28 outubro, 2020

Tempo Ordinario: 31ª semana


 1 de novembro:  Solemnidade de todos os Santos e Santas

Evanxeo: Mt 5, 1-12a

Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle as persoas que acompañaban máis de preto e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:

—Ditosas as persoas totalmente pobres,
porque delas é o Reino dos ceos.
Ditosos as que choran,
porque elas serán consoladas.
Ditosos as non violentas,
porque elas herdarán a terra.
Ditosos as persoas que pasan fame e sede de xustiza,
porque elas ficarán fartas.
Ditosas as misericordiosas,
porque elas acadarán a misericordia.
Ditosos as de corazón limpo,
porque elas verán a Deus.
Ditosos as que traballan pola paz,
porque elas serán chamados fillas de Deus.
Ditosos as persoas perseguidas por causa da xustiza,
porque desas tales é o Reino dos ceos.
Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos.

21 outubro, 2020

 


 25 de outubro: domingo 30 de Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 22, 34-40

            Nunha ocasión os fariseos, ao se informaren de que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse; e un deles, que era xurista, preguntoulle, para poñelo a proba:

            —Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?

            El respondeulle:

            —“Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”. Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo como a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e máis os Profetas.

20 outubro, 2020

 



Benqueridas amigas e amigos,

 

Todos os anos por estas datas convocamos o Foro Encrucillada. Este ano non é posible, pois en Galicia están limitadas as xuntanzas a 10 persoas por mor da pandemia.
Na Asociación Encrucillada non queremos deixar pasar a nosa cita, e no canto do Foro convocamos os COLOQUIOS NA ENCRUCILLADA.
Imos aproveitar os relatorios que tiñamos encargados.
  • Como nace a Biblia, xeración e escritos do Antigo Testamento, por Marta García Fernández, profesora adxunta da Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia Comillas, Departamento de Sagrada Escritura e Historia da Igrexa
  • O Novo Testamento, xeración e escritos, por Carmén Bernabé Ubieta, profesora Titular de Cristoloxía fundamental, Sagrada Escritura e Escritos Xoánicos na Universidade de Deusto (campus Bilbao)
  • Hermenéutica, como ler a Biblia hoxe, por Andrés Torres Queiruga, profesor emérito de Teoloxía Fundamental no ITC e de Filosofía da relixión na USC.
Publicarémolos na Revista Encrucillada 220 (Dec 2020), pero ademais pedimos ás autoras e autor que suxeriran, partindo do texto, preguntas que abran á reflexión, coas que poder animar un diálogo.
A nosa idea é que todas as persoas que queiran afondar na lectura actual da Biblia o fagan, de xeito individual ou en pequenos grupos, lean e reflexionen, poñendo en común achados e dúbidas.
Logo, no mes de febreiro, convocaremos encontros virtuais coas tres persoas relatoras, en diferentes días, cos que poidamos arbitrar un diálogo coas reflexións de todos.
Quedades todos emprazados logo para este traballo de reflexión e formación, individual ou en grupos, e do que vos seguiremos informando en próximos días.
Quedamos á vosa disposición para calquera dúbida ou aclaración neste correo mail
Grazas por segir aí con fidelidade, e por apostar pola fe e a galeguidade.
Saúdos cordiais
Consello de Encrucillada


Por outra banda, o Equipo Coordinador da Escola de Espiritualidade animamos a aquelas persoas que, aínda, non sexan subscritoras da revista e estean interesadas nos relatorios que serán publicados no número 220 (novembro-decembro 2020), que poden subscribirse na seguinte ligazón: http://www.encrucillada.gal/index.php?s=3
Hai dúas modalidades de subscrición: en papel (25,00 €/ano) ou dixital (15,00 €/ano). 
Recibirían gratis o referido número 220, xa que a cota de subscrición sería para o ano 2021, iso si, sempre que se faga antes do 30 de novembro, porque o 1 de decembro comezará o envío da revista.




15 outubro, 2020

Tempo Ordinario: 29ª semana

 

18 de outubro: domingo 29 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 22, 15-21

            Unha vez os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillar a Xesús nalgún dito. E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle dixeron:

            —Mestre, sabemos que es sincero, que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixar levar polos respectos humanos. Dinos, logo, ¿qué che parece, está permitido pagarlle o tributo ao César ou non?

            Xesús, catando a malicia, contestoulles:

            —¿Por qué me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.

            Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:

            —¿De quen é este busto e máis a inscrición?

            Contestáronlle:

            —Do César.

            Entón replicoulles:

            Pois logo dádelle ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus.

            Ao oíren isto, ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon.

08 outubro, 2020

Tempo Ordinario: 28ª semana


11 de outubro: domingo 28 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 22, 1-14

            Daquela púxose de novo Xesús a falarlles en parábolas:

            Parécese o reino dos ceos a un rei que celebrou o casamento do seu fillo. Mandou os seus servos ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir. Volveu mandar outros servos, encargándolles: “Dicídelle aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e máis os demais animais cebados; todo está disposto, vide á voda!” Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse uns ás leiras, outros aos seus negocios e os demais botáronse aos servos, maltratáronos e matáronos. Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos seus servos: “A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños, e a cantos atopedes, convidádeos á voda”.

            Saíron os servos aos camiños e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, de xeito que se encheu de convidados a sala da voda.

            Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: “Amigo, ¿cómo entraches aquí sen traxe de voda?” El ficou calado. Entón o rei díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.

            Porque as persoas chamadas son moitas, pero poucas as escollidas.