26 decembro, 2020

Tempo de Nadal: 1ª semana

  


Dia 27 de decembro: Domingo dentro da Oitava do Nadal. Sagrada Familia 

1ª lectura: Eclo 3, 3-7. 14-17a. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5 
2ª lectura: Col 3, 12-21 

Evanxeo: Lc 2, 22-40 

Cando chegou o tempo de se purificaren conforme a Lei de Moisés, os pais de Xesús levárono a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor –pois así está escrito na Lei do Señor: “Todo varón primoxénito ha ser consagrado ao Señor”--, e tamén para ofreceren o sacrificio, conforme se di na Lei do Señor: “Un par de rulas ou dous pombiños.” 

Vivía entón en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a consolación de Israel, e o Espírito Santo estaba con el. E recibira do Espírito Santo unha revelación de que el non había morrer sen antes ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais co neno Xesús para cumpriren con el o mandado pola Lei, Simeón colleuno nos brazos e loou a Deus, dicindo: 

—Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron a túa salvación, a que ti preparaches á vista de todos os pobos, luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel. 

O pai e máis a nai do neno quedaron pasmados polo que del oían dicir. Simeón bendiciunos e díxolle a María, a nai do neno: 

—Mira, este neno está aquí para caída e rehabilitación de moitos en Israel e para ser un sinal discutido –a ti mesma unha espada hache atravesar a alma--; así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns. 

Había tamén unha profetisa chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer. Era unha muller moi vella, que vivira, desde que casara, sete anos co seu marido, e logo, como viúva, ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, servindo a Deus noite e día con xaxún e oracións. Ela compareceu naquel intre e glorificaba a Deus e falaba do neno a todos os que esperaban a redención de Xerusalén. 

Cando cumpriron todo conforme a Lei do Señor, volveron para Galilea, para a súa cidade de Nazaret. O neno, rebordando sabedoría, medraba e facíase forte, e a graza de Deus estaba con el. 

23 decembro, 2020

Felicitación do Nadal

Por Manuel Regal Ledo
 




Tempo de Nadal: 1ª semana



N A D A L 


Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor, este ano o 7 de xaneiro. 

O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas. 

O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol --que está na base da nosa festa do Nadal-- ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións. 

Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia. Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos. 

O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos. 

21 decembro, 2020

Fratelli tutti: pregaria 2

 


PREGARIA 2 
(Capítulo 1 da encíclica) 
Manuel Regal Ledo

Non torzas a vista, a cara 
—dicho Deus, dicho o sentido común das cousas—. 
Se queres soñar o soño da irmandade, 
aprende a ollar de fronte 
todo aquilo que dela te arreda. 

Mira o que pasa ao teu redor 
con ollada limpa, intelixente, penetrante. 
Le, infórmate, comparte, estuda no que poidas. 
Non te deixes levar por ditos e rumores, 
colle datos, analiza, reflexiona, 
escoita, opina, axuda a crear opinión. 

Mira tamén o que pasa no teu interior. 
Todo o que acontece ao redor de nós 
vai deixando pouso positivo ou negativo 
no teu corpo, na túa mente, 
nos teus sentimentos e emocións, 
no teu consciente, no teu inconsciente. 
Escóitate a ti mesma/o, 
que o propio ser se fai eco do auténtico e do banal, 
do que constrúe e do que destrúe a irmandade. 

Que non te asombren as sombras do mundo, 
e tampouco as do teu propio corazón. 
Que non te encollan, que non te afoguen. 
Que che abran os ollos para mellor ver. 
Que che quenten o corazón para mellor sentir. 
Que che espilan as mans para mellor actuar. 
Que se convertan no teu interior 
nun clamor de irmandade real, 
anheloso, suplicante, buscador, loitador. 

E ponte a actuar. 
Pasiño a pasiño. 
Dálle saída a calquera cousa miúda 
que vaias vendo que fai irmandade da boa. 
Contempla e admira 
o que outras persoas están facendo, 
que é moito. 
Goza con cada novo rostro irmán 
que se vai integrando na túa vida, 
na vida do teu grupo ou comunidade. 

Déixate contaxiar, 
que medre sen fin a pandemia da irmandade 
ata o trunfo final 
no fogar da Nai /Pai , na fonte limpa da maior amizade. 


16 decembro, 2020

Tempo de Advento: 4ª semana



20 de decembro: Domingo 4 de Advento 

1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16. Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29 
2ª lectura: Rom 16, 25-27 

Evanxeo: Lc 1, 26-38 

Aos seis meses ( do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. Entrando onde estaba ela, díxolle: 

—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo. 

Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou: 

—Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; e fíxate, vas concibir no teu ventre e darás a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacobe e o seu reinado non terá fin. 

María respondeulle ao anxo: 

—¿E como pode ser isto, pois non teño relación con home ningún? 

O anxo respondeulle: 

—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles. 

María contestou: 

—Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixeches. 

E o anxo marchou de onda ela. 

12 decembro, 2020

Fratelli tutti: pregaria 1




PREGARIA 1 
(Presentación da encíclica) 
Manuel Regal Ledo


Fratelli tutti, 
todas irmás e irmáns conxuntamente, 
en familia, 
así é á casa común, 
así é o mundo ao que o Papa no nome de Deus nos invita. 

Ese é o soño eterno de Deus, 
que tantas veces nos soa a delirio. 
Ese é o soño presente de Deus 
para o noso mundo en tantos momentos crispado e violento, 
canso, esgotado, ferido de pandemia. 
Ese é o imposible soño humano 
que co alento de Deus se fai posible. 
Ese é o soño ao que Deus nos invita 
como tarefa común, 
como gozo e festa común. 

Todos irmáns e irmás, 
en todo e para todo, 
nas oportunidades de traballo e de vida, 
no ledo compartir das mesas abastecidas, 
na festa dos afectos e namoros, 
na saúde, na enfermidade, na morte, na postmorte, no ceo. 

Soño sen limite ningún, 
nin de espazo, nin de tempo. 
Soño no que entramos todos os seres 
animados e inanimados. 
Soño sen exclusións de ningún tipo, 
por ningunha razón, 
sen máis preeminencias que a do máis amor, 
a do máis servizo ao fogar común. 

Soño espiritual e histórico, 
soño realista, 
inocente, pero non inxenuo, 
tecido día a día coas engrenaxes cotiás 
da economía, da política, 
das relacións entre pobos, culturas e nacións; 
e tamén cos vínculos diarios 
das relacións, dos afectos, dos coidados mutuos, das amizades. 

Soño humano e divino a un tempo, 
soño evanxélico, con Xesús como forza, exemplo e guía. 
A este soño estamos invitadas, invitados polo Papa 
no nome de Deus 
que eternamente nos fixo e quixo irmás, irmáns. 
Apuntámonos a este soño con Deus, con Xesús, co Papa Francisco?


11 decembro, 2020

Tempo de Advento: 3ª semana




13 de decembro: Domingo 3 de Advento 

1ª lectura: Is 61, 1-2a. 10-11. Salmo: Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54 
2ª lectura: 1 Tes 5, 16-24. 

Evanxeo: Xn 1,6-8. 19-28 

Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz. e este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar: 
—¿Ti quen es? 
El declarou e non negou. Declarou: 
—Eu non son o Cristo. 
Preguntáronlle: 
—Entón ¿quen es ti? ¿Elías? 
Contestou: 
—Non son. 
—¿Es o profeta? 
Respondeu: 
—Non. 
Daquela dixéronlle: 
—¿E, logo, quen es?, para que poidamos darlle unha resposta aos que nos mandaron. ¿Qué dis de ti mesmo? 
El dicía: 
—Eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor (como escribira o profeta Isaías). 
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle: 
—Entón, ¿por qué bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta? 
Xoán respondeulles: 
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que vén detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia. 
Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando. 

03 decembro, 2020

Tempo de Advento: 2ª semana




6 de decembro: Domingo 2 de Advento 

1ª lectura: Is 40, 1-5. 9-11. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14 
2ª lectura: 2 Pe 3, 8-14. 

Evanxeo: Mc 1, 1-8 

Comezo da Boa Nova de Xesús Cristo, fillo de Deus. Como está escrito no profeta Isaías: 

“Mira, mándoche por diante o meu mensaxeiro, para que prepare o teu camiño. Unha voz clama no deserto: preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros.” 

Presentouse Xoán bautizando no deserto e pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán. 

Xoán ía vestido cun manto feito de pelos de camelo e cun cinto de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. E proclamaba: 

--Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os cordóns do seu calzado. Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo. 

01 decembro, 2020

Fratelli tutti: presentación e capítulo primeiro





PRESENTACIÓN E CAPÍTULO PRIMEIRO 
Texto deste capítulo en galego: https://xanostesaqui.blogspot.com/2020/10/fratelli-tutti-todos-irmans-capi.html
(tradución de Nuria Núñez)


Guía para a lectura por Manuel Regal Ledo

A presentación é algo moi breve e sinxelo, pero é unha delicia. Confésanos o Papa que foi Francisco de Asís, quen, invitando a un amor que non coñece fronteiras de ningún tipo, o inspirou a escribir esta carta aberta a todas as persoas de boa vontade. Encíclica social, di o Papa, carta dedicada á fraternidade e á amizade social, “para que, fronte a diversas e actuais formas de eliminar ou de ignorar a outros, sexamos capaces de reaccionar cun novo soño de fraternidade e de amizade social que non quede nas palabras.” (n.6). Só xuntos poderemos realizar este soño. Inspirado, logo, por Francisco de Asís, e estimulado polo Gran Imán Ahmad Al-Tayyeb, invítanos a soñar con el no nome do Deus do amor. 

O capítulo 1 dedícao o Papa a analizar “algunhas tendencias do mundo actual que non favorecen o desenrolo da fraternidade universal”(n. 9). O seu título é As sombras dun mundo pechado”. Son algunhas sombras, pero non todo son sombras no mundo actual. O mesmo Papa no n. 54 deste capítulo afirma: “A pesar destas sombras mestas que cómpre non ignorar, nas próximas páxinas quero facerme eco de tantos camiños de esperanza. Porque Deus segue a verter na humanidade sementes de ben”. 

O Papa Francisco vainos describindo sete zonas de sombra deste noso mundo, que el de entrada cualifica como “mundo pechado”. Nas poucas liñas que dedica a cada aspecto é imposible abordar o tema a fondo; pero pónnolo diante con claridade, dando pé á nosa reflexión, debate e afondamento. O que unifica a todas esas sombras é a súa capacidade de facer deste noso mundo un “mundo pechado”: recursos, dereitos, posibilidades, progresos, dignidades etc. non son universalmente compartidos; hai persoas, grupos sociais, países que os acaparan abusivamente, e outras persoas, grupos sociais e países que case os descoñecen. Tamén é importante ir vendo na lectura como debaixo de realidades aparentemente positivas, ou que en parte o son, agóchanse contrapartidas ou contradicións, que apuntan sempre na liña da exclusión ou na da trampa para disimular o sometemento. Detrás destas sombras están con frecuencia os grandes intereses económicos de grupos e países reducidos, que con sagacidade saben promoverse e impoñerse; pero está tamén a facilidade coa que en xeral nos deixamos engaiolar por ese tipo de propostas, porque aínda que só sexa en pequenas doses formamos o esperamos formar parte deses sectores privilexiados. E así “Un proxecto con grandes obxectivos para o desenvolvemento de toda a humanidade hoxe soa a delirio”(n.16). 

Esta carta do Papa –como polo demais case todo o que el nos ofrece-- está escrita dunha forma clara nas palabras e razoamentos que emprega. Con todo, polo propio proveito e para poder compartir e debater para afondar máis nas propostas do Papa, igual sería ben ler a carta facéndonos sempre estas preguntas: 
  1. Hai algunha cousa que non acabo de entender ben? 
  2. Que é o que máis me gustou da presentación e deste primeiro capítulo? 
  3. Con que cousas estou algo ou moito en desacordo? 
  4. Papa escribe para axudarnos a medrar na fraternidade e na amizade social; entón que me está dicindo esta carta, que sentimentos está producindo en min, a que accións me estou vendo empuxada/o? E ao grupo ou comunidade da que formo parte?