3 de mazo: Domingo 3º de Coresma
1ª lectura: Ex 29, 1-17. Salmo: 18, 8. 9. 10. 11
2ª lectura: 1 Cor 1, 22-25
Evanxeo: Xn 2, 13-25
Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e máis os cambistas, sentados; vai e, facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambistas; e aos que vendían as pombas díxolles:
—Arredade de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.
Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: “O celo da túa casa devórame.”
Pero replicáronlle os xudeus:
—¿Qué sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
Respondeulles Xesús:
—Derrubade este templo e erguereino en tres días.
Retrucáronlle os xudeus:
—Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?
Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos. Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.