venres, 22 de febreiro de 2013

24 de febreiro: Domingo II de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 9,28b-36
 
Comentario

Estamos ante un relato un chisco complexo. Complexo polas posibles orixes históricas do mesmo e complexo tamén pola ampla e rica simboloxía coa que o recargaron os evanxelistas á hora de nolo transmitir. Ademais cada evanxelista pon o seu particular acento, sempre querendo responder ás necesidades concretas que vivía a comunidade a quen se dirixía. Isto dános tamén certa liberdade: nós tamén podemos lelo e interpretalo tendo en conta as necesidades das nosas comunidades no momento presente.

mércores, 13 de febreiro de 2013

17 de febreiro: Domingo I de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 4,1-13

Comentario

Empeza a Coresma. Nos domingos anteriores estabamos vendo a Xesús iniciando a súa tarefa de anunciador da Boa Nova. O Evanxeo de hoxe parece que volve algo atrás, e fálanos dun Xesús que, despois da experiencia especialísima do Xordán, pasa por un proceso de tentación, por un tempo intenso de deserto, antes de decidirse a andar camiños e aldeas transmitíndolle á xente a novidade de Deus que levaba no corazón. Ben é certo que as persoas entendidas nas cousas dos Evanxeos tamén nos din que os evanxelistas, con isto das tentacións de Xesús, máis ca querernos describir o que lle puido pasar nun período de 40 días e noites, o que pretenden é axudarnos a ver que Xesús, ao longo da súa vida, pasou pola proba, que tamén tivo o seu deserto, igual que o tivera o antigo pobo de Deus, coma proceso e condición para pasar da escravitude á liberdade, do sometemento da produción ao gozo dunha terra nova que deita leite e mel, para vivir a fondo a súa condición de fillo de Deus e de irmán de todos, de todas nós.

mércores, 6 de febreiro de 2013

10 de febreiro: Domingo V do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 5, 1-11

Comentario

É moi importante reparar no contexto, no medio, nas circunstancias nas que se dá a acción evanxelizadora de Xesús, nas que se pronuncia e realiza a Palabra de Deus. Normalmente temos moi asociados os elementos relixiosos a ambientes relixiosos. Xesús, adrede, ía á xente, onda a xente, evanxelizaba no normal da vida, nos lugares nos que a xente vivía, traballaba, sufría, esperaba: á beira do lago, cando os pescadores lavaban os aparellos, subido a unha barca, despois dunha mala xornada de pesca. E, en coherencia con isto, a palabra de Xesús, a Palabra de Deus, era tamén unha palabra laica, na que si se pronunciaba o nome de Deus, o anuncio do seu Reino, pero facíase respondendo ás expectativas de xente, envolto nelas, aínda que, iso si, abríndoas a horizontes máis fondos e densos, máis humanos polo tanto. Non o podía facer doutro modo o que se presentara como anunciador de liberación para a xente pobre, cega, presa, asoballada, marxinada. Era unha nova evanxelización, situando os lugares relixiosos, a experiencia relixiosa no corazón da vida da xente. Todo un gozo e unha orientación para nós, para as nosas comunidades.