30 setembro, 2021

Tempo Ordinario: 27ª semana



3 de outubro: Domingo 27º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xén 2, 18-24. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5. 6
2ª lectura: Heb 2, 9-11

Evanxeo: Mc 10, 2-16

Unha vez achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:

—¿Qué foi o que mandou Moisés?

Respondéronlle:

—Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.

Díxolles Xesús:

—Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación creounos Deus varón e femia. Por iso deixará o home seu pai e máis súa nai e unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus uniu, que non o separe o home.

Xa na casa os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:

—O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E, se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.

Daquela leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos rifábanlles. Ao que o viu Xesús, indignouse e díxolles:

—Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo impidades, porque deles é o reino de Deus. dígovolo de verdade: quen non reciba coma un neno o reino de Deus, non entrará nel.

E, abrazándoos, bendicíaos, mentres impoñía as mans sobre eles.

22 setembro, 2021

Tempo Ordinario: 26ª semana

  


26 de setembro: Domingo 26º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Núm 11, 25-19. Salmo: 18, 8. 19. 12-13. 14
2ª lectura: Sant 5, 1-6

Evanxeo: Mc 9, 38-43. 45. 47-48

Nunha ocasión díxolle Xoán a Xesús:

—Vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.

Xesús contestoulle:

—Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós, está connosco. Ademais todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.

E a quen escandalice a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño e o largasen ao mar.

E, se a túa man te fai caer, córtaa; máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga. E, se o teu pé te fai caer, córtao; mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E, se o teu ollo te fai caer, arríncao; máis che fale entrar cego no reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.

16 setembro, 2021

Tempo Ordinario: 25ª semana

 

19 de setembro: Domingo 25º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sab 2, 12. 17-20. Salmo: 53, 3-4. 5. 6 e 8
2ª lectura: Sant 3, 16—4,3

Evanxeo: Marcos 9, 30-37

Unha vez Xesús e máis os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén, pois ía formando os discípulos, dicíndolles:

—Ao Fillo do home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.

Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.

Chegaron a Cafarnaúm e, cando estaban na casa, preguntoulles:

—¿De que viñades discutindo polo camiño?

Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles:

—O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro entre todos e o servidor de todos.

Despois colleu un neno e púxoo no medio deles, abrazouno e díxolles:

—Quen acolla no meu nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me acolla a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

08 setembro, 2021

Tempo Ordinario: 24ª semana



12 de setembro: Domingo 24º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 50, 5-9a. Salmo: 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
2ª lectura: Sant 2, 14-18.

Evanxeo: Mc 8, 27-35

Un día ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo e polo camiño preguntoulles:

—¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:

—Hai quen di que Xoán Bautista; hai quen di que Elías; e tamén hai di que algún dos profetas.

El preguntoulles:

—¿E vós quen dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:

—Ti es o Mesías.

E prohibiulles diciren nada a ninguén.

Entón empezou a adoutrinalos dicíndolles:

—O Fillo do home ten que padecer moito e ser rexeitado polos sumos sacerdotes e polos letrados, e ser axustizado e despois de tres días ha de resucitar.

E dicíao con toda claridade.

Entón Pedro levouno consigo e empezou a rifarlle. Pero Xesús deu a volta e, mirando cara aos seus discípulos reprendeu a Pedro:

—Camiña detrás min, Satanás, que ti non consideras as miras de Deus senón ás da xente.

E chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:

—Se alguén quere vir detrás de min, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.

02 setembro, 2021

Tempo Ordinario: 23ª semana



5 de setembro: Domingo 23º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 35, 4-7a. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10
2ª lectura: Sant 2, 1-5

Evanxeo: Mc 7, 31-37

Un día Xesús deixou Tiro e veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápole. Presentáronlle un xordomudo e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:

—Effatá (ou sexa: “ábrete”).

E no instante abríronselle os oídos e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:

—Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.