25 abril, 2018

Tempo de Pascua: 5ª semana


29 de abril: domingo 5º de Pascua

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Meditación

Xesús era un home de aldea; demostra ser unha persoa atenta ao que sucede na natureza, e namorada de Deus e da xente, ata o punto de que en todo vía el sinais, comparanzas coas que poder entender a marabilla das nosas vidas. A cepa (Xesús mesmo, Deus), as varas (cada un, cada unha de nós), os froitos (unha vida abundante en ben, en honradez, en xustiza, en liberdade, en humildade, en ousadía), e unha dinámica interna profunda: a “savia” (a forza do Espírito), que de Deus chega a nós a través de Xesús e nos capacita para todo ben.
A clave de todo este proceso de frutificación nas nosas vidas está na nosa vinculación con Xesús, cousa que o evanxelista resume nesa palabra fundamental: permanecer, palabra que aparece ata sete veces neste pedaciño de evanxeo. Onte coma hoxe a vitalidade dunha persoa, dunha comunidade cristiá, do conxunto de Igrexa depende de se estamos ou non enganchados, conectados a fondo a Xesús. Por iso, nestes momentos de tanta fraxilidade nas comunidades cristiás, o berro que nos chega de parte das persoas máis proféticas da Igrexa é simplemente ese: volver a Xesús.

20 abril, 2018

Tempo de Pascua: 4ª semana


22 de abril: domingo 4º de Pascua

Evanxeo: Xn 10, 11-18

Meditación

Para a xente que coñecemos ou aínda vivimos nunha cultura agraria, gandeira, máis ou menos tradicional, este Evanxeo dinos moitas cousas moi sinxelas e moi fondas. É certo que cando as ovellas son túas, arríscaste por elas ao máximo, exposte a perigos por elas; elas son algo da túa vida. É certo que quen as coida as coñece unha por unha, aínda que a unha persoa ignorante dese mundo todas lle parezan iguais: cada unha ten o seu aquel físico, aquela maneira especial de ser, de comportarse. É certo que o pastor sabe guiar e as ovellas o identifican como tal e como tal o seguen normalmente sen dificultades.
Que fermoso é saberte unha persoa, parte dunha humanidade, pola que Xesús se arriscou ata o punto de dar a súa vida! Que fermoso é sabernos moi particularmente coñecidos, cada home, cada muller, por Deus, por Xesús! Para el cada un, cada unha de nós, somos fillos, fillas únicas. Que fermoso é saber que ese coñecer de Deus, se nos fiamos da linguaxe da Biblia, é moito máis ca simplemente coñecer; coñecer significa coñecer a fondo, intimar, ter relacións entrañables. (Con ese verbo “coñecer” na Biblia noméanse incluso as mesmas relacións sexuais). Que fermoso é ver que a idea de Xesús é envolver a toda a humanidade neste círculo de paixón amorosa, paixón servidora, contaxiarnos dela, para poder facer deste mundo unha terra de irmandade, de veras!

12 abril, 2018

Tempo de Pascua: 3ª semana


15 de abril: Domingo 3º de Pascua

Evanxeo: Lc 24, 35-48

Meditación

Moitas das nosas palabras ao redor da resurrección e de Cristo resucitado soan a palabras baleiras, porque no fondo igual estamos baleiros dese encontro vivo, na fe, no espírito, con Cristo resucitado. Énchesenos a boca de grandes palabras. Repetimos o que oímos, o que lemos, o que pega ben, o que é doutrinalmente correcto. Se é así, convertémonos en testemuñas da nada.
Ser testemuñas de todo isto, dicíanos Xesús. Testemuñas non da nada, non da turbación, do desalento, do medo, como tantas veces transmitimos, senón da admiración, da paz, da ousadía. Non por nós mesmas, non pola nosa forza, senón polo vigor que Cristo resucitado acendeu nos nosos corazóns, na nosa vida toda.
Ser testemuñas da vida resucitada. E sómolo cando contemplamos e agradecemos a vida en nós, na natureza, nos animais, na xente. Sómolo cando axudamos a nacer experiencias de vida en persoas e circunstancias amargas, dolorosas. Sómolo cando en nós mesmas lle dámos paso a todo o que nos renova e mellora como persoas. Sómolo cando celebramos a vida en calquera das súas formas. Sómolo cando reservamos unha parte polo menos do noso (o noso afecto, o noso tempo, os nosos cartos, as nosas ansias…), para que tamén outras persoas poidan gozar coa vida. A maior gloria de Deus é o ser humano tendo e dando vida.

05 abril, 2018

Tempo de Pascua: 2ª semana


8 de abril: Domingo 2º de Pascua

Evanxeo: Xn 20,19-31

Meditación

Lido este evanxeo, podémonos preguntar: como é unha comunidade que cre en Cristo resucitado? Como son os homes e mulleres que a compoñen? Pois é unha comunidade pacificada, cunha paz fonda, que fortalece para pasar por horas boas e malas. É unha comunidade que se sente empuxada por Xesús a continuar a súa tarefa: a súa maneira de sentir a Deus, a súa maneira de crear irmandade entre a xente. É unha comunidade que para tal misión conta co regalo do Espírito Santo que nos chega a través de Xesús. É unha comunidade capaz de vivir o perdón, dándoo e recibíndoo. É unha comunidade que convive coas dúbidas, coas inseguridades. É unha comunidade que se fortalece co contacto diario con Xesús. É unha comunidade que mete as mans nas feridas deste mundo, para descubrir nelas a presenza viva de Cristo clamando solidariedade. É a comunidade de quen cre con humildade, e en Xesús pon toda a súa confianza para pasar por este mundo, coma el, facendo o ben, practicando a xustiza.
É así a nosa comunidade? Somos así cada un, cada unha de nós? Traballamos por irnos achegando a esta forma de vida e de convivencia?