Amosando publicacións coa etiqueta Recolleita en Sobrado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Recolleita en Sobrado. Amosar todas as publicacións

20 xuño, 2024

Convivencia Sobrado dos Monxes

 


ORACIÓN DE MAÑÁ: NA ESCOLA DE SAN BIEITO

(Estamos nun mosteiro trapense (O.C.E.O.) que segue a Regra de S. Bieito. Aproximámonos a catro aspectos importantes desa Regra e dos monxes que aquí a seguen para facer este momento de oración.)


Empezamos a oración traendo no corazón o nome, o rostro dalgunha persoa ou persoas especialmente empobrecidas. Xesús ofrécesenos nelas.

1. Cremos que Deus está presente en todas as partes e (…) con moita máis razón o debemos crer, sen dúbida algunha, cando asistimos ao oficio divino. Consideremos, pois, con que reverencia convén estar na presenza da divindade (…) e salmodiemos de tal maneira que o noso pensamento vaia de acordo coa nosa voz. (19,1.7).

Tomamos nós conciencia agora desta presenza de Deus no que somos e vivimos. En corpo e alma, sentímonos así en Deus, con Xesús, no Espírito.

2. Cando alguén chega pola primeira vez para abrazar a vida monástica, non se lle facilite a entrada.(58,1). Encargarase deles un ancián apto para ganar almas, que os velará coa máxima atención. Examinará coidadosamente se busca a Deus verdadeiramente...(58,6.7).

SALMO 42 (versión oracional á luz do Evanxeo)
Como devece a cerva pola auga dos regatos,
así devece por ti, meu Deus, a miña alma.
A miña alma ten sede de Deus, do Deus vivo:
cando poderei ver o rostro de Deus?

A miñas bágoas son día e noite o meu pan,
mentres decote me din:
“Onde está o teu Deus?”

Cando diso me lembro, sinto saudades na alma:
Eu marchaba á fronte do pobo
cara á casa de Deus,
entre voces de xúbilo e loanza
de xentío en festa.
Por que desacougas, alma miña,
e por que andas inqueda?
Espera en Deus,
volvereino loar outra vez:
a miña salvación, o meu Deus.

A miña alma esmorece,
e por iso me lembro de ti,
desde o Xordán, o Hermón e o Misar.
Un abismo chama a outro abismo
con fragor de cachoeira;
as túas cristas e as túas ondas
pasan por riba de min.

Polo día outorga o Señor a súa axuda,
pola noite cántolle ao Deus da miña vida.
Direille: “Miña rocha,
por que te sinto lonxe de min?
Por que teño que andar penando,
como persoa asoballada polo inimigo?”
Québranseme os ósos
polas burlas dos apresores,
que decote me din:
“Onde está o teu Deus?”

Por que desacougas, alma miña,
e por que andas inqueda?
Espera en Deus,
volvereino loar outra vez:
a miña salvación, o meu Deus.
Con que determinación buscamos o rostro de Deus?

3. No rito da profesión o novicio di este verso (3)
Sostenme, Señor,conforme á túa promesa, e vivirei;
non decepciones a miña esperanza”(Sl 118,116). (Regra 58, 21.22)

Sostenme, Señor, conforme á túa promesa e vivirei;
que non te decepcione na esperanza que ti tes posta en min.
Temos “votos” de fidelidade con Deus?
4. ”Os pobres e peregrinos sexan acollidos con particular coidado e solicitude, pois neles recíbese a Cristo máis particularmente; por canto que aos ricos o propio temor que inspiran move a honralos” (53,15).

A noso coidado e solicitude coa xente máis empobrecida....Cristo neles?


Concluímos rezando o NOSO PAI/NAI, EN QUEN SOMOS E VIVIMOS.


15 xuño, 2023

Recolleita en Sobrado



  Na festa de Corpus





Desde que a filosofía grega, tan bélica, se coou na nosa teoloxia, o corpo quedou marcado, baixo sospeita, algo ao que hai que vencer, nunha guerra permanente con el.

Pero para as mulleres o noso corpo é o colo que xera, aloumiña e sostén a vida.

Facerse corpo é encarnarse, facerse carne, conectarse co mundo físico, descubrirse como creatura necesitada de cristificacion.

As nosas vidas son tan pequenas que moitas veces non nos dá tempo a descubrir todo o que de fonda ten esta mensaxe de cristificacion que hoxe nos trae o evanxeo. Somos corpo e sangue de Cristo, somos verdadeira comida e verdadeira bebida cando estamos unidos a Cristo, neses breves momentos, limitados e fugaces, nos que nos sentimos parte dun banquete, fraterna e subversiva eucaristía, que dicía Casaldaliga.

Ser corpo ten que ver tamén coa fraxilidade, a vulnerabilidade, a incertidume de todo o vivo. Abrazar a nosa incertidume fainos ser conscientes da limitación, pero tamén da grandeza da plenitude que buscamos e que só podemos experimentar no noso corpo.

Identificarnos con Xesús, co seu proxecto, é estar disposta a asumir a cristificacion, facernos un/unha con Él.

Ao comulgar o corpo de Cristo comulgamos tamén co seu espírito, co desexo dunha humanidade e unha creación reconciliada onde ningún corpo sexa maldito, excluido, inferior.

A eucaristía é tamén pan de vida, sustento e nutrinte, fortaleza e enerxía que nos capacita para vivir a vida coma un banquete no que non hai primeras ni últimas.

Neste proxecto de cristificacion propia e do mundo, quero lembrar a oración de Madeleine Delbrêl, laica que na primeira metade do século XX se inseriu e traballo no mundo obreiro, nun barrio marxinal de París.
“tráesnos esta noite
a este café, chamado Claro de lua,
onde queres ser Ti en nós,
durante algunhas horas esta noite.
Queres atopar,
a través das nosas miserables apariencias,
a través dos nosos ollos que non saben ver,
a través dos nosos corazóns que non saben amar,
a todas estas persoas
que veñen ao bar a matar o tempo.
E porque os teus ollos espertan nos nosos,
porque o teu corazón se abre no noso corazón,
sentimos como o noso débil amor,
se abre en nós coma unha rosa espléndida,
afonda coma un refuxio inmenso e acolledor
para todas estas persoas cuxa vida latexa arredor noso.
Daquela o café xa non é un lugar profano,
un rincón da terra que parecía darche as costas.
Sabemos que por ti nos convertemos
nun centro de carne,
nun centro de graza,
que nos obriga a xirar
a orientar todo,
en plena noite,
cara a nai-pai de toda vida.

En nós realízase o sacramento do teu amor.
Unímonos a ti
con toda a forza da nosa escura fe;
unímonos a elas e eles
coa forza deste corazón que latexa por ti;
amámoste,
amámolos,
para que de todos nós se faga unha soa cousa.
Atrae todo cara ti en nós..."


01 xullo, 2019

Encontro en Sobrado dos Monxes:




Sobrado, 9 de xuño de 2019


Oración da mañá / preparación para a Eucaristía

1.- Tempo de silencio interior integrador para abrirnos ao Espírito

2.- Oración no Espírito Santo

CANTO:

MANDAS O TEU ESPÍRITO (3) /
E RENOVAS O ROSTRO DA TERRA.

A miña alma bendí o Señor, meu Deus ¡que grande es!

Encontro en Sobrado dos Monxes:




Sobrado 8 de xuño de 2019


Símbolo: Imaxe de Cristo crucificado  / Imaxe-cartel dunha persoa empobrecida.

“Cinguidos, pois, os nosos lombos coa fe e a observancia das boas obras, sigamos os seus camiños, tomando por guía o Evanxeo, para que merezamos contemplar no seu reino a Aquel que nos chamou”(Pról. 21).
“Non antepoñer nada ao amor de Cristo” (R.B. 4,21)
“Reciban coma ao mesmo Cristo a todos os hóspedes que chegan ao mosteiro, pois el mesmo dirá:”fun peregrino e acolléstesme”(Mt 25-35). “Sexan acollidas con particular coidado e solicitude as persoas pobres e peregrinas, pois nelas recíbese a Cristo máis particularmente; porque á xente rica o mesmo temor que inspiran move a honrala.”  (R.B. 53, 1.15)

1.- Momento de silencio e integración en Deus fogar común.

CANTO:
DÉIXATE QUERER, DÉIXATE QUERER,
DÉIXATE QUERER POR DEUS(2)

Non poñas trabas ao teu Amigo, non teñas medo a compartir
a marabilla dunha amizade, que te sosteña no teu vivir. (bis).

Breve crónica do Encontro en Sobrado dos Monxes



VODAS DE PRATA EN SOBRADO, 7-9 de xuño de 2019
(Crónica entre o amor e o humor)

Venres 7: en Sobrado,  como cumpría
Todo empezou en Sobrado, alá polo ano 1994. Os precursores, homes e mulleres, tiveron a feliz idea de botar a andar unha escola de espiritualidade atenta aos novos tempos, aos novos criterios teolóxicos que abrían camiño, á nova xente á que as rutinas de sempre xa non lles motivaban para viviren coma persoas cristiás no século novo que xa estaba ás portas.
E alí en Sobrado, co apoio material e humano da comunidade monástica cisterciense, a cousa botouse a andar. Alí tivo a súa sede para os cinco encontros do curso e para o mesmo remate do mesmo ata o ano 2000. E alí seguimos acudindo aínda agora para pechar cada curso coa estadía de tres xornadas en Sobrado, revinculándonos coas nosas raíces, e envolvendo no ámbito oracional do mosteiro os pasos cos que cada ano imos avanzando. (A Escola tería logo a súa sede dous anos no Monte do Gozo, un ano nos Paúles de Marín, 10 anos na casa de Exercicios de Santiago, e desde o 2012 no centro de Proxecto Home tamén en Santiago.
Cadraba de seu que alí celebrásemos as nosas vodas de prata de noivas e noivos, o espírito e máis todas e todos nós. E alí nos fomos achegando o venres 7, nunha tarde semiaberta, e un chisquiño friorenta para o tempo que era. Alí estaba o mosteiro estreando os espazos da portería, reformados, e alí estaba a fachada da igrexa monacal xogando ás agachadas connosco, ou, quen sabe, tamén poñéndose guapa como tal cómpre para o que nós e moita máis xente na mesma liña celebramos. E alí estaba Carme, Maricarme, desfacéndose en atencións para que todo estivese ben e a punto, e todo o mundo se sentise cómodo e satisfeito. Fomos 48 persoas; sumáronse tres persoas Isabel, Loli, e Soedade, que estiveran na escola desde o comezo e que agora andan en andanzas  espirituais diversas con Pablo D´Ors, co monacato laico, sempre ao abeiro do mosteiro que nos viu nacer. Que boa fada as ampare (a Fada pode ser un nome fermoso para o Espírito).

18 xuño, 2018

Breve crónica do Encontro en Sobrado dos Monxes




DE NOVO SOBRADO, DE NOVO A VIDA

Encontro da Escola de Espiritualidade en Sobrado dos Monxes, 8-10 xuño 2018


Venres, 8

E, dun lado e doutro, fómonos achegando a Sobrado dos Monxes. Sabiamos os camiños, sabiamos do sitio, coñeciamos o que nos agardaba. Así que os ánimos eran fortes. O día anubrado, mesmo con pingadas de cando en vez. Non importa. Nós moi ben dispostas. Mari Carme, que xa chegara a Sobrado pola mañá, para garantir servizos, estábanos agardando repartindo bicos, chaves e alentos. E fómonos acomodando nas respectivas celas monásticas, que sabían a gloria. Tempo para saudarnos, darnos bicos e apertas, espelirnos polos claustros ou arredores e dispoñernos para o rezo das Vésperas cos nosos irmáns, os monxes de Sobrado. Alí estivemos compartindo con eles a esperanza fresca que traiamos ao lombo. Algo de mágoa nos dá que, tal como teñen organizada a súa pregaria, non haxa espazos para expresar en oración pública o que traemos cando nos achegamos a Sobrado.

05 xullo, 2017

Celebración da Trindade en Sobrado


Sobrado dos Monxes, 11 de xuño de 2017

RECREARNOS NA TRINDADE


Reparamos no dobre significado da palabra recrearnos: facernos criaturas novas, e, ao tempo, folgarnos, gozarnos niso mesmo. Imos celebrar a Trindade desde estas expectativas.

A Trindade non ao estilo racional, senón ao estilo vital, tal como a viviu Xesús: identificado en todo, en todo momento co Pai, ata ser un con el, deixándose levar sempre polo Espírito, e sendo así totalmente el. Nós podemos ser tamén experiencia viva da Trindade. Estamos en camiño de Trindade: Fonte, Camiño e Enerxía.

No centro do espazo da celebración hai un Cirio grande aceso (a luz, a fonte: o Pai) e unha cruz (o amor apaixonado, servidor: o Fillo). O Espírito está, pero non se ve, séntese.

Empezámonos signándonos tres veces no nome do Pai, do Fillo, do Espírito Santo.

Oración da mañá en Sobrado


Sobrado dos Monxes, 10 de xuño de 2017


ORACIÓN DA MAÑÁ


1.- Saúdo de paz.

Breve exercicio de silencio interior integrador na presenza do noso Deus.

2.- Presentación e proclamación do Salmo 19 (a dous coros):

Os ceos proclaman a gloria de Deus,
o firmamento pregoa as obras das súas mans.
Un día pásalle ao outro a mensaxe,
unha noite transmítelle á outra a noticia.

Sen que falen nin conten,
sen que se sinta a súa voz,
por toda a terra vai o seu anuncio,
ata os confíns do mundo a súa palabra.

Ao sol púxolle alá no ceo unha tenda:
coma un desposado, sae da súa alcoba
e, ledo coma un heroe,
percorre o seu camiño.

Sae dun extremo do ceo,
a súa órbita chega ata o outro extremo,
nada escapa da súa calor.

Breve crónica do encontro de Sobrado


Sobrado dos Monxes, 9, 10 e 11 de xuño de 2017

Velaí vai esta breve crónica do que vivimos en Sobrado no encontro final que pechaba o curso da Escola de Espiritualidade. É imposible entrar no que cada persoa puido ir vivindo e sentindo neses días, pero polo menos podemos ofrecer o marco que a todos/as se nos ofreceu como espazo fecundo, iso esperamos, onde poder desenvolver un encontro con Deus, cos demais, coa comunidade.

Venres, 9

Fomos chegando ao son das horas que as campas do mosteiro fielmente ían compartindo connosco. Mari Carme, solícita como sempre, íanos indicando os nosos lugares de repouso. Bicos e apertas por aquí e por alí, e o gozo de vernos de novo neste mosteiro, que se nos ofrecía acolledor, unha vez máis, nas verbas e nos sorrisos dos monxes que tamén nos acollían.

E así ata as sete, hora na que moitos puidemos participar nas Vésperas da comunidade monástica. Acougo no espazo sagrado da capela comunitaria e certa dificultade para integrarnos na oración dos monxes, como non sexa pola silencio e pola integración no fondo de loanza e adoración que se estende por debaixo mesmo das palabras e do canto.

E logo a cea, saborosa, sa e frugal, como son sempre as comidas de Sobrado. E a xente que seguía chegando e os bicos que seguían pululando. E improvisados/as servires/as de mesa e fregado, como simplicísimo sacramento do servizo cristián.

13 xullo, 2016

Falando ben do que esta fixo


FALANDO BEN DO QUE ESTA FIXO (Mc 14,9)

Celebración para cumprir o desexo de Xesús de honrar a muller que o unxira a el con perfumes e bágoas

Para a celebración non partiremos unicamente dun dos textos dos evanxeos que narran o suceso da unción de Xesús por parte dunha muller, senón o texto dos catro evanxeos que narran esta escena, que puido seu unha soa e mesma escena, reinterpretada por cada evanxelista segundo a súa especial sensibilidade, ou puido ter varias e diferentes realizacións históricas. Os catro textos son os seguinte: Mt 26,6-12; Mc 14,3-9; Xo 12,1-8; Lc 7,36-49.

Se hai posibilidades, pódese avisar ao grupo, á comunidade que tal día ou en tal hora imos facer esta celebración de honra desa muller ou mulleres; invítase á xente a que traia algo co que contribuír a esa celebración: algunha cousa material, algunhas flores, algúns froitos, algún poema, algún desexo... Avísase de que nun lugar da celebración haberá unha cesta, uns floreiros, un espazo onde ir deixando o que a xente traia.

Oración da mañá en Sobrado


Sobrado, 11 xuño 2016


ORACIÓN DA MAÑÁ


1.- Momento de silencio interior integrador.

Canto:

QUE BEN SEI EU DA FONTE / QUE MANA E CORRE, / ANQUE É DE NOITE.
  1. Esta viva fonte estouna vendo / na túa voz calada, no silencio / Anque é de noite.
  2. Que fonte máis preciosa nos amosas / alí na xente pobre onde ti moras / Anque é de noite.

Entre rezos e amores




ENTRE REZOS E AMORES

Convivencia en Sobrado, 10,11,12 de xuño do 2016

Venres, 10 de xuño

Coma todos os anos, na ESCOLA DE ESPIRITUALIDADE pechamos o curso coa convivencia en Sobrado dos Monxes os días 10, 11 e 12 de xuño. Fomos unhas 60 persoas as que asistimos, aínda que non todas puideron asistir a todos as partes do encontro.

O venres pola tarde, Maricarme estaba solícita, coma sempre, atendendo e orientando as persoas que iamos chegando. O ceo estaba algo encuberto, pero os ánimos non. Había moitas máis mulleres ca homes; a maioría eramos persoas que estiveramos asistindo á Escola durante o curso, pero tamén houbo un bo grupiño delas que se estrearon na Escola asistindo a este encontro, entre elas varias portuguesas. A todas, xaora, lles abrimos as portas con inmenso agarimo. Acomodadas todas puidemos asistir ao rezo de Vésperas coa comunidade cisterciense. Aínda que non entramos no canto, porque non é doado, si que, cada un, cada unha, á súa maneira, puidemos asolagarnos no espazo orante que os monxes crean. Deus sexa sempre bendito!

19 xuño, 2015

Un ano máis en Sobrado


Manuel Regal Ledo


Era a tarde do 12 de xuño, venres, cando nos fomos achegando con ilusións variadas, como variados eran os nosos bolsos e os nosos rostros, ao mosteiro de Sobrado dos Monxes. Un ano máis nos agardaban a normalidade e a sorpresa.

18 xuño, 2014

Convivencia en Sobrado dos Monxes



Manuel Regal Ledo

Como é habitual na Escola de Espiritualidade, tamén este ano pechamos o curso cunha convivencia en Sobrado dos Monxes, lugar significativo para nós, porque alí empezou a Escola de Espiritualidade, alí se estivo levando a cabo durante anos, e alí seguimos tendo unha referencia comunitaria, espiritual, vital moi importante.

Ben, pois unha vez máis durante os días 13-15 de xuño deste ano, Sobrado dos Monxes converteuse para nós nun lugar de descanso, de convivencia, de pregaria, de ilusión, de soños, de integración, ... Ao redor de 55, segundo os días e os momentos, fomos as persoas que quixemos e/ou puidemos asistir á convivencia.

25 xuño, 2012


Crónica do encontro en Sobrado.
Manolo Regal

     Como vén sendo habitual, tamén este ano 2012 rematamos o curso da Escola de Espiritualidade cunha xuntanza sosegada no Mosteiro de Sobrado, lugar onde naceu a Escola xa hai unha boa presa de anos. Por suposto que a escolla do lugar é sempre intencionada: un espazo sereno, tranquilo, a posibilidade de tempos lentos de oración, de reflexión, de conversa, a participación na oración da comunidade monástica, etc., convértese en algo especialmente buscado e querido por cantos alí cada ano nos xuntamos.

19 xuño, 2012


Pasos para un Novo Éxodo
Santiago González Avión

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova. Mc 1, 14-15

Os anos das vacas gordas

A volta de dous anos, o faraón tivo un soño. Soñou que se atopaba á beira do Nilo.
Da beira do río subían sete vacas ben feitas e cebadas, e púñanse a pacer xuncos. Ex. 41, 1-2

Podíamos seguir polo camiño que levábamos?

Leo textualmente no informe de WWF - Adena, no seu Informe Planeta Vivo 2012, que veño de recibir no meu correo electrónico: