30 abril, 2015

3 de maio: Domingo 5 de Pascua (B)



Evanxeo: Xn 15, 1-8


Comentario:

O Evanxeo que hoxe lemos forma parte da longa conversa habida entre Xesús e as persoas que o acompañaban despois da cea de despedida polos días da Pascua. Estamos ante unha fonda reflexión espiritual, mística, que o evanxelista Xoán pon en boca de Xesús intencionadamente. Que pretendía facer Xoán? Que pretendía expresar a comunidade da que Xoán formaba parte? Fondamente afectados, afectadas, pola persoa e o estilo de vida de Xesús, os seus seguidores e seguidoras preguntáronse cal era, cal podía e debía ser a relación que os membros da comunidade cristiá mantiñan con Xesús. Unha pregunta vital, non teórica, que sería bo que se fixese calquera comunidade cristiá, tamén a nosa hoxe, calquera cristián ou cristiá. Que lugar ocupa Xesús na nosa vida? Que papel xoga na nosa existencia diaria?

21 abril, 2015

26 de abril: Domingo 4 de Pascua (B)



Evanxeo: Xn 10,11-18


Comentario:

O Evanxeo de hoxe recolle parte dunha reflexión do evanxelista Xoán sobre a identidade de Xesús, que ocupa a metade do capítulo 10 do seu Evanxeo. Esa identidade coméntaa Xoán a partir da imaxe do pastor, imaxe á que se recorría xa no Antigo Testamento cando se quería falar de Deus mesmo, ou dos seus representantes máis considerados. No apartado deste domingo a reflexión versa sobre a realidade e o sentido da morte de Xesús, cousa que conmocionou moito aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús; para entendela e asumila tiveron que pararse, pensar, orar, meditar en vivencias próximas aparecidas xa no Antigo Testamento, e, sobre todo, tiveron que deixarse envolver pola realidade mesma de Xesús, que desbordaba todos os anuncios e promesas.

17 abril, 2015

19 de abril: Domingo 3 de Pascua (B)



Evanxeo: Lc 24,35-48


Comentario:

O Evanxeo de hoxe abunda nas experiencias das que falaba o Evanxeo da semana pasada: nun contexto de medo, de dúbidas e de sobresalto, afirmar a paz radical que nos chega de Xesús resucitado, confirmarnos na súa presenza viva no medio de nós, ofrecernos elementos para lle ver sentido ao sufrimento e mesmo á morte nun marco de fidelidade a Deus e á xente máis desvalida, e embarcarnos nunha tarefa, a súa tarefa, de reconciliación fonda de persoas, de grupos, de sociedades. De todo iso estamos chamados a ser testemuñas todos os homes e mulleres que nos dicimos crentes en Xesús resucitado. Que fermoso sería chegar a ser cada comunidade cristiá un grupo humano cheo deste dinamismo, destas conviccións, desta humilde vontade de loita e de servizo! Cada comunidade cristiá podería revisarse a si mesma, para ver que é o que a está freando e que o que a esta potenciando para a tarefa que Xesús nos encomenda.

07 abril, 2015

12 de abril: Domingo 2 de Pascua (B)



Evanxeo: Xn 20,19-31


Comentario:

Os evanxeos dos domingos posteriores á Pascua narran algunhas das experiencias de encontro de Xesús resucitado con diferentes persoas, mulleres e homes, do primeiro grupo cristián, e valoran un pouco o significado da presenza de Xesús resucitado para as persoas individuais e para os membros da primeira comunidade cristiá. O vivido e experimentado por eles e elas ofrécesenos ás persoas que hoxe accedemos a estes textos, para que fagamos unha experiencia semellante: un encontro vivificador con Xesús resucitado, que sexa capaz de introducirnos na fe, de sacudirnos dos medos e pasividades, de dinamizar a nosa existencia, de converternos en prolongadores na nosa historia concreta dos camiños andados por Xesús e polos seus primeiros compañeiros e compañeiras.

06 abril, 2015

Celebración Penitencial de Coresma



Por Manuel Regal Ledo





(Nunha mesa, ben á vista de todas, hai dous pratos, dous vasos, unhas flores, pan, viño, a foto dalgunha persoa marxinal, símbolo de intimidade. Tamén unha cestiña con pedriñas brancas (cfr. Apoc 2,17)

O ano de Santa Teresa estanos invitando a ter un trato sólido con Deus: vivir baixo o convencemento agradecido de sermos persoas apaixonadamente amadas por Deus, e cun afán humildísimo e vigoroso de corresponder a tanto amor cun amor total, limpo, libre, firme, aberto a Deus e a todo o que Deus quere, e a todos e todas as que Deus quere, a todos e todas as que Deus, por seren fráxiles, especialmente quere. E moi doídos/as porque moitas veces isto non é así, e pasamos do amor fondo que Deus nos ten. Por iso imos facer esta celebración da penitencia atendendo a estas dúas dimensións do noso trato con Deus:

-.-Acoller a visita de Deus / Acoller a Deus cando nos visita nos seus fillos e fillas máis doridas.
-.-Visitar a Deus / Visitalo nos seus fillos e fillas máis doridas.

Cuarto encontro do curso 2014-2015




“Non teñas medo, miña grea pequena,
que o teu Pai compraceuse en darche o Reino” (Lc 12,32)


Cantiga

COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS,
COMO CHE CANTAREI?
COMO CHE CANTAREI, MEU DEUS,
TAN POUCA COUSA EU SON.



Señor, ti fuches o noso agarimo
ao longo das xeracións.

Antes que os montes xurdisen
e fosen formados a terra e o universo,
desde sempre e por sempre ti es Deus.
Ti podes volver ao po os seres humanos
Só con dicirlles: “fóra mortais”.

01 abril, 2015

5 de abril: Domingo de Pascua (B)



Evanxeo: Vixilia Pascual: Mc 16, 1-7.
                Día de Pascua: Xn 20, 1-9.

Comentario:

Ningún evanxelista narra a resurrección de Xesús en si, como narraron outros acontecementos vividos por Xesús. Ninguén o viu, para o poder narrar. O que si nos transmiten os catro evanxelistas son circunstancias ao redor da resurrección, experiencias sobre da mesma, conviccións, modos de acceso a esa experiencia, consecuencias dunha fe na resurrección de Xesús, que é o que realmente lles interesaba transmitir. Todo rodeado dunha linguaxe simbólica, moi suxestiva, que apunta ao fundamental: a experiencia de encontro con Xesús resucitado como factor de relanzamento dunha vida de seguimento no que el dixera e vivira.

Pregón Pascual 2015


Amigos e amigas, compañeiros e compañeiras,
cando é noite, noite pecha,
como locen as veliñas,
como aledan,
como brincan no ar con inocencia,
como fenden a negrura que as rodea!
Así Cristo entre nós, irmás queridas,
así Cristo entre nós, irmáns queridos,
luz e lume,
calor, vigor e fortaleza.

CRISTO É A NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA VIDA
CRISTO ÉA NOSA LUZ,
CRISTO É A NOSA FESTA

O encontro con Deus nos Salmos


Por ser un libro de oración e por selo coas maneiras que o caracterizan, o Salterio é a narración dunha densa e variada experiencia relixiosa, dun encontro intenso con Deus, que abrangue múltiples vivencias e perspectivas da persoa humana e do pobo do que esta forma parte, e que se expresa cunha enorme riqueza de formatos literarios, case sempre moi vivos, moi sentidos, moi fondos. Resulta abondo ousado pretender ofrecer nestas poucas páxinas sequera sexa un achegamento a ese mundo relixioso que tanto ten condicionado e axudado a pregaria de millóns e millóns de crentes do ámbito xudeu, do ámbito cristián. Polo tanto, unhas suxestións nada máis, á espera de podelas desenvolver con máis amplitude e vagar noutra ocasión.

1.-Deus sempre á vista

Salmo tras salmo, o Salterio vai deseñando a experiencia relixiosa de persoas concretas, dun pobo concreto, á que nos podemos e debemos achegar co sentimento de estarmos tripando terra sagrada (cf. Ex 3,5), descalzos, logo, co corazón tamén espido e aspirando a ver a Deus pasar cando menos cal murmurio ou aireada cativa (cf. 1Sam 19, 12) a través das vivencias relixiosas das que se fan portadores todas e cada unha das persoas que se sitúan coa súa vida, coa súa fe forte ou frouxa, sempre tensa e mesmo vibrante, á fronte de cada pregaria que o salmo describe.