28 decembro, 2023

Tempo de Nadal: 2ª semana


 

31 de decembro: Domingo dentro da Oitava do Nadal. Sagrada Familia

1ª lectura: Eclo 3, 3-7. 14-17a. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
2ª lectura: Col 3, 12-21

Evanxeo: Lc 2, 22-40

Cando chegou o tempo de se purificaren conforme a Lei de Moisés, os pais de Xesús levárono a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor –pois así está escrito na Lei do Señor: “Todo varón primoxénito ha ser consagrado ao Señor”—, e tamén para ofreceren o sacrificio, conforme se di na Lei do Señor: “Un par de rulas ou dous pombiños.”

Vivía entón en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a consolación de Israel, e o Espírito Santo estaba con el. E recibira do Espírito Santo unha revelación de que el non había morrer sen antes ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais co neno Xesús para cumpriren con el o mandado pola Lei, Simeón colleuno nos brazos e loou a Deus, dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron a túa salvación, a que ti preparaches á vista de todos os pobos, luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel.

O pai e máis a nai do nenos quedaron pasmados polo que del oían dicir. Simeón bendiciunos e díxolle a María, a nai do neno:
—Mira, este neno está aquí para caída e rehabilitación de moitos en Israel e para ser un sinal discutido – a ti mesma unha espada hache atravesar a alma—; así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.

Había tamén unha profetisa chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer. Era unha muller moi vella, que vivira, desde que casara, sete anos co seu marido, e logo, como viúva, ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, servindo a Deus noite e día con xaxún e oracións. Ela compareceu naquel intre e glorificaba a Deus e falaba do neno a todos os que esperaban a redención de Xerusalén.

Cando cumpriron todo conforme a Lei do Señor, volveron para Galilea, para a súa cidade de Nazaret. O neno, rebordando sabedoría, medraba e facíase forte, e a graza de Deus estaba con el.

22 decembro, 2023

Tempo de Nadal


NADAL

Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor, este ano o 7 de xaneiro.

O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas.

O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol —que está na base da nosa festa do Nadal— ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións.

Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia. Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos.

O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos.

20 decembro, 2023

Tempo de Advento: 4º domingo



24 de decembro: Domingo 4 de Advento

1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16. Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29
2ª lectura: Rom 16, 25-27

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Aos seis meses ( do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. Entrando onde estaba ela, díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; e fíxate, vas concibir no teu ventre e darás a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacobe e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ao anxo:
—¿E como pode ser isto, pois non teño relación con home ningún?

O anxo respondeulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.

María contestou:
—Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.

14 decembro, 2023

Tempo de Advento: 3ª semana



17 de decembro: Domingo 3 de Advento

1ª lectura: Is 61, 1-2a. 10-11. Salmo: Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54
2ª lectura: 1 Tes 5, 16-24.

Evanxeo: Xn 1,6-8. 19-28

Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz. 

E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:
—¿Ti quen es?

El declarou e non negou. Declarou:
—Eu non son o Cristo.

Preguntáronlle:
—Entón ¿quen es ti? Es Elías?

Contestou:
—Non son.

—¿Es o profeta?

Respondeu:
—Non.

Daquela dixéronlle:
—¿E, logo, quen es?, para que poidamos darlle unha resposta aos que nos mandaron. ¿Qué dis de ti mesmo?

El dicía:
—Eu son a voz do que clama no deserto: "Endereitade o camiño do Señor!" (como escribira o profeta Isaías).

Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
—Entón, ¿por qué bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?

Xoán respondeulles:
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que vén detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.

Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

08 decembro, 2023

Tempo de Advento: 2ª semana



10 de decembro: Domingo 2 de Advento

1ª lectura: Is 40, 1-5. 9-11. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
2ª lectura: 2 Pe 3, 8-14.

Evanxeo: Mc 1, 1-8

Comezo da Boa Nova de Xesús Cristo, fillo de Deus. Como está escrito no profeta Isaías:
“Mira, mándoche por diante o meu mensaxeiro, para que prepare o teu camiño. Unha voz clama no deserto: preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros.”
Presentouse Xoán bautizando no deserto e pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.

Xoán ía vestido cun manto feito de pelos de camelo e cun cinto de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. E proclamaba:
—Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os cordóns do seu calzado. Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo.