19 febreiro, 2020

Tempo Ordinario: 7ª semana





23 de febreiro: domingo 7º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 38-48
Naquel tempo díxolles Xesús á xente:
—Tedes oído que se vos dixo: ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen che pida emprestado.
Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, ¿qué recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E, se saudades soamente os vosos irmáns, ¿qué facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede  completos en todo como completo en todo é o voso Pai celestial.

Meditación
Tendo en conta primeiramente que, cando o mal que se nos fai é delito, a xustiza debe intervir na tutela e defensa da persoa agraviada, Xesús dinos que a resposta ao mal que se nos fai non é devolver mal por mal. Xesús invítanos a que non resistamos con violencia a quen nos fai mal, porque doutra maneira o mal nunca tería nin freo nin fin, e a vida acabarase convertendo para nós nunha continua escalada entre aldraxes recibidos e contestados. Xesús é un pacifista, un non violento, que non se achanta ante o mal que se lle fai a el ou a outras persoas, pero que descubriu que a mellor maneira de desarmar a táctica do violento, é opoñerse ao seu mal pero cunha táctica pacifista, que non é nin apoucada, nin resignada, como nos poderían suxerir algúns exemplos fortes que pon Xesús (“a quen che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra”). O colmo do agravio do violento sería que fose el quen, ademais de nos facer mal, nos ditase o estilo de relacións que debamos ter no trato coas persoas. Como vivimos isto? Que experiencia temos disto? ¿Atreverémonos a experimentar na nosa vida a proposta de Xesús? ¿Ou deixaremos que o mal encirre o mal dentro de nós, amargándonos o corazón, quitándonos a paz, o sono, lanzándonos a unha espiral interminable de violencia?
O amor á xente vivímolo de verdade cando o convertemos en palabras sinceras, amables, en consideracións, en respecto, en servizo, en axudas para que as persoas se constrúan en dignidade de todo tipo, en críticas cordiais para que superen comportamentos inapropiados, etc. A quen amar así? ¿Só aos do propio grupo, partido, credo, país? ¿Só ás persoas da propia familia, do propio barrio ou comunidade cristiá, do mesmo credo relixioso? Se amamos unicamente aos do propio gremio, no fondo comportámonos cun amor egoísta: amamos nas outras persoas dalgunha maneira unha prolongación de nós mesmos. O precioso, o que fai que o amor se anchee e medre nos nosos corazóns e no corazón da vida, é amar a persoa distinta, a diferente, incluso –e isto xa é o máximo--, incluso a persoa que non me quere ben, e que mesmo me fai mal a min. Facémolo ou non así? Por que nos custa tanto vivir isto? En que fraqueamos? Xesús, nisto coma noutras tantas cousas, sacaba forzas do descubrimento que ía facendo de como Deus era, para el e para todos e todas: un Deus que ama sen lindeiros, sempre, a persoas boas e persoas malas, a xustas e inxustas, porque para Deus non é un xogo máis ou menos interesado, senón un estilo de vida, un modo de ser, unha maneira de nos abrir a unha vida fondamente liberada. Posiblemente só seremos capaces de amar así, gratuitamente, sen distincións, se deixamos que Deus sexa Deus dentro de nós.
A Eucaristía é a festa do agradecemento a un Deus que en Xesús nos amou ata o extremo, para que nós nos vaiamos atrevendo a amar da mesma maneira.

Oración

Veño onda ti, Xesús,
porque te admiro,
porque te quero ben,
porque se me fai grata a túa ensinanza,
aínda que me desborda,
e ás veces non a entendo ben,
e, cando a entendo,
moitas veces non a dou convertido en vida
e síntome con pesar lonxe de ti,
discípula pouco avantaxada, repetidora.

Veño onda ti, Xesús,
porque necesito de ti
para que me aprendas a afrontar o mal,
con forza, con vigor, con teimosía,
pero sen violencia;
para que me pacifiques a fondo
e así, coma ti,
coma tantos homes e mulleres de ben que houbo e hai no mundo,
saber vencer coa miña paz activa e ousada
a violencia que me nace dentro
ou que me provocan outros cos seus feitos.

Veño onda ti, Xesús,
para que me aprendas a amar como ti amabas,
para que me aprendas a amar como ti aprendiches do Deus Pai/Nai.

Veño onda ti, Xesús,
para que me collas pola man
e me leves polos mesmos camiños que ti andaches.
Grazas, Xesús!

Acción
Podémonos parar a ver se nalgún caso, con algunha persoa, respondemos con agresividade, deixándonos levar por provocacións; ou se soamente somos amables e compracentes con persoas que pensan como nós pensamos, ou entenden a vida como nós a entendemos. Caer na conta dese funcionamento noso, para poder cambiar.


24 de febreiro: luns  da 7ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 9, 14-29
Naquel tempo, cando Xesús e os seus tres discípulos baixaron da montaña, chegaron onde estaban os outros discípulos e atoparon moita xente arredor e uns letrados discutindo con eles. En canto  que a xente o albiscou, correu sorprendida a saudalo. El preguntoulles:
—¿De que estades a discutir?
Un deles respondeu:
—Mestre, trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar. Cando se apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca e renxe os dentes e fica teso. Rogueilles aos teus discípulos que o librasen e non puideron.
El contestou:
—¡Ouh xeración incrédula! ¿Ata cando terei que estar convosco? ¿Ata cando terei que aturarvos? Traédemo acá.
Trouxéronllo e, mal viu a Xesús, o espírito sacudiu violentamente o neno, que caeu polo chan, escumando pola boca. Entón preguntoulle Xesús ao pai:
—¿Dende cando anda así?
El respondeulle:
Dende picariño. E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con el. Pero, se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.
Xesús contestoulle:
—¿Como que “se podo”? Para quen ten fe non hai imposibles.
Inmediatamente o pai do neno exclamou:
—¡Creo; axúdame no que lle falta á miña fe!
Vendo Xesús que a xente se amoreaba, increpou o espírito malo:
—Espírito mundo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non volvas entrar nel nunca máis.
E, dando berros e fortes sacudidas, saíu, deixando o neno como morto, de tal xeito que moitos xa dicían que morrera. Pero Xesús colleuno pola man e ergueuno ata que se mantivo de pé.
Ao entraren con el na casa, preguntábanlle á parte os discípulos:
—¿E por que non o demos botado nós?
El respondeulles:
—Esta caste non sae se non é a forza de oración.

Meditación
Este relato é un tanto estraño. ¿Había daquela persoas endemoñadas e tiña Xesús tanta forza espiritual que era capaz de liberar a esa xente do poder do mal? ¿Segue habendo hoxe persoas endemoñadas que soamente co poder do espírito do ben poden ser liberadas por persoas expertas? Seguro que haberá opinións moi diferentes.
Podemos ir ao esencial deste relato, á luz de cómo Xesús falaba e actuaba. E o importante, que nos pode valer para nós hoxe, vai por aquí: Xesús andaba enredado sempre en cousa de axuda a xente desfeita; Xesús poñía todo o seu poder de ben ao servizo desa xente, conseguindo recuperacións abraiantes; Xesús liberaba os corpos e os espíritos, cousas dúas que sempre van moi mesturadas; a forza de Xesús víñalle sen dúbida da súa forte vinculación con Deus a través da oración, da vida toda; ter fe en Xesús, crer e confiar na súa forza de ben, era imprescindible para poder gozar dela.
Sen sermos persoas endemoñadas, a todas e todos nos pasa que hai moitos e diversos males que nos enturban a vida, que a apagan, que a entristecen. Xesús está aí ao noso dispor. Se confiamos nel, nel atoparemos luz e forza para sobrepoñernos aos nosos males.

Oración

Gustaríame, Xesús, ser vigoroso coma ti.
Gustaríame andar sempre enredada coa xente que precisa apoios.
Gustaríame ter fe abonda para poder crer contigo
en cousas imposibles de ben, de mellora, de liberdade.
Gustaríame, Xesús, ter trato fondo e limpo con Deus, algo coma ti.
Gustaríame ter voz recia e potente para achicar o mal e quen o defende.
Gustaríame poder coller da man e erguer do chan a tanta xente caída.
Mentres e non, Xesús,
cólleme ti da túa e sándame das miñas miserias.

Acción
¿Que males enturban a nosa vida persoal, a vida da nosa comunidade cristiá, a vida do noso pobo? ¿Qué podemos facer para librarnos dun deles polo menos?


25 de febreiro: martes da 7ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 9, 30-37.
Naquel tempo Xesús e os seus discípulos marcharon de onde estaban e foron atravesando a Galilea sen deterse, porque non quería que o soubese ninguén, xa que ía instruíndo os discípulos. Dicíalles:
—O Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a Cafarnaúm e, cando estaban na casa, preguntoulles:
—¿De que viñades discutindo polo camiño?
Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou polos doce e díxolles:
—O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.
E, collendo un neno, púxoo no medio deles e, abrazándoo, dixo:
—Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

Meditación
Xesús tiña unha maneira de entender a vida moi orixinal e chocante. Era orixinal e chocante para os homes e mulleres que o rodeaban daquela, e segue a ser orixinal e chocante para todos e todas nós, que normalmente rexémonos por outra maneira de entender a vida. Para Xesús o gozo de vivir estaba en desfacerse pola comunidade, sobre todo pola xente máis débil da comunidade; a súa ilusión era rebaixarse, baleirarse, para encontrarse a fondo consigo mesmo e para que o seu corazón, a súa vida toda se puidese ir enchendo co Espírito de Deus e puidese ir ofrecendo espazo de fraternidade para toda a xente.
Para os seus discípulos, como seguramente para a maioría de nós, o importante era ter poder, ter mando, ser o primeiro, figurar, recibir, encherse aínda que fose á conta, claro, das carencias doutros. Canto nos custa iso de ser o derradeiro e servidor, servidora, de todos! Canto nos custa asumir como forma de vida a inocencia, a sinxeleza, a fraxilidade dun neno ou nena!

Oración

Señor Xesús,
gústame ser persoa respectada, recoñecida, valorada,
ter nome e presenza no medio da comunidade,
no medio do pobo.
Ti apréndesme a vivir isto con paz e equilibrio.
Grazas.
Señor Xesús,
gústanme tamén as chufas, os primeiros postos, o figurar,
empoleirarse sobre a demais xente.
Ti apréndesme a gozar servindo, baleirándome.
Grazas.
Señor Xesús,
gústame ser eu mesma, en verdade e liberdade,
ben integrada na familia, na comunidade, no pobo
polos lazos do ben mirar uns polos outros.
Ti apréndesme a ser persoa servidora e comunitaria en todo.
Grazas.

Acción
Podemos reparar en cómo nos desenvolvemos no medio da familia, da comunidade, do pobo. ¿Cómenos iso de poder, de mandar, de aproveitarnos da demais xente, de figurar? ¿Atopamos gusto servindo a comunidade, con desinterese? 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.