26 xuño, 2022

Tempo Ordinario: 13ª semana


26 de xuño: Domingo 13º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 1Re 19, 16b. 19-21. Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
2ª lectura: Gál 5, 1. 13-18.

Evanxeo: Lc 9, 51-62.

Cando se ía cumprir o tempo de ser levado deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. E mandou mensaxeiros por diante. Entraron estes nunha aldea de samaritanos para lle prepararen pousada, pero non o recibiron, porque se decataron de que ía cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
—Señor, ¿queres que digamos que baixe do ceo un raio e que os parte?

Pero el volveuse cara a eles e rifoulles. E foron para outra aldea.

Polo camiño unha persoa díxolle:
—Seguireite vaias onde vaias.

Respondeulle Xesús:
—As raposas teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do home non ten onde pousar a cabeza.

Díxolle a outra persoa:
—Sígueme.

Pero esta persoa contestoulle:
—Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.

Respondeulle:
—Deixa que os mortos enterren os seus mortos; ti vai anunciar o Reino de Deus.

Outra persoa díxolle tamén:
—Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.

Contestoulle:
—Quen despois de por a man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus.

16 xuño, 2022

Tempo Ordinario: 12ª semana


19 de xuño: Solemnidade do Corpo e Sangue de Cristo

1ª lectura: Xen 14, 18-20. Salmo 109: 1. 2. 3. 4.
2ª lectura: 1Cor 11, 23-26.

Evanxeo: Lc 9,11b-17

Unha vez Xesús empezou a falarlle á xente do reino de Deus e curaba a cantas persoas o necesitaban. E, como xa ía caendo o día, achegáronse os doce e dixéronlle:
—Despide a xente, para que vaian as vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e onde atopen algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.

Pero el contestoulles:
—Dádelles vós de comer.

Eles contestaron:
—Pero, se non temos máis ca cinco bolos de pan e dous peixes! A non ser que vaiamos mercar mantenza para toda esta xente.

Eran uns cinco mil homes. Pero el díxolles aos seus discípulos:
—Colocádeos en grupos e cincuenta.

Dixéronllelo e sentaron todos. El colleu os cinco pans e máis os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todo a fartar e coas sobras encheron aínda doce cestas.

09 xuño, 2022

Tempo Ordinario: 11ª semana



12 de xuño: Solemnidade da Santísima Trindade

1ª lectura: Prov 8, 22-31. Salmo: 8, 4-5. 6-7. 8-9
2ª lectura: Rom 5, 1-5.

Evanxeo: Xn 16, 12-15

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de acontecer. El hame glorificar, pois recibirá do meu e proclamarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo manifestará.

5º Encontro Escola de Espiritualidade curso 2021 / 2022

  

NAS ONDAS DO ESPÍRITO

O Espírito: unha forma libre da presenza dun Deus que nos acompaña e desborda sempre.

Motivación: Empezamos a oración NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO.

—Tomamos consciencia de estarmos envoltos neste Deus que é a Fonte do que somos, que é o Referente da nosa construción persoal e social, que é o Alento que nos sustenta e alenta.

Estamos en silencio un par de minutos. 

Canto:
SEÑOR, DEUS NOSO, 
QUE ADMIRABLE É O TEU NOME 
EN TODA A TERRA.
E seguimos en silencio un pouquiño máis.

—É bo que na oración sempre nos sintamos collidos pola presenza deste Deus noso; e tamén collidas pola presenza da fraxilidade humana. Podemos traer a esta oración como compaña a algunha persoa ou grupo ou realidade coa que nos queremos solidarizar. Tamén nestas persoas e situacións Deus é para nós especialmente marabilloso. Repetimos a canción: SEÑOR, DEUS…

E seguimos en silencio un tempiño máis. Logo cantamos e rezamos a pregaria do Espirito a dous coros. Cada dúas estrofas repetimos o canto.

03 xuño, 2022

Tempo Ordinario: 10ª semana



5 de xuño: Domingo de Pentecoste

1ª lectura: Xen 11, 1-9. Salmo: 103, 1-2a. 24 e 35c. 27-28. 29bc-30.
2ª lectura: Rom 8, 22-27.

Evanxeo: Xn 20,19-23

No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé e gritou:
—Se alguén ten sede, que veña onda min e beba. Como di a Escritura, a quen cre en min abrollaranlle do seu ventre regueiros de auga viva.

(Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos creran nel, pois aínda non había Espírito, porque Xesús non fora aínda glorificado.)