Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións

16 outubro, 2021

XXXV Foro Encrucillada

 



XXXV Foro Encrucillada 2021

Teoloxía política do Papa Francisco

A teoloxía política non é a politización da teoloxía. No foro buscaremos reflexionar sobre as implicacións políticas que ten toda afirmación teolóxica e discernir de xeito acaído sobre elas, á luz da lóxica evanxélica do Reino de Deus e a opción preferente polos máis pobres.Vai ter lugar o sábado 23 de outubro, no Salón de actos do Colexio da Compañía de María de Santiago de Compostela (entrada polo portalón da rúa das trompas) coas precaucións covid recomendadas.

Programa:

09:30: Inscrición
10:15: Presentación: José María Fernández Vázquez
10.30: «A xeopolítica do Papa Francisco» Carlos García de Andoin (Universidade do País Vasco)
12.30: «A economía do Papa Francisco» Sebastián Mora Rosado (Universidade Pontificia Comillas)
16.30: «A ecoloxía do Papa Francisco» Isabel Vilalba Seivane (Sindicato Labrego Galego)
18.00: Peche musical: Bea a de Estrella

Esperámosvos.

20 outubro, 2020

 



Benqueridas amigas e amigos,

 

Todos os anos por estas datas convocamos o Foro Encrucillada. Este ano non é posible, pois en Galicia están limitadas as xuntanzas a 10 persoas por mor da pandemia.
Na Asociación Encrucillada non queremos deixar pasar a nosa cita, e no canto do Foro convocamos os COLOQUIOS NA ENCRUCILLADA.
Imos aproveitar os relatorios que tiñamos encargados.
  • Como nace a Biblia, xeración e escritos do Antigo Testamento, por Marta García Fernández, profesora adxunta da Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia Comillas, Departamento de Sagrada Escritura e Historia da Igrexa
  • O Novo Testamento, xeración e escritos, por Carmén Bernabé Ubieta, profesora Titular de Cristoloxía fundamental, Sagrada Escritura e Escritos Xoánicos na Universidade de Deusto (campus Bilbao)
  • Hermenéutica, como ler a Biblia hoxe, por Andrés Torres Queiruga, profesor emérito de Teoloxía Fundamental no ITC e de Filosofía da relixión na USC.
Publicarémolos na Revista Encrucillada 220 (Dec 2020), pero ademais pedimos ás autoras e autor que suxeriran, partindo do texto, preguntas que abran á reflexión, coas que poder animar un diálogo.
A nosa idea é que todas as persoas que queiran afondar na lectura actual da Biblia o fagan, de xeito individual ou en pequenos grupos, lean e reflexionen, poñendo en común achados e dúbidas.
Logo, no mes de febreiro, convocaremos encontros virtuais coas tres persoas relatoras, en diferentes días, cos que poidamos arbitrar un diálogo coas reflexións de todos.
Quedades todos emprazados logo para este traballo de reflexión e formación, individual ou en grupos, e do que vos seguiremos informando en próximos días.
Quedamos á vosa disposición para calquera dúbida ou aclaración neste correo mail
Grazas por segir aí con fidelidade, e por apostar pola fe e a galeguidade.
Saúdos cordiais
Consello de Encrucillada


Por outra banda, o Equipo Coordinador da Escola de Espiritualidade animamos a aquelas persoas que, aínda, non sexan subscritoras da revista e estean interesadas nos relatorios que serán publicados no número 220 (novembro-decembro 2020), que poden subscribirse na seguinte ligazón: http://www.encrucillada.gal/index.php?s=3. 
Hai dúas modalidades de subscrición: en papel (25,00 €/ano) ou dixital (15,00 €/ano). 
Recibirían gratis o referido número 220, xa que a cota de subscrición sería para o ano 2021, iso si, sempre que se faga antes do 30 de novembro, porque o 1 de decembro comezará o envío da revista.




26 abril, 2020

Publicación en aberto do nº 217 da revista Encrucillada


A Asociación Encrucillada, entre outras actividades como a Escola de Espiritualidade, publica a revista Encrucillada.

Coa crise da covid-19, en Encrucillada quedamos sen imprenta pero iso non vai facer que deixemos de editar a nosa revista, que leva máis de 40 anos saíndo á rúa sen interrupción. Este número 217 marzo-abril 2020), está dedicado á Educación afectivo-sexual.


Dada a situación, todos os artigos quedan abertos e pódese regalar ou difundir este número da revista ás persoas ou medios a quen penses que lles pode interesar o seu contido ou algunha das súas partes. 
nº 217 marzo-abril 2020

O próximo número: 218 maio-xuño 2020 A Eutanasia

Se estás interesado/a en te subscribir podes consultar as distintas modalidades: subscrición Recibirías os números publicados neste ano.




04 maio, 2018

San Cidre 2018




SAN CIDRE 2018.







Fornelos de Montes, 12 de maio de 2018

Lugar de celebración: Polideportivo municipal, con asentos para todo o mundo.

Lema: COA FORZA DA TERRA, COA FORZA DE DEUS.


Desenvolvemento da celebración

11:00 h.- Acollida e entrada

Entre as 11 e as 12 da mañá iremos chegando a Fornelos de Montes, ao Polideportivo municipal, onde nos acollerá xente do lugar. As comidas hainas que deixar no autobús, porque iremos comera outro lugar próximo.
Iremos entrando no polideportivo e ocupando os asentos. Non se pode comer dentro do Polideportivo. As dúas persoas de cada grupo que leven os “signos” xa se dirixen ao lugar do Polideportivo que se lles indicará.
Xa dentro farase un momento de ensaio e de explicación do que imos celebrar.

23 xuño, 2014

Novas alternativas em tempos de mudança






Caríssimas e caríssimos,
há cinco anos que se realizam os Encontros de Verão grão de mostarda, refletindo projetos de confiança e de esperança atuante.



Novas alternativas em tempos de mudança
é o tema do encontro deste ano, que terá lugar a 12 de julho (sábado), para dar a conhecer experiências concretas de pessoas que abriram o coração à realidade, ao “fluir incessante” do quotidiano, usando a expressão do monge Carlos Maria Antunes.

Convidámos Paula Vieira, de Braga, e um casal da Galiza, Natalia e Breo Fernández.

22 decembro, 2012

En memoria agradecida de Miguel Carneiro

Acolle nas túas mans, Señor da Vida,
a vida deste irmán que foi tan noso.
Distinta, irrepetible, cada vida
faise eterna no misterioso fondo
do teu amor que garda os nosos días
mentres dorme na terra o noso corpo.

Aínda sen saber cando nin como,
temos certo que ha vir a primavera
coa forza luminosa dun sol novo
que fará reverdecer a terra,
e aqueles que o amor ten no recordo
terán na túa paz ledicia eterna.
Amén

(Texto de Bernaldo García Cendán)

21 xullo, 2012

OS SALMOS HOXE. Versión oracional á luz do Evanxeo

     Para ninguén é unha novidade a inmensa riqueza oracional que se nos ofrece no libro dos Salmos. Pero, ao mesmo tempo, ninguén ignora a dificultade enorme que moitos deles, na súa totalidade ou en parte, presentan para poder ser orados con relativa normalidade por un cristián/cristiá dos nosos tempos. Algúns salmos xa non se nos ofrecían nunca como pezas de oración, a outros recortábanselles aquelas partes que os facían distantes a nós, e mesmo nos que diariamente podemos atopar na nosa oración comunitaria ou individual encontrabamos pasaxes, versiños ou palabras soltas que, a moitas persoas polo menos, nos resultaban moi difíciles desde a sensibilidade cristiá que o Espírito foi inserindo nos nosos corazóns.

03 xullo, 2012

Grão de mostarda

A partir de hoxe facilitamos o enlace con "Grão de mostarda", un blog no que participan activamente algúns dos irmáns e irmás portugueses que nos acompañan na Escola de Espiritualidade. Pensamos que nos pode axudar a vivir e compartir o Evanxeo dunha maneira viva e encarnada nas realidades das nosas comunidades cristiás, dos nosos pobos.

15 maio, 2012

Escrito de apoio a Andrés Torres Queiruga

Publícase o "Escrito de apoio a Andrés Torres Queiruga", elaborado por persoas da Escola, que foi lido na última sesión e remitido as autoridades e organismos convenidos.


ESCRITO DE APOIO A QUEIRUGA

     Estes días véñense oíndo moitas voces de solidariedade co profesor  Andrés Torres Queiruga. Son testemuños claros, fondos  e ben fundamentados, que poñen de manifesto unha vez máis que contamos cunha igrexa plural e dinámica.

10 maio, 2012

Entrevista na revista italiana IL REGNO a Andrés Torres Queiruga.

Remitimos a todas as persoas que seguen este blogue a entrevista que na revista italiana "Il Regno" lle fixeron a Andrés Torres Queiruga. Coidamos que é ben importante o contido da mesma, polo que aclara ao redor das cuestións que foron motivo da disconformidade episcopal, e importante tamén polo feito mesmo de que unha revista como "Il Regno", de moita proxección en Italia e mesmo fóra de Italia, tivese a nobreza e a valentía de lle prestar espazo a Andrés para que a súa voz sexa axeitamente expresada e escoitada. Coido que é para felicitarnos con Andrés.
Entrevista ao teólogo español Andrés Torres Queiruga
IL REGNO é unha revista italiana quincenal de gran prestixio. No número 8 de 2012, dedicado a Actualidade (outras quincenas inclúense só Documentos) vai  publicar unha entrevista con Andrés Torres Queiruga, que é tan coñecido e lido en Italia como en España. Tanto a revista como o entrevistador e o entrevistado autorízannos a publicala neste blogue.
1. Prof. Queiruga, ¿que impresión lle fixo recibir o venres santo a notificación sobre algunhas obras súas de parte da Comisión episcopal española para a doutrina da fe?
     - Triste, porque abrigaba unha pequena esperanza de que no último momento, como eu propoñía, se abrise un prazo para un verdadeiro diálogo teolóxico. Triste tamén por un procedemento que, ao meu ver, se fixo non só sen suficiente seriedade teolóxica senón sen esa sensibilidade humana e fraternidade eclesial que debe caracterizar as relacións dentro da Igrexa.

09 abril, 2012

Carta de Manolo Regal a Andrés Torres Queiruga

O día 30 de marzo tivemos información da Notificación da Comisión Episcopal da Doutrina da Fe da Conferencia Espiscopal Española, na que se advertía que na teoloxía de Andrés Torres Queiruga certos elementos da fe da Igrexa quedaban distorsionados, e invitábaselle a revisar a súa teoloxía para facela máis acorde coa doutrina oficial da Igrexa.
     Desde ese momento foron moitos as manifestacións de apoio a Torres Queiruga e ao seu traballo teolóxico serio e creador e, polo tanto, tamén fronteirizo. Supoñemos que os lectores e lectoras deste Blogue estarán ao tanto destas circunstancias. Ofrecemos aquí unha carta persoal de apoio que Manolo Regal Ledo escribiu a Andrés Torres Queiruga.

02 febreiro, 2012

In memoriam: Miguel Carneiro Mosquera

O 24 do pasado mes de decembro, día de Noiteboa, deixounos de modo inesperado Miguel Carneiro. O noso querido compañeiro e amigo Miguel, Jamé para os seus máis achegados. Marchou sen tempo a despedirse, por iso resultan hoxe especialmente significativas as palabras coas que , hai cinco anos, lles dicía adeus aos seus fregueses das unidades parroquiais de San Fiz de Monfero e Santa María de Verís. Acollémolas hoxe desde un sentimento emocionado e coa certeza fonda que a súa mensaxe permanece viva e actual no medio de nós. Non hai mellor “in memoriam” que a memoria viva e vivificante que nos traen as súas mesmas palabras.

CANDO FALTAN AS PALABRAS ... GRAZAS

            A vida é unha estraña mestura de erros e de acertos, de principios e finais, de renuncias e de encontros, de risas e de bágoas, de proxectos e de etapas que se acaban e doutras que aínda temos que percorrer...

22 outubro, 2011

Xornada de portas abertas

Xa en pleno Advento, nos poñemos en contacto convosco para recordarvos que o próximo día da Escola, 17 de decembro, quedamos que era un día de “portas abertas”. Isto supón que podemos traer invitada a algunha persoa amiga ou coñecida que estea interesada en vivir un día a Escola desde dentro. Tamén invitamos ás persoas que pasaron pola Escola nestes anos.

Será un día no que seguiremos o plan normal. Empezaremos a mañá, ás 10:00, coa presentación e oración e logo Andrés centrara o tema:“Por unha igrexa aberta e actual”. Pola tarde, nós teremos os obradoiros coma sempre e ofreceremos para as persoas invitadas un espazo de encontro e diálogo con Andrés e Pilar. Terminaremos cunha celebración de Advento.

Desde o equipo estamos preparando con ilusión esta xornada, pero para organizala ben e poderlle dar a calidade e calidez que tanto nos gustaría, necesitamos da vosa colaboración. É importante que todos e todas nos sintamos “anfitrións” que informan e acollen con cordialidade á xente que ven por primeira vez ou a aquelas persoas que xa hai anos que deixaron a Escola.

Para esta organización, que como ben podedes comprender resulta un tanto incerta e complexa, é imprescindible que avisedes a Mª Carme Turnes, antes de 13 de decembro, a persoa ou persoas que traedes invitadas e se van comer na Casa de Exercicios.