04 setembro, 2019

Tempo Ordinario (C): 23ª semana




8 de setembro: domingo 23 do Tempo Ordinario. Natividade de Santa María

Evanxeo: Lc 14, 25-33
Nunha ocasión en que o seguía moita xente, volveuse cara a eles e díxolles:
—Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper co seu pai e coa súa nai, coa muller e máis cos fillos, cos irmáns e coas irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu. O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.
Pois ¿quen de vós, se quere construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga risa del, dicindo: “Este empezou a construír e non deu rematado”.
Ou ¿que rei, que sae á guerra contra outro, non senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.


Meditación
O que hoxe nos ensina Xesús pódenos parecer algo forte. Comenta condicións imprescindibles para ser bo seguidor/ra del. A primeira, estar disposto a romper con que haxa que romper, cos máis grandes afectos que poidamos ter, para poder ser discípula del. Dicimos que nos pode parecer algo forte. E certo que o é. Xesús proponnos entrar por un camiño longo e fondo de liberdade: libres para amar e servir máis e mellor. A familia non ten por que ser un obstáculo para esa liberdade, e mesmo pode ser unha estupenda axuda para iniciarnos e medrar nela. Pero tamén é certo que a familia, o mesmo ca o diñeiro, a imaxe social, os medos e covardías, a falla de humildade para recoñecer erros e pasos mal dados, impídennos sermos libres para vivir como quen quere seguir a Xesús. Romper cadeas, ser libres, pero selo para amar mellor, servir mellor, estar máis dispoñible para toda clase de ben, e gozar mellor unha vez metidas/os nesa onda de solidariedades na que Xesús sempre anda metido.
A segunda condición tamén ten o seu aquel para quen pense que o máis bonito do mundo é non ter que sacrificarse en nada e para nada. Nada se consegue sen loita, sen sufrimento, sen cavilacións, sen chorar bágoas, sen cruz, sobre todo se entendemos a vida coma un camiño de solidariedades, no medio da xente pequena e marxinal coa que Xesús quere estar preferentemente. Sofre o neno que estuda para capacitarse para a vida; sofre a parella que tenta facer forte e consistente o seu amor; sofre a xente amiga de unións e asociacións que tentan mellorar a vida dos pobos; sofre a xente solidaria que ve como os seus esforzos chegan a pouco para remediar situacións dolorosas na sociedade; sofre quen se enfronta a quen abusa, explota, rouba o pan e a liberdade da xente; sofre quen asume o conflito coma condición imprescindible para que a propia persoa e o mundo todo avance e mellore. E, claro, quen non estea disposto a cargar coa cruz, coa súa cruz, simplemente non vale para ser seguidor/ra de Xesús; non é que Xesús lle peche as portas, é que non entenderá nada do de Xesús e acabará abandonando ou simulando un seguimento que non é tal. Pero tamén aquí non se abraza o sufrimento polo sufrimento, senón coma unha maneira de comprometerse co amor con todas as consecuencias. O amor, chegado o caso, pon alegría no mesmo sufrimento.

Oración

Bendita ti, María,
no teu nacemento, na túa natividade.
Cando naciches ti,
naceu a criatura máis guapa do mundo.
Nove meses concibida por Ana,
coma unha de tantas,
froito dos amores de Ana con Xoaquín.
Nove meses alentada polo Espírito de Deus
que te facía filla de Deus,
como o somos cantas persoas vimos a este mundo.
Bendita ti, María,
tan humana, tan humilde,
tan entrañablemente querida por Deus,
como polo demais o somos todas as súas criaturas.
En ti achegábase a este mundo
a luz, a paz, o consolo de Deus ,
que no teu fillo Xesús tería rostro humano.
Bendita ti, María,
na túa natividade
todos, todas nos sentimos benditas e agraciadas.

Acción
Son moitos os pobos de Galicia que no día de hoxe honran a Santa María. Podemos participar nalgunha desas celebracións, honrando a María, agradecéndoa, comprometéndonos a andar tamén polos seus camiños de humilde fidelidade a Deus.


9 de setembro: luns da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 6-11
Un sábado entrou Xesús na sinagoga a ensinar. Había alí un home que tiña impedida a man dereita. Os letrados e máis os fariseos estaban ao axexo, a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ao home que tiña a man tolleita:
—Érguete e ponte no medio.
El ergueuse e púxose no medio. Entón Xesús díxolles:
—Fágovos unha pregunta: ¿Qué está permitido no sábado: facer o ben ou o mal, salvar unha vida ou deixar que se perda?
E, ollando a todas as persoas que o rodeaban, díxolle ao home:
—Estende a túa man.
El fíxoo e a man quedoulle curada. Pero eles, todo enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.

Meditación
Claro que Xesús podería dicirlle ao home aquel: vémonos mañá e a ver o que podo facer, hoxe non, que é sábado. Pero Xesús neste caso, coma noutros moitos, é provocador, para que quede máis en claro aquilo que el consideraba un error: nas prácticas relixiosas do seu tempo era máis importante o requisito da lei que a saúde, o benestar da xente; e Xesús tiña moi claro que tiña que ser ao revés: o ben, a dignidade, o respecto da xente por riba de todo. Nisto xogábase algo que era esencial no pensamento e práctica relixiosa que o Espírito de Deus alimentaba diariamente nel. ¿É así de claro tamén o noso pensamento e a nosa práctica relixiosa?
É curiosa a actitude pechada dos letrados e fariseos ante quen lles poñía diante un error evidente. Pero non é cousa que só a eles lles pasase. É frecuente que reaccionemos así, cando nos deixamos levar por prexuízos, por ideoloxías establecidas en nós, por sentimentos. É unha mágoa, porque esta actitude impídenos avanzar, mellorar, como persoas e como comunidade cristiá.

Oración

A xente,
a xente é o que importa,
por riba de todo,
por riba de calquera lei civil ou relixiosa.
A xente,
esa persoa descoñecida que se cruza contigo,
esa traballadora de hotel que demanda melloras,
ese velliño ou velliña que morre de soidades cada día e cada noite,
ese mozo ou moza que intenta abrir camiño na vida,
esas persoas refuxiadas deixadas na man de Deus,
ese neno ou nena violada por un clérigo,
ti mesma, eu mesmo.
Non hai relixión máis santa e máis perfecta,
non hai relixión que máis honre a Deus,
e máis nos complete como persoas
que tratar a xente con humanidade.
Simplemente.
Así de claro.
(Dínolo Xesús como irmán maior e mestre.)

Acción
Nós pasamos bastante das leis relixiosas. Aínda así, cando pretendemos cumprir algo coa nosa vida cristiá, ¿poñemos en primeiro lugar a atención á xente que nos rodea, sobre todo se é xente vulnerable por calquera razón? Podémolo revisar e cambiar, se é do caso.


10 de setembro: martes da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 12-19
Unha vez Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou a xente que o acompañaba e escolleu doce, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán; Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
Despois baixou con eles e detívose nunha chaeira cun bo grupo de persoas que o acompañaban e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. As persoas atormentadas por espíritos inmundos quedaban curadas e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.

Meditación
Xesús entendeu que debía compartir con outras persoas a tarefa do anuncio da boa nova de Deus, consistente en alentar coa palabra e cos feitos de curación, de reinserción social e relixiosa, cara a unha vida fraterna. Escolleu un grupo de homes, ao que sabemos que tamén se uniu un bo grupo de mulleres. Da nada, de seren uns homes e mulleres normais, fixo persoas implicadas a fondo. Curiosamente Xesús pasou a noite anterior orando a Deus, como para que a súa chamada puidese ter forza abonda de atracción e de encantamento.
Na Igrexa de hoxe sentimos unha aguda necesidade da implicación da xente normal, o laicado, nas variadas tarefas da comunidade cristiá. Os clérigos din que custa moito que o laicado se implique. Pode ser. Pero ¿pasan eles noites en oración para atraer e implicar a homes e mulleres do común? ¿Enchen de afecto e paixón a súa palabra para mobilizarnos? E, se non o fan, ¿temos que agardar a que sexan os clérigos os que nos mobilicen? ¿Xesús mesmo non é quen de tocarnos o corazón, espelirnos e converternos en persoas asentadas nel para o ben propio e o alleo?

Oración

“Foi orar ao monte
e pasou a noite orando a Deus”.
¿Como orarías, Xesús?
¿Cómo lle falarías ao teu Deus querido?
¿Cómo abrirías ante el o teu corazón?
¿Cómo poñerías nas súas mans
os mesmos soños que el espertara en ti?
¿Cómo deixarías que todo o teu ser
se enchoupase de Deus e do seu Espírito?
Tíñalo moi claro, Xesús:
rezábaslle ao teu Pai no segredo,
confiado en que quen ve o segredo te había recompensar;
rezábaslle ao teu Pai con poucas palabras,
porque sabe o Pai o que precisamos antes de llo pedir.
O teu orar, Xesús,
sería simplemente estar e amar,
estar e confiar,
estar e ofrecerse.
Así, Xesús, ensínasnos a orar.
Grazas, Xesús.

Acción           
Podemos reparar en que lugar ocupa a oración na nosa vida cristiá. E tamén en como oramos. ¿Por comenencia, intentando convencer a Deus, con moitas palabras, ou con confianza, no silencio amoroso, con dispoñibilidade? Podemos reparar tamén en que implicación temos nas variadas tarefas da comunidade cristiá parroquial? Seguro que poderemos mellorar en calquera dos dous campos.


11 de setembro: mércores da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 20-26
Nunha ocasión, Xesús coa ollada posta na xente que o acompañaba, dixo:
—Ditosa a xente pobre,
porque voso é o reino de Deus.
Ditosas as persoas que agora pasades fame,
porque Deus vos ha fartar.
Ditosas as que agora chorades,
porque riredes.
Ditosas todas e todos vós, cando a xente vos aborreza,
vos expulse e vos aldraxe,
cando poñan nas listas negras o voso nome
por causa do Fillo do Home;
alegrádevos nese día brincando de gozo,
porque a vosa recompensa no ceo será grande,
pois o mesmo fixeron os vosos ascendentes cos profetas.
Pero, aí de vós, a xente rica,
porque xa acadastes a vosa recompensa!
Ai de vós, as persoas que agora estades fartas,
xa pasaredes fame!
Ai de vós, as que agora rides,
xa choraredes e xa laiaredes!
Ai, cando todo o mundo fale ben de vós,
O mesmo fixeron os vosos ascendentes cos falsos profetas!

Meditación
Estamos ante as benaventuranzas do evanxelista Lucas. Soamente pon catro benaventuranzas ou felicidades (pobreza, fame, choros e rexeite social), completadas polas súas correspondentes “malaventuranzas” (riqueza, fartura, risas e aceptación social). Custa aceptar esta proposta de Xesús. Non é doado entendela. Ben sabemos que a proposta de Xesús non é reducirnos a ser un grupo humano empobrecido, famento, triste e rexeitado. Todo ao contrario. Xesús con estas palabras ponse do lado da xente que tal cousas padece, implicándose nun proceso de cambio que leve a unhas vidas dignas para todo o mundo. Deus está do lado desa xente, Xesús tamén o está e invítanos á confianza activa se somos desa xente, e á implicación se non o somos, pero nos doemos da súa situación.
A “malaventuranza” ou desgraza da xente rica, farta, riseira e ben vista socialmente débese, parece, á súa indiferenza cara ao grupo anterior, e posiblemente a seren en parte causantes da súa situación. Xesús soñaba sempre un soño de irmandade, no que non collía a abundancia dunhas persoas montada sobre a carencia doutras. Algo que segue pasando, e moito, na sociedade actual.

Oración

Queremos entenderte, Xesús,
porque nos fiamos de ti,
da limpeza e fondura das túas palabras,
da coherencia absoluta dos teus comportamentos.
Queremos entender as túas benaventuranzas
e apegarnos a elas de todo corazón.
Queremos entender tamén as túas “malaventuranzas”
e fuxir delas coma do demo.
Fuxir da riqueza, da fartura, da risa insolidaria,
por moito que teñan o aplauso social.
Arrimarnos solidariamente á pobreza, á fame, ás bágoas,
por moito que socialmente sexa mal visto.
E, se as sufrimos,
loitar, confiar, esperar,
porque o teu Deus está do noso lado.
Coma ti, Xesús,
sempre coma ti.

Acción
¿Como nos situamos na vida ante a riqueza e a pobreza, ante a fame e a fartura, ante as risas e as bágoas? ¿Que sentimentos nos dominan? ¿En que accións nos implicamos? ¿Estamos ante todo isto co espírito de Xesús?


12 de setembro: xoves da 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 27-38
Unha vez díxolle Xesús á xente que o acompañaba:
—A vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelle ben ás persoas que vos odian, bendicide ás que vos maldín e rogade polas que vos calumnian; a quen che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che leve o teu, non lle reclames nada. Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.
Se amades a quen vos ama, ¿qué facedes de máis? As persoas pecadoras tamén aman a quen os ama. E se lle facedes ben a quen vos fai ben, ¿qué mérito tedes? As persoas pecadoras fan outro tanto. E se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¿qué mérito tedes? As persoas pecadoras tamén se emprestan entre elas para cobraren despois outro tanto. Vós non, vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande recompensa e seredes fillas e fillos do Altísimo, pois el é bo coa xente mala e desagradecida. Dádevos á compaixón, como o voso Pai se dá a compaixón.
Non xulguedes e non vos xulgarán; non condenedes e non vos condenarán; perdoade e hanvos perdoar. Dade e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, acugulada, rebordada, apertada, pois coa medida coa que midades hanvos medir a vós.

Meditación
Estamos ante o Evanxeo do mesmo Evanxeo, ante o corazón do Evanxeo, o máis fondo, radical e revolucionario que Xesús de Nazaré nos transmitiu e nos transmite. Aprendeuno de Deus. Se Deus é dado á misericordia, nós tamén podemos selo, debemos selo. Se Deus ama, serve, atende, dóese aínda de calquera home ou muller que non parece ter merecementos para iso, nós tamén podemos e debemos facelo. Se Deus é gratuíto, non é violento, non responde á nosa posible ruindade con castigos, con maldicións, con abandono, ao revés, nós tamén podemos tratar así as persoas que igual nos fan mal de calquera maneira que sexa.
Non é doado, pero é máis fondamente humano que se pode dar. Non é doado, pero é o único que pode acabar coa forza do mal, quitarlle o seu enorme poder de destrución, que se multiplica cando ao mal lle contestamos con mal. Non é doado, pero só así conseguiremos cambiar os aires violentos que xeración tras xeración rompen as persoas e arrasan os pobos. No pasado e no presente. Ten habido xente que se fiou deste novo aire de Xesús; algunhas persoas cristiás coma Luter King ou o irmán Carlos de Foucauld e moita máis xente; outras non cristiás coma Gandhi e xentes do pacifismo activo que houbo e hai no mundo.

Oración

Bendito sexas, Deus, bendito sexas
en toda a xente que ama os seus inimigos,
bendí a quen a maldí,
e roga polos que a calumnian.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
nas persoas que non responden á violencia con violencia,       
que se exceden no ben con quen lles fai mal.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
nas persoas que aman a quen non as ama,
que fan o ben a quen non llelo fai
e dan do seu sen esperar ser recompensadas por iso.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
en quen actúa doéndose da xente mala e desagradecida,
como tamén a ti che gusta facer.                     
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
na xente que non anda pola vida xulgando nin condenando,
senón perdoando
e tratando o próximo como por el lle gustaría ser tratada.

Acción
Posiblemente todas, todos esteamos vivindo na nosa vida situacións tensas con algunhas persoas ou grupos sociais, nas que nos custe responder con amor a quen non nos quere, facerlle ben a quen pensamos que nos está facendo algún mal, reaccionar pacificamente ante provocacións violentas, de palabra e cos feitos. Igual temos entrado xa na lóxica da violencia, do xulgar, do condenar, contra a que Xesús nos pon en garda. ¿Qué podemos facer para ir practicando o estilo de Xesús? ¿Podiamos propoñernos dar algún paso ao respecto?


13 de setembro: venres 23ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 6, 39-42
Unha vez púxolles Xesús unha comparanza:
—¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por qué reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

Meditación
Dúas recomendacións de Xesús que teñen que ver co ver ou non ver. Unha persoa cega non pode guiar a outra que sexa cega; para guiar a quen non vexa cómpre poder ver. Para transmitir experiencia relixiosa cómpre tela primeiro. Moito do noso falar de Deus, de evanxelizar, vólvese inútil, porque igual falamos do que non vimos e experimentamos, e acabamos falando de ideas, de supostos. E iso non conmove a ninguén.
A outra recomendación é aínda máis elemental, pero non por iso menos necesaria. Todas, todos tendemos a ser moi hábiles en ollar para os demais, en descubrir e analizar os seus fallos, en criticar…, sen reparar no que nós somos e facemos, nas nosas carencias e pecados. Limpar a propia ollada, limpar o propio corazón, unha tarefa á que paga a pena dedicarlle esforzo e paixón. Permitiranos mirar a xente doutra maneira, relacionarnos con ela con outra sensibilidade e comprensión.

Oración

Canto desexo, meu Deus,
poder percibirte e verte,
dalgunha maneira,
experimentarte na miña vida
coma compañeiro de camiño,
e poderte dicir así,
compartirte con quen cadre!
Canto desexo tamén, meu Deus,
limpar a miña ollada nas túas augas,
nas augas da verdade e da humildade,
para poder ollar a quen me rodea
con ollos limpos de irmá,
con ollos acolledores, comprensivos,
para facer camiño xuntos ,
sen competencias,
desde a solicitude compartida!

Acción 
Revisamos a ver se estamos facendo algunhas das dúas cousas das que nos advirte o Evanxeo: falar de Deus sen vivilo, ou censurar a outras sen ollar para nós. E miramos de cambiar.


14 de setembro: sábado da 23º semana do Tempo Ordinario. Festa da Exaltación da Santa Cruz

Evanxeo: Xn 3, 13-17
        Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—Ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home. Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que o mundo se salve por el.

Meditación
As cruces non son, non deberían ser, un simple adorno nos nosos peitos, sobre do noso leito, nos nosos camiños e prazas, nos nosos centros de estudo, nas nosas igrexas e outeiros. En ningunha parte. A cruz é un recordatorio, unha memoria. Un recordatorio e unha memoria por unha parte doloroso, por outra parte feliz, esperanzador. Doloroso porque recorda a agresividade dos poderes relixiosos e civís que se cebaron naquel home xusto, humanísimo, que pasou pola vida facendo o ben, porque estaba cheo do Espírito de Deus; doloroso tamén porque recorda a tanta xente que de mil maneiras sofre na vida, sobre todo a que sofre pola ruindade doutras persoas; e sabemos que isto pasa, e moito.
É un recordatorio feliz, esperanzador, porque na cruz asumida desde o amor e desde o servizo o fillo de Deus Xesús rompeu as forzas do mal que aparentemente acabaran con el, e converteuse  no camiño para o seu triunfo, para a súa gloria. A cruz fálanos do moito amor que Deus nos ten, da súa fonda paixón por nós, manifestada no Cristo que nela morreu por manterse firme na súa fidelidade a Deus e a nós.
Desde aí é difícil entender a trivialidade coa que tratamos a cruz as mesmas persoas cristiás; pero tamén é difícil entender o noxo ante a cruz de persoas e grupos humanos que parecen querer rebelarse contra calquera forma de dominio e explotación da xente. ¿Quizais porque a xente cristiá, a Igrexa, lle quitamos á cruz a súa verdade histórica de  solidariedade coa xente marxinal, de enfrontamento ao poder abusón?

Oración

Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.
Sinal de empeño no amor,
proba do gran Servidor.
Quen nela por nós morreu
ante o abuso non cedeu.
Sufriu, berrou e rezou:
cheo de amor se entregou.
A cruz, rebelde paixón
que reborda o corazón.
Fervente facho de gloria
que enche de luz a historia.
No desespero, esperanza
de quen baila amarga danza.
Camiño recio do pobo
que en Deus soña tempos novos.
A cruz dos grandes momentos,
a cruz dos pequenos tempos.
Por min tanta dor e amor,
tamén polo mundo enteiro,
na cruz do noso Señor.
Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.   

Acción
Repararemos nalgunha cruz pola que estea pasando algunha xente amiga, coñecida. Reparemos tamén nalgunha cruz pola que nós esteamos pasando. ¿Podemos aprender a vivir as nosas cruces algo como Xesús a viviu? ¿Podemos botarlle unha man a quen está pasando por horas malas, por horas de cruz?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.