12 de xullo: domingo 15 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 1-23 (Lectura
breve: Mt 13, 1-9)
Naquel día Xesús saíu da
casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo
que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles
de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—Dunha vez saíu un
labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño
adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a
penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero,
non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu
na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona. Outra caeu en boa terra, dando
froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!
***
E achegándose os
discípulos, dixéronlle:
—¿Por que lles falas en
parábolas?
El respondeulles:
—Porque a vós
concedéusevos coñecer os misterios do reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a
quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle
quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando non ven e escoitando
non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías, cando dicía:
Oír oiredes, pero
non entenderedes; ollar ollaredes, pero non veredes. Porque o corazón deste
pobo está insensibilizado; endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos,
para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón,
nin se converteren para que eu os cure.
Ditosos, en troques, os
vosos ollos, porque ven, e máis os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que
moitos profetas e xustos desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o
que vos oídes e non o oíron.
Escoitade, logo, vós a
parábola do sementador. Sempre que unha persoa escoita a palabra do reino e non
a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón; esa é a
semente que caeu no camiño. A que caeu entre as pedras vén ser aquela persoa
que, escoitando a palabra, de seguida recibe con alegría; pero, ao non ter raíz
e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da
palabra, deseguida abandona. A que cae na silveira vén ser aquela persoa que
escoita a palabra, pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas
afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero a que foi sementada en boa terra
vén ser aquela persoa que escoita a palabra e a comprende; esta si que dá
froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.