27 maio, 2020

Tempo Ordinario: 9ª semana




31 de maio: Domingo de Pentecoste

Evanxeo: Xn 7, 37-39
   No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé e gritou:
   —Se alguén ten sede, que veña onda min e beba. Como di a Escritura, a quen cre en min abrollaranlle do seu ventre regueiros de auga viva.
   (Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos cresen nel, porque aínda non había Espírito, porque Xesús no fora aínda glorificado.)

20 maio, 2020

Tempo de Pascua: 7ª semana





24 de maio: Solemnidade da Ascensión do Señor

Evanxeo: Mt 28, 16-20
   Daquela os once discípulos fóronse para Galilea ao monte onde Xesús os citara. E, véndoo, prostráronse ante el, aínda que algúns dubidaban. Xesús achegouse a eles e díxolles:
   —Déuseme todo poder no ceo e máis na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar cano vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

13 maio, 2020

Tempo de Pascua: 6ª semana



17 de maio: domingo 6º de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 15-21
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Se me amades, gardaredes os meus mandamentos e eu rogareille ao Pai e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós haberédesme ver, que eu vivo e tamén vós haberedes vivir. Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; e a quen me ama amarao meu Pai e amareino eu e manifestareime a el.

06 maio, 2020

Tempo de Pascua: 5ª semana




10 de maio: domingo 5º de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 1-14
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non vos angustiedes. Crede en Deus e máis crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
—Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
Felipe díxolle:
—Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
Xesús respondeulle:
—Pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai. ¿Como dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.