24 agosto, 2022

Tempo Ordinario: 22ª semana



28 de agosto: Domingo 22º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Eclo, 3, 19-21. 30-31. Salmo: 67, 4-5ab. 6-7ab. 10-11.
2ª lectura: Heb 12, 18-19. 22-24a.

Evanxeo: Lc 14, 1. 7-14.

Un sábado ía comer Xesús á casa dun xefe dos fariseos, e eles vixiábano. Decatándose Xesús de que a xente convidada buscaba os primeiros postos, contoulles unha parábola:
—Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que unha persoa máis distinguida ca ti tamén estea convidada e que veña quen vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a este”, e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar. Ao revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que, cando chegue quen te convidou che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba”. E quedarás moi ben diante de toda a xente convidada. Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar, e a quen se rebaixe hano enaltecer.

E díxolle tamén ao que o convidara:
—E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que esas persoas te recompensen convidándote tamén a ti. Cando deas un banquete, convida as persoas pobres, eivadas, coxas e cegas; e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

17 agosto, 2022

Tempo Ordinario: 21ª semana



21 de agosto: Domingo 21º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 66, 18-21. Salmo: 116, 1. 2.
2ª lectura: Heb 12, 5-7. 11-13.

Evanxeo: Lc 13, 22-30

Nunha ocasión atravesaba Xesús vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén. Unha persoa preguntoulle:
—Señor, ¿e logo son poucas as persoas que se salvan?

El respondeulles:
—Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: “Señor, ábrenos”, el responderá: “Non sei quen sodes”. Entón empezaredes a dicir: “¡Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!” El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!”.

Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes, cando vexades que Abraham, Isaac, Xacobe e todos os profetas están no reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do reino de Deus. Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.

10 agosto, 2022

Tempo Ordinario: 20ª semana



14 de agosto: Domingo 20º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 38, 4-6. 8-10. Salmo: 39, 2. 3. 4. 18.
2ª lectura: Heb 12, 1-4

Evanxeo: Lc 12, 49-53

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Lume vin traer á terra, e que máis quixer eu ca que estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra. ¿Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non; vin traer división. Pois dende agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

04 agosto, 2022

Tempo Ordinario: 19ª semana



7 de agosto: Domingo 19º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sab 18, 6-9. Salmo 32, 1 e 12. 18-19. 20 e 22.
2ª lectura: Heb 11, 1-2. 8-19.

Evanxeo: Lc 12, 32-48

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o reino. Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder. Pois onde está o teu tesouro, está o teu corazón.

Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sede coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir. Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos á mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles. Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén vós: estade preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do home.

Díxolle Pedro:
—Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?

Contestoulle o Señor:
—¿Quen é, logo, o administrador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado da servidume, para lle dar a seu tempo a ración de trigo? Ditoso o criado aquel a quen o seu amor, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero, se o criado aquel di para si: “O amo aínda non vén por agora”, e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar, o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis. O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.