09 xullo, 2020

Tempo Ordinario: 15ª semana




12 de xullo: domingo 15 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 1-23 (Lectura breve: Mt 13, 1-9)
Naquel día Xesús saíu da casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—Dunha vez saíu un labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero, non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!
***
E achegándose os discípulos, dixéronlle:
—¿Por que lles falas en parábolas?
El respondeulles:
—Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando non ven e escoitando non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías, cando dicía:
Oír oiredes, pero non entenderedes; ollar ollaredes, pero non veredes. Porque o corazón deste pobo está insensibilizado; endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón, nin se converteren para que eu os cure.
Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e máis os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vos oídes e non o oíron.
Escoitade, logo, vós a parábola do sementador. Sempre que unha persoa escoita a palabra do reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón; esa é a semente que caeu no camiño. A que caeu entre as pedras vén ser aquela persoa que, escoitando a palabra, de seguida recibe con alegría; pero, ao non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da palabra, deseguida abandona. A que cae na silveira vén ser aquela persoa que escoita a palabra, pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero a que foi sementada en boa terra vén ser aquela persoa que escoita a palabra e a comprende; esta si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.


Meditación
Xesús ve, observa, dóelle a xente e coa súa palabra, a súa semente, fai unha proposta nova que afecta aos corazóns de cada persoa, que afecta ás relacións entre as persoas, á sociedade. As súas palabras son palabras de confianza, pero non porque espere novidades de quen rexe o mundo con poder e abuso (daquela o imperio romano, hoxe a imperio financeiro e os seus representantes). A xente pobre, non a rica, é a que curiosamente ten iniciativa e poder para cambiar as cousas. As palabras de Xesús son palabras de renuncia á acumulación, son palabras de reparto e compartir; son palabras de aposta e loita pola xustiza, a xustiza de Deus que é máis limpa e espléndida que a da xente máis xusta. Son palabras de pensar nos demais, nos intereses de todos e todas, da comunidade. As súas palabras son palabras de verdade, non de trampa; son palabras de honradez, non de corrupción; son palabras de mimo pola xente máis débil, non de menosprezo e marxinación cara aos máis débiles. O conxunto do Evanxeo é a proposta de Xesús, que se chama Evanxeo, Boa Nova, precisamente por iso, porque trae remedio á situación desesperada da xente. Algo que nos pode parecer un soño, pero niso vainos a vida.
Xesús non cansa de nos facer a súa proposta. Non cansa de sementar, de sementala, igual que o labrego galileo botaba as sementes cada ano con esperanza e medo. Xesús coñece as dificultades coas que se pode encontrar a xente que pensa en facerlle caso. Por iso nos fala na parábola non de colleitas fáciles, senón de sementes que as comen os paxaros, de sementes que caen entre pedras e parece que tiran para arriba, pero logo se achican, de sementes no medio dos silveirais, que se ven afogadas pola maleza. Así pasa na vida da xente: a proposta de Xesús pódenos parecer preciosa, iso da irmandade, de pensar nos outros, de non acumular, de non trampear, pero que difícil se nos fai ás veces; e faise difícil, porque temos un corazón infectado cos vicios dos poderosos, criticámolos a eles, pero non fondo que envexa nos dan; faise difícil, porque as propostas de Xesús hai que loitalas, cómpre sensibilidade solidaria, aguante; a tentación está sempre á porta; a idea de que no enriquecemento egoísta está a felicidade é algo que peta a diario nos nosos corazóns, nas nosas casas.
Canta palabra de Xesús, canta semente de Xesús se perde! Pero tamén canta semente dá froitos abundantes. Non saen nas primeiras páxinas dos periódicos, pero houbo e hai moitas persoas e grupos en Galicia, en España, polo mundo adiante que se fían da proposta de Xesús, ou de propostas semellantes ás de Xesús. Nesas persoas, crentes ou non, cristiás ou non, nesas persoas, no Deus que as sustenta e dinamiza, descansa o futuro da humanidade. Esas persoas, das que Xesús foi o gran promotor, son as que nos enchen o ollo, as que nos conmoven o corazón, as que nos embarcan en soños de paz, de ben e de xustiza verdadeira. Con quen nos queremos apuntar nós? A quen lle queremos facer caso?
Na celebración eucarística acollemos a semente de Xesús e alimentámonos del para ser constantes e deixar que a súa semente chegue a dar froito en nós.

Oración

Señor, meu Deus,
que vexa, que oia, que entenda,
as cousas, as persoas, a sociedade,
para poder sentir, amar e servir
para te poder sentir, amar e servir.

Que se me abrande o corazón,
que se me faga sensible,
que o amor mo amoleza,
para poder ver, oír e entender
para poder verte, oírte e entenderte.

Señor, meu Deus,
que o corazón se me amoleza ao teu carón,
para que coa forza dun corazón sensible,
coa luz dun corazón intelixente
poida acoller a túa proposta de maduración persoal e comunitaria.

Os señores deste mundo
(que teñen espazo no meu corazón)
incítanme ao medo e á acumulación egoísta,
e ti empúxasme á confianza, ao necesario, ao reparto e ao compartir.

Os señores deste mundo
(que encontran ecos no meu corazón)
incítanme ao éxito fácil, inmediato, sen  conflito,
e ti fálasme do gozo amasado na lentitude,
da alegría que brota da loita gañada ou mesmo perdida,
da resistencia, da constancia, da perseveranza.

Terra tripada,
terra pedregosa,
terra silvestre,
terra boa ...
Ti ensínasme a coidar a miña leira, a miña vida,
para facela fecunda para min, para a comunidade.
Que me deixe aprender de ti,
e así a miña vida sexa toda ela terra de bendición.

Acción
Ollamos ao noso redor. ¿Quen, ao noso entender, está sementando coa semente de Xesús ou algo parecida? Ollamos para o noso corazón. ¿Que tipo de terra estamos sendo cando nos chega dalgunha maneira, a través dalgunha persoa a palabra de Xesús ou algo que se lle parece?


13 de xullo: luns da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 34—11,1
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus Apóstolos:
—Non vaiades pensar que vin traer paz á terra; non vin traer paz, senón espada. Porque vin enfrontar o home co seu pai, a filla coa súa nai, á nora coa súa sogra e os inimigos de cada un serán os da propia familia. Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen trate de conservar a vida perderaa; pero quen a perda por min ese conservaraa.
Quen vos recibe a vós recíbeme a min; e quen me recibe a min recibe ao que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto terá recompensa de xusto. E quen dea de beber aínda que soamente sexa un vaso da auga fresca a un destes pequenos, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.
En rematando de lles dar estas instrucións aos doce discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.

 

Meditación

Palabras duras estas de Xesús. Parece que botan para atrás. Palabras que nos falan dun ambiente de persecución, cando a xente cristiá por ser cristiá era denunciada, acusada, condenada, axustizada. Eran horas de tomar posición incluso ante a mesma familia. Eran horas de ir a aquilo central, fundamental, sobre o que se monta a propia existencia e apostar por iso a fondo.
Son frecuentes entre nós os conflitos: na familia, na comunidade cristiá, na sociedade. É importante ver que é o que motiva o conflito. Poden ser os cartos, a ansia de poder, as maneiras de ser de cada quen, algunhas decisións políticas interesadas, … Se como Xesús, optamos por un estilo de vida solidario, respectuoso e coidador da xente débil, se non nos acomodamos ás mentiras e aos abusos, se queremos chegar ás fontes do mal para podelo superar, o normal é que nos vexamos en situacións apuradas, nas que temos que tomar decisións. E igual a familia anda tamén polo medio, e ante a mesma familia teñamos que marcar distancias. Xesús avísanos desta posibilidade. Xesús invítanos a ser fieis a aquilo que vexamos xusto, coherente, aínda que nos doia e causemos algunha dor.

Oración

Apréndeme, Xesús,
a vivir os conflitos, os enfrontamentos,
como ti os vivías:
desde o que consideramos xusto,
desde a liberdade,
desde o amor,
desde a coherencia,
desde a busca do mellor para a xente máis débil,
pero tamén para toda a xente,
mesmo para aquela
que nos pode quebrar a cabeza
e quentar o xenio.
Apréndeme a non fuxir dos conflitos,
a vivilos como oportunidades de crecemento.

Acción
Á luz deste evanxeo, podemos revisar como estamos vivindo nós os conflitos. ¿Por que cousas entramos en conflitos: por parvadas ou por cousas de peso, que inflúen no benestar ou malestar da xente? ¿Escapamos deles, afrontámolos con serenidade, escoitamos a quen nos provoca o conflito por se ten razón, sabemos ceder cando cómpre, sabemos manternos no que cremos xusto?


14 de xullo: martes da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 11, 20-24
Nunha ocasión empezou Xesús a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres e que non se converteran.
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. Por iso dígovos: O día do xuízo será moito máis suave para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo!” Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. Por iso dígovos que Sodoma terá un día do xuízo máis suave ca vós.

Meditación
Aínda que así nos soen, non son palabras de ameaza. Deus nunca nos ameaza. Xesús tampouco. Son palabras de advertencia. Xesús estáballes facendo un ofrecemento a aquela xente contemporánea súa, e moita dela pasaba de Xesús e das súas historias. E perdían a oportunidade que Deus lles ofrecía de darlle un impulso novo ás súas vidas, a base de incorporarse a fondo a esa forza de amor, de compaixón, de solidariedade, de xustiza que lles chegaba gratuitamente de parte de Deus.
A nós tamén nos pode pasar o mesmo. Sexa de parte de Deus, a través do Evanxeo de Xesús ou da comunidade cristiá que intenta vivilo, sexa de parte doutras persoas, crentes ou non crentes, pódennos chegar ofrecementos bos, que nos leven a implicarnos en tarefas de amor, de servizo, de solidariedade; con elas medraremos nós en humanidade e poderemos axudar a outras persoas a que medren tamén. Pero, como a xente contemporánea de Xesús, podemos facer caso ou dar as costas. Na nosa man está o ben ou o mal, o crecemento como persoas crentes ou o decaemento.

Oración


Porque nos queres ben, Xesús,
disnos as cousas con claridade.
Porque nos queres ben,
advírtesnos da transcendencia de moitas cousas.
Porque nos queres ben,
cabréaste connosco.
Porque nos queres ben,
bótasnos en cara o noso desinterese.
Porque nos queres ben,
agardas que escoitemos e reaccionemos.
Porque nos queres ben,
tesnos sempre dentro das túas preocupacións.
Grazas, Xesús.
que saibamos escoitarte e cambiar.

Acción
¿Parámonos algunha vez a escoitar no noso interior as críticas e advertencias que nos veñen de Xesús, ou que nos veñen de calquera persoa coa que nos movemos na vida? Hoxe podemos dedicarlle polo menos 5 minutos a esta escoita.


15 de xullo: mércores da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 11, 25-27
Nunha ocasión exclamou Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo agás o Pai, nin coñece o Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.

Meditación
De Xesús sabemos que era un home fondamente vinculado con Deus, amigo de facer en todo a súa vontade, amigo tamén de pasar tempos longos de oración en silencio, no segredo de Deus. Sen embargo conservamos poucas oracións de Xesús: a do Noso Pai, a oración no horto das oliveiras, a oración última na cruz, esta que recolle o evanxeo de hoxe, e pouco máis. Todas elas permítennos achegarnos ao talante vital, crente, de Xesús.
No caso de hoxe é unha oración de bendición e agradecemento a Deus porque Xesús observa que é a xente humilde a que máis aberta está a acoller as propostas de Deus que el lles ofrece. A sabedoría e a cautela ou desconfianza moitas veces levan a pecharse ante a novidade desconcertante de Deus. Deus sempre descoloca, e quen está demasiado asentado polo seu saber ou polo seu pretendido control de todo, é ben difícil que se abra a Deus, e que o escoite. Pero así é Deus, así era Xesús, e así é a nosa realidade. Non é que Deus teña un plan previo de só tocar no corazón de determinadas persoas; senón que hai determinados corazóns que, polo seu poder sabichón, están especialmente bloqueados como para que neles poida entrar o coñecemento de Deus. A sabedoría e o poder normalmente  non queren saber de propostas de cambio solidario.

Oración

“Bendito sexas, meu Pai,
Señor do ceo e máis da terra,
porque lles escondiches estas cousas
aos sabios e aos prudentes
e llas revelaches á xente humilde.
Si, meu Pai,
bendito sexas por che agradar isto así.”
Bendito sexas, Pai noso,
por teres escollido de sempre
as persoas débiles, fráxiles, pequenas,
para facelas partícipes
dos teus soños de pan, perdón, xustiza e esperanza.
Bendito sexas, Pai noso,
porque no pequeno e irrelevante Xesús,
aos ollos deste mundo,
nos amosaches en corpo e alma
o teu rostro misericordioso e fiel.
Bendito sexas, Pai noso,
por che agradar isto así.

Acción
¿A quen nos arrimamos, como persoas, como comunidade cristiá? ¿Á xente sabia e poderosa do noso entorno, ou máis preferentemente á xente humilde? ¿Como poderiamos acomodarnos nisto aos gustos de Xesús e de Deus?


16 de xullo: xoves da 15ª semana do Tempo Ordinario. Virxe do Carme

Evanxeo: Mt 11, 28-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.

Meditación
Xesús invita agora a todas as persoas, sen excepción, que estean máis ou menos cansas e oprimidas. No seu tempo había moitas, cunha vida empobrecida, abusada, desalentada, case desesperada. Nos nosos tempos tamén as hai, aínda que quizais as nosas pobrezas, no noso entorno galego ou español, poidan ser doutro tipo. Xesús ofrécenos o que el é, o que el ten: un xugo, unha vinculación con el e coa comunidade doada de levar, non coma os xugos que as autoridades civís e relixiosas lles impoñían; ofrécenos tamén a súa mesma persoa boa e humilde de corazón, accesible para todas e todos nós, na que podemos atopar comprensión fonda, compaña quente, alentos vigorosos, e un exemplo de vida que nos motive, que nos permita manternos en pé, con dignidade, que nos permita soñar, que nos permitirá atopar unha maneira feliz, esperanzada de vivir, no medio das dificultades que poidamos ter. Ditosas, ditosos nós, se lle dámos creto á invitación de Xesús e nos achegamos a el nos camiños da vida!

Oración

Grazas, Xesús, pola túa invitación.
Grazas por poñerte a ti mesmo ao noso dispor.
Grazas por nos ofrecer todo o teu.
sen reparo ningún,
sen distingo ningún.
Grazas polo teu xugo doado de levar,
pola amizade que nos ofreces,
poña ensinanza que nos prometes,
pola compaña que nos garantes.
Grazas polo teu ser humilde e accesible,
polo acougo e forza que nos prometes.
Intúo que nin sequera nos podemos facer unha idea
do mundo de bendición que hai en ti para todos nós!
Grazas no meu nome pequeno,
no nome maior de toda a xente inmigrante e refuxiada
que escoita de ti palabras de invitación e acollida,
que tamén lle gustaría escoitar de todos nós,
gobernos e cidadanía.
Grazas por monseñor Agrelo,
altofalante internacional das túas ofertas e promesas
á xente máis cansa e oprimida.

Acción
Todas, todos somos os que recibimos o ofrecemento de Xesús. Pero tamén todas, todos, individualmente e como comunidade cristiá, temos a tarefa de facer oír no noso tempo esa invitación de Xesús á xente cansa e oprimida. ¿Estámolo facendo? ¿Nas nosas comunidades cristiás ofertamos acougo, compaña, alentos, remedios a quen ande ferida pola vida? ¿En que poderiamos mellorar?

Oración


Santa María do Carme,
Señora santa María.

Santa María do Carme,
Señora santa María,
vimos para amosarche
o noso amor e ledicia
nesta xornada de festa,
dándoche honras cumpridas.

Por seres nai coidadora
que por nós con ansia miras,
por mostrarnos a Xesús
na súa palabra e vida,
por nos dar vigor e paz,
bendita, Santa María.

Ben sexa a xente do mar,
ou da terra, nai querida,
a que no gozo ou no aperto
na túa axuda confía,
ante ti por un igual
dámosche grazas, María.

Nos tempos que nós vivimos,
con tanto amor e avaricia,
con cousas que nos arrastran
cara ao ben, cara á malicia,
connosco faro de luz,
Santa María, camiña.

Acción

Se podemos, seguro que gozaremos moito participando nalgunha romaría dedicada á Santa María do Carme. Podemos quedarnos co que vexamos acertado da celebración, e esquecer o que non nos pareza moi oportuno.


17 de xullo: venres da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 12, 1-8
Un sábado pasaba Xesús por uns agros a trigo. Os seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e a comelas. Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
—Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.
El contestoulles:
—¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin aos seus acompañantes, senón só aos sacerdotes. ¿E non tedes lido na Lei que os sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? Pois eu asegúrovos que aquí hai algo meirande ca o templo. Se entendésedes ben o que significa “misericordia quero e non sacrificios”, non condenabades a estes inocentes. Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.

Meditación
As prácticas relixiosas son boas cando nos axudan a recoñecer e agradecer na nosa vida a presenza servidora de Deus e nos motivan para coidar a nosa vida e a empeñarnos tamén no coidado da vida da demais xente. É dicir, todas as leis e prácticas relixiosas deberían estar ao servizo da xente, ao noso servizo, para axudarnos a medrar como persoas e como pobo cristián.
Hoxe entre nós o problema non é que teñamos moita obsesión polo cumprimento das normas relixiosas; pasamos bastante delas e quedamos tan tranquilos. O noso problema é que, por unha práctica trapalleira desas normas, acabamos non lle vendo sentido, mesmo nos parecen case unha parvada e desentendémonos delas. ¿Como recuperar o sentido das prácticas relixiosas e o seu cumprimento correcto? ¿Como aprender a integralas nunha visión da vida cristiá na que desde logo a misericordia, o respecto, o coidado da vida nosa e da xente máis necesitada estea sempre por riba de calquera outra esixencia?

Oración

“Misericordia quero e non sacrificios”,
—iso nos recordas, Xesús.
E disnos que, se o entendésemos ben,
moi distintas habían ser as cousas
na nosa vida persoal e comunitaria;
moi distinto sería o aprecio da fe, da vida relixiosa
dentro da Igrexa e fóra dela.
Apréndenos, logo, a entendelo ben,
ao teu xeito,
co atrevemento, simplicidade e fondura
con que ti o facías.
Ollando para a nosa mesma debilidade,
ollando para a debilidade de tanta xente do noso redor
(xente da rúa, desafiuzada, refuxiada, soa…),
“misericordia quero e non sacrificios”.

Acción
            ¿Que importancia lle dámos na nosa vida cristiá a esas palabras que Xesús repite: “misericordia quero e non sacrificios”? Pensámolo, falámolo con outros compañeiros e compañeiras, e facemos o que o Espírito nos aconselle.


18 de xullo: sábado da 15ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 12, 14-21
Naquel tempo, ao saír Xesús da sinagoga os fariseos empezaron a maquinar na maneira de acabar con el. Xesús, ao sabelo, decidiu ir para outro lado e seguírono moitos; curou a todos e mandoulles que non o descubrisen, para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:
“Velaquí o meu servo, o meu elixido, o meu amado, a miña regalía. Pousarei o meu Espírito sobre el, para que anuncie o dereito ás nacións. Non discutirá nin berrará, ninguén oirá a súa voz polos rueiros. Non crebará a canivela cascada, nin apagará a torcida que fumega ata que faga triunfar o dereito. El será a esperanza das nacións.

Meditación
Empezan os problemas para Xesús. Problemas serios. Había que acabar con el, porque el –iso pensaban— estaba atacando a base do sistema relixioso existente, que consistía en encher a vida de doutrinas, ritos e obrigas, que acababan distanciando a xente da compaña misericordiosa, fondamente solidaria, de Deus. E Xesús non facía grandes discursos, estaba alí a pé de rúa simplemente, acollendo homes e mulleres e compartindo con esas persoas a súa forza de vida, o seu alento, a súa esperanza, a súa vitalidade corporal e espiritual. Alí estaba Xesús actualizando a vella profecía de Isaías, enchéndoa de vida e de realismo.
Como xente relixiosa, podemos facer corpo cos fariseos, para guerrear contra a orixinalidade de Xesús. Ou podemos, coma Xesús, intentar desapegar a fe das vellas cadeas de doutrinas, ritos e obrigas (algo de todo isto fará falta seguramente), e intentar vivila, como raíz, desde a frescura  dunha vida que acolle a xustiza e a misericordia de Deus e as practica con quen dela precise.

Oración

Canté, meu Deus,
se con Xesús fose unha miguiña o teu servo/a,
o teu elixido/a, o teu amado/a, a túa regalía!
Canté, meu Deus,
se soubese acoller o Espírito que pousas sobre min,
para me facer persoa de paz e de xustiza en todo!
Canté, meu Deus,
se soubese evitar berros, discusións, palabras ocas,
e me envolveses no teu silencio atento, solidario!
Canté, meu Deus,
se soubese acompañar e acariñar toda vida en risco de non ser,
de apagarse, de desaparecer
á espera viva do seu florecemento!
Canté, meu Deus,
poder ser contigo, un chisquiño a lo menos,
un reflexo da túa esperanza
para quen bata comigo!
Canté, meu Deus, canté!

Acción
Posiblemente no noso medio haxa algunha persoa innovadora nalgún aspecto da vida social, relixiosa, política. ¿Como reaccionamos ante ela? Acollemos e pensamos nas súas propostas de vida, ou combatémola porque nos rompe esquemas?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.