18 decembro, 2019

2º Encontro 2019 / 2020




Seguimos orando con dous salmos de “subida” ou peregrinación, neste noso camiño de Advento, no que aventuramos soños persoais, colectivos, eclesiais.

Signos: os salmos de hoxe (na súa versión oracional á luz do Evanxeo) suxírennos dúas imaxes: a do gardián, a de quen vela permanentemente por nós; e a do canteiro que constrúe a casa e a fecunda. A casa sómolo cada persoa, pero tamén o é a “casa común”, e a Igrexa dentro dela, ao servizo dela. O tempo de Advento suscita en nós estas saudades e ofrece estas confianzas.

No nome do Pai…

Cos brazos abertos expresamos en silencio a nosa condición fraterna en Deus, con todo o noso ser, unido a todas e persoas do mundo, a toda a creación, nesa “Casa común” que formamos en Deus.

17 decembro, 2019

Tempo de Advento (A): 4ª semana





22 de decembro: domingo 4º de Advento

Evanxeo: Mt 1, 18-24
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
—Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo, e poñeranlle de nome Emmanuel, que quere dicir “Deus connosco”.
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor.

11 decembro, 2019

Tempo de Advento: 3ª semana




 15 de decembro: domingo 3º de Advento

Evanxeo: Mt 11, 2-11
Nunha ocasión, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
—¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulle Xesús:
—Ide e contádelle a Xoán o que estades a oír e ver: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e á xente pobre estáselle a anunciar a Boa Nova. E ditosas as persoas que non se escandalicen de min!
Non ven se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
—¿Que fostes ver ao deserto? ¿Unha cana abaneada polo vento? Pois logo, ¿que fostes ver? ¿Un home vestido con roupas finas? Pero as persoas que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, ¿a que saístes? ¿A ver a un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:
—Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño.
Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Bautista, aínda que o máis pequeno no reino dos Ceos é meirande ca el.

04 decembro, 2019

Tempo de Advento: 2ª semana




8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción de Santa María

Evanxeo: Lc 1, 26-38
Naquel tempo mandou Deus o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.
O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo ao que lle poñerás o nome de Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono do seu antepasado  David; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, pois eu son virxe?
O anxo replicoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Velaquí a escrava do señor; que Deus faga comigo segundo me dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.