Paulo,
cada un á súa maneira animadores do camiño cristián. 
Grazas polo don, polo mérito, polo regalo de cada un deles.
Grazas pola comunidade cristiá
que a partir deles se foi estendendo polo mundo enteiro,
ata os nosos días.
Grazas polos homes e mulleres
que a foron enchendo de vida e de servizos.
Grazas polas súas fortalezas e debilidades,
que son as nosas fortalezas e debilidades tamén,
que nos quitan chulerías e prepotencias.
Grazas pola xente que segue atraída por Xesús,
e nos acompaña e arrastra no seu seguimento.
Grazas pola xente audaz que na Igrexa abre camiños
de maior fidelidade, de maior liberdade.
Grazas polas mulleres que fan Igrexa,
e a queren pobre, respectuosa, libre, igualitaria,
como sempre soñaba Xesús.

Acción
Podemos pensar que papel estamos desempeñando na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia da que formo parte. ¿De que maneira somos homes e mulleres de comunidade, de Igrexa? ¿Poderiamos avanzar neste camiño?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.