27 outubro, 2023

Tempo Ordinario: 30ª semana



29 de outubro: Domingo 30 do tempo ordinario.

1ª lectura: Éx 22, 20-26. Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51.
2ª lectura. 1Tes 1, 5c-10.

Evanxeo

Nunha ocasión, ao se decataren os fariseos de que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse onda el, e un deles, doutor da lei, preguntoulle para o poñer a proba:
—“Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?”

El respondeulles:
—“Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”; este é o mandamento grande e primeiro. O segundo é semellante a el: “Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.” Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas.”

18 outubro, 2023

Tempo Ordinario: 29ª semana



22 de outubro. Domingo 29 do tempo ordinario.

1ª lectura: Is 45, 1. 4-6. Salmo: 95, 1 e 3. 4-5. 7-8. 9-10a e c.
2ª lectura 1Tes 1, 1-5b.

Evanxeo: Mt 22, 15-21.

Unha vez os fariseos f´ronse reunir para veren o xeito de sorprender a Xesús nalgún dito. Así é que lle mandaron algúns discípulos deles con algúns partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
—“Mestre, sabemos que es sincero, que de verdade ensinar o camiño de Deus e que non andas con miramentos, pois non reparas na aparencia das persoas. Dinos, logo, que che parece: Está permitido pagarlle o tributo ao César ou non?”

Xesús, que lles coñeceu a malicia, contestoulles:
—“Por que me queredes comprometer, hipócritas” Mostrádeme a moeda do tributo.”

Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:
—“De quen é esta imaxe e mais a inscrición?”

Contestáronlle:
—“Do César.”

Entón replicoulles:
—“Pois logo dádelle ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus.”.

11 outubro, 2023

Tempo Ordinario: 28ª semana



15 de outubro: Domingo 28 do tempo ordinario

1ª lectura: Is 25, 6-10a. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
2ª lectura: Flp 4, 12-14. 19-20.

Evanxeo: Mt 22, 1-14 (breve: Mt 22, 1-10)

Nunha ocasión Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—“Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.

Volveu mandar outros criados, encargándolles: ·Dicídelles aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!”

Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro aos seus negocios. Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.

Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cs asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos criados: “A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda.”

Saíron aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.

05 outubro, 2023

XXXVII Foro Encrucillada

  


Traballo digno

 

Un ano máis a Asociación Encrucillada ten o gusto de convidalos a participar no XXXVII Foro Encrucillada para dialogar sobre unha cuestión que cada día preocupa máis na nosa sociedade: o traballo digno. Será o próximo sábado 21 de outubro, dende as 10 ás 18:30h, no salón de actos do colexio da Compañía de María en Santiago de Compostela.

Que traballo queremos para o século XXI? A Doutrina Social da Igrexa ten reflexionado abondo sobre este tema dende o século XIX. A situación actual de globalización e deslocalización, a crise económica e a migración, fannos mirar de fronte e abordar con seriedade as causas que están a producir a precariedade laboral. O traballo é un dereito universal que dun tempo a esta parte se está a ver cada vez máis desvalorizado.

No Foro Encrucillada buscamos ver que mensaxe actual ten a Igrexa para iluminar esta realidade. Sobre cales son as liñas mestras da teoloxía do papa Francisco nesta cuestión falaranos Mons. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol. Francisco Porcar Rebollar, militante da IOAC-HOAC poñerá o foco na doutrina social da Igrexa buscando xerar unha nova cultura política desde a perspectiva do ben común e a xustiza. Eloína Ingerto López, da Fundación Juan Soñador acercaranos á realidade do traballo digno en Galicia, facendo a necesaria aterraxe de todas estas cuestións na nosa terra.

Pecharemos o foro cun breve momento de reflexión persoal iluminada polas palabras de persoas que fixeron do dereito ao traballo digno a súa loita.

Este será o horario:

10:00 Presentación do XXXVII Foro Encrucillada. Tito Suárez Pérez

10:30 O traballo á luz do pensamento do Papa Francisco, Mons. Fernando García Cadiñanos, Bispo de Mondoñedo- Ferrol.

12:00 Descanso

12:30 O traballo na Doutrina Social da Igrexa, Francisco Porcar Rebollar, da IOAC-HOAC.

16:30 Unha vida digna, un traballo digno, Eloína Ingerto López, Fundación Juan Soñador.

18:00 Peche do acto


Animámolos a que espallen a noticia deste evento nos seus medios de difusión.

Para máis información poden consultar a nosa web www.encrucillada.gal ou chamar ao teléfono 604 079 102 (tardes)

Tempo Ordinario: 27ª semana



8 de outubro: Domingo 27 do tempo ordinario.

1ª lectura: Is 5, 1-7. Salmo: 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20.
2ª lectura: Flp 4, 6-9.

Evanxeo: Mt 21, 33-43.

Unha vez díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—“Escoitade outra parábola: dunha había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns vendimadores e marchou para lonxe.

Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos vendimadores para cobrar as rendas. Pero os vendimadores agardáronos e a un zorregáronlle, a outro mat´arono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.

Por último mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: “O meu fillo hano respectar.” Pero os vendimadores, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro; veña, matémolo e a herdanza será nosa.” E agarrárono, botárono fóra da viña e matárono.

Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos vendimadores aqueles?”

Respondéronlle:
—“A eses malvados faraos morrer de mala morte e arrendaralles a viña a outros vendimadores, que lle paguen as rendas no seu tempo.”

Díxolles entón Xesús:
—“Seica non lestes nunca na Escritura:
“A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal;
esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?”
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus e daráselle a un pobo que produza bos froitos.”