28 outubro, 2021

Tempo Ordinario: 31ª semana



31 de outubro: Domingo 31º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Dt 6, 2-6. Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
2ª lectura: Heb 7, 23-28

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Nunha ocasión acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:

—¿Cal é o primeiro de todos os mandamentos?

Respondeu Xesús:

—O primeiro é: “Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza.” O segundo é este: “Amarás o teu prróximo coma a ti mesmo”. Non hai mandamento máis importante ca estes.

O letrado replicou:

—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que Deus é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a forza, e amar o próximo coma a un mesmo, é máis importante do que todos os holocaustos e sacrificios.

Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:

—Non estás lonxe do reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

20 outubro, 2021

Tempo Ordinario: 30ª semana



24 de outubro: Domingo 30º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 31, 7-9. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
2ª lectura: Heb 5, 1-6

Evanxeo: Mc 10, 46-52

Nunha ocasión, ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a berrar e a dicir:

—Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!

Xesús detívose e dixo:

—Chamade por el.

Chaman entón polo cego e dinlle:

—Veña, érguete, que te chama!

El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:

—¿Qué queres que che faga?

O cego respondeulle:

—Mestre, que volva ver.

Xesús díxolle:

Vai, a túa fe salvoute.

E no intre comezou a ver e seguíao polo camiño.

16 outubro, 2021

XXXV Foro Encrucillada

 



XXXV Foro Encrucillada 2021

Teoloxía política do Papa Francisco

A teoloxía política non é a politización da teoloxía. No foro buscaremos reflexionar sobre as implicacións políticas que ten toda afirmación teolóxica e discernir de xeito acaído sobre elas, á luz da lóxica evanxélica do Reino de Deus e a opción preferente polos máis pobres.Vai ter lugar o sábado 23 de outubro, no Salón de actos do Colexio da Compañía de María de Santiago de Compostela (entrada polo portalón da rúa das trompas) coas precaucións covid recomendadas.

Programa:

09:30: Inscrición
10:15: Presentación: José María Fernández Vázquez
10.30: «A xeopolítica do Papa Francisco» Carlos García de Andoin (Universidade do País Vasco)
12.30: «A economía do Papa Francisco» Sebastián Mora Rosado (Universidade Pontificia Comillas)
16.30: «A ecoloxía do Papa Francisco» Isabel Vilalba Seivane (Sindicato Labrego Galego)
18.00: Peche musical: Bea a de Estrella

Esperámosvos.

14 outubro, 2021

Tempo Ordinario: 29ª semana




17 de outubro: Domingo 29º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 53, 10-11. Salmo: 32, 4-5. 18-19. 20 e 22
2ª lectura: Heb 4, 14-16.

Evanxeo: Mc 10, 35-45

Nunha ocasión achegáronse a Xesús os fillos de Zebedeo –Santiago e máis Xoán-- e dixéronlle:

—Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.

El preguntou:

E logo, ¿qué é o que queredes que vos faga?

Contestáronlle:

—Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.

Respondeulles Xesús:

—Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?

Respondéronlle:

—Somos.

Xesús replicou:

—O cáliz que teño que beber si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.

Ao escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:

—Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así, nin moito menos. Quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servidor. Que o Fillo do home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.

06 outubro, 2021

Tempo Ordinario: 28ª semana

  


10 de outubro: Domingo 28º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sab 7, 7-11. Salmo: 89, 12-13. 14-15. 16-17
2ª lectura: Heb 4, 12-13

Evanxeo: Mc 10, 17-30

Un día estaba Xesús saíndo para se poñer en camiño e chegou correndo un home, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:

—Mestre bo, ¿qué teño que facer para acadar a vida eterna?

Xesús respondeulle:

—¿Por qué me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e máis a túa nai.

El replicoulle:

—Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

Xesús fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:

—Aínda che falta unha cousa: Vai, vende todo o que tes e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

Pero el tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.

Xesús, mirando ao redor, díxolles aos discípulos:

—Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no reino de Deus!

E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:

—Fillos, que difícil é entrar no reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no reino de Deus.

Eles, aínda máis asombrados, comentaban entre si:

¿E quen se vai poder salvar?

Xesús fitounos coa súa mirada e dixo:

—É imposible para os homes, pero non para Deus; porque todo é posible para Deus.

Entón comezou Pedro a dicirlle:

—Mira que nós deixámolo todo e seguímoste.

Dixo Xesús:

—Dígovolo de verdade: non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai ou fillos ou leiras por cousa miña e por cousa do Evanxeo, que pase sen recibir agora, neste tempo, cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nais, fillos e leiras, xunto con persecucións, e no mundo futuro, a vida eterna.