30 marzo, 2022

Tempo de Coresma: 5ª semana



3 de abril: Domingo 5º de Coresma

1ª lectura. Is 43, 16-21. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
2ª lectura: Flp 3, 8-14.

Evanxeo: Xn 8, 1-11

Nunha ocasión Xesús retirouse para o monte das Oliveiras. Pero á alborada presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; Xesús sentou e empezou a ensinar. Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio, puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
—Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Na lei de Moisés mándasenos apedrar as adúlteras. ¿Ti que dis?

Preguntábanllo a mala fe, para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
—Quen de entre vós non teña pecado que lle tire a primeira pedra. 

E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou Xesús só coa muller, que seguía no medio de pé. Ergueuse entón Xesús e preguntoulle:
—Muller, ¿onde van os que te acusaban? ¿Ninguén te condenou?

Ela respondeu:
—Ninguén, Señor.

Díxolle Xesús:
—Tampouco eu non te condeno; vaite e dende agora non peques máis.

23 marzo, 2022

Tempo de Coresma: 4ª semana



27 de marzo: Domingo 4º de Coresma

1ª lectura: Xos, 5, 9a. 10-12. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7
2ª lectura: 2Cor 5, 17-21

Evanxeo: Lc 15, 1-3. 11-32

Os cobradores de impostos e a xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren; por iso os fariseos e letrados murmuraban:
—Este acolle a xente pecadora e come con ela.

Entón Xesús contoulles esta parábola:
—Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde”. El repartiullos os seus bens. Días despois este fillo recolleu todo o seu, marchou para un país remoto e alí malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido. Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra e empezou a pasar necesidade. Entón acudiu a un natural do país para servir, e este mandouno a unha granxa a coidar porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

Recapacitando, pensou: “Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar e eu morro coa fame. Si, vou volver á casa do meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.

Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo”. Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Traede o cuxo cebado para matalo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.

Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para a casa, oíu a música e máis o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “Éche que volveu teu irmán e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo”. Entón alporizouse moito e non quería entrar. Pero o pai, saíndo, intentou convencelo. El díxolle: “Tanto anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nin un cabrito me deches para celebrar cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado”. O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu; pero deberías alegrarte xa que este irmán teu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”.

16 marzo, 2022

Tempo de Coresma: 3ª semana

  



20 de marzo: Domingo 3º de Coresma

1ª lectura: Ex 3, 1-8a. 13-15. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 11.
2ª lectura: 1Cor 10, 1-6. 10-12.

Evanxeo: Lc 13, 1-9

Unha vez presentáronse onda Xesús algunhas persoas para contarlle o caso aquel cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. E Xesús respondeulles:
—¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores ca os demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que, como non vos arrepintades, acabaredes todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables ca os outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.

E púxolles esta parábola:
—Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao que coidaba a viña: “Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?” El respondeulles: “Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco ao redor e lle boto esterco; a ser se así dá froito; e, se non, poderala cortar.”

09 marzo, 2022

Tempo de Coresma: 2ª semana



13 de marzo: Domingo 2º de Coresma

1ª lectura: Xén 15, 5-12. 17-18. Salmo: 26, 1. 7-8. 9abc. 13-14.
2ª lectura: Flp 3, 17—4, 1.

Evanxeo: Lc 9, 28b-36

Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, a Xoán e máis a Santiago e subíu ao monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. De súpeto apareceron dous homes falando con el: eran Moisés e máis Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do camiño de Xesús que remataría en Xerusalén. Pedro e os seus compañeiros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando estes se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
—Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

Non sabía o que dicía. Aínda estaba falando, cando chegou unha nube que os cubriu coa súa sombra; eles asustáronse ao entraren nela. Entón unha voz dixo dende a nube:
—Este é o meu Fillo, o elixido: escoitádeo.

Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. Eles gardaron silencio e naqueles días non lle dixeron a ninguén nada do que viran.

03 marzo, 2022

Tempo de Coresma: 1ª semana

 



6 de marzo: Domingo 1º de Coresma

1ª lectura: Dt 26, 4-10. Salmo: 90, 1-2. 10-11. 12-13. 14-15.
2ª lectura: Rom 10, 8-13.

Evanxeo: Lc 4, 1-13

Naquel tempo, Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán e o Espírito levouno ao deserto. Ficou alí corenta días e tentouno o Satán. Durante todos aqueles días non probou bocado, e ao final sentiu fame. E díxolle o Satán:
—Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.

Respondeulle Xesús:
—Está escrito: “O ser humano vive de algo máis ca de pan.”

Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
—Dareiche todo este poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero. Se me adoras, todo será teu.

Pero Xesús respondeulle:
—Escrito está: “Adoraras o Señor, o teu Deus, e só a el darás culto.”

Levouno logo a Xerusalén e púxoo no cumio do templo e díxolle:
—Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, que está escrito: “Mandará os seus anxos para que te garden.” E tamén: “Levarate nas súas mans, para que non se manquen os teus pés nas pedras.”

Xesús respondeulle:
—Está mandado: “Non tentaras o Señor, o teu Deus.”

E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.