2 de febreiro: domingo 4º do Tempo Ordinario
Festa da Presentación do Señor. Nosa Señora da
Candeloria
Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve: 2,
22-32)
Cando chegou o tempo da
purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo
presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor:
"Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para
faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou
dous pombiños".
Vivía daquela en
Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración
de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer
sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban
os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno
nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor,
segundo a túa promesa,
podes deixar
que o teu servo morra en paz,
porque xa os
meus ollos viron o teu salvador,
o que ti
preparaches para todos os pobos:
luz de
revelación para todas as xentes
e gloria do teu
pobo Israel.
(ata aquí a lectura
breve)
O pai e máis a nai do
neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle
a María, a nai:
—Mira, este está disposto
para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de
contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao
descuberto as intencións de moitos corazóns.
Había tamén alí unha
profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e
vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, senón que
de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre
no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que
esperaban a redención de Israel.
Cando remataron todo o
ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno
ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.