Advento, o tempo
da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e
celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se
nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa
oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está
comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.
Deus vén. O seu
é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo
do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós
depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios,
pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a
quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E
así pode ser con Deus.
Vivir o Advento
cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará
asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade,
pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co
corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente
escollido por Deus para os encontros con el.
O Evanxeo de
cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos
feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos
corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.
1 de
decembro: domingo 1 de Advento
Evanxeo: Mt 24, 37-44
Nunha ocasión
díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Coma nos tempos
de Noé, así pasará cando veña o Fillo do home. Antes do diluvio comían, bebían
e casaban ata o día no que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que
veu o diluvio e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do home.
Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán o outro. Estarán dúas
mulleres moendo no muíño; levarán unha e deixarán outra.
Vixiade, porque
non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben, se soubese o
dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non
permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na
hora menos pensada preséntase do Fillo do home.