31 de
marzo : domingo 4º de Coresma
Evanxeo: Lc 15, 1-3. 11-32
Os cobradores de impostos e a
xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren; por iso os fariseos e
letrados murmuraban:
—Este
acolle a xente pecadora e come con ela.
Entón Xesús contoulles esta
parábola:
—Un
home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da
herdanza que me corresponde”. El repartiullos os seus bens. Días despois este
fillo recolleu todo o seu, marchou para un país remoto e alí malgastou a súa
fortuna vivindo coma un perdido. Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame
naquela terra e empezou a pasar necesidade. Entón acudiu a un natural do país
para servir, e este mandouno a unha granxa a coidar porcos. Alí chegou a ter
gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas
daba.
Recapacitando, pensou: “Cantos
xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar e eu morro coa fame. Si, vou volver á
casa do meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non
son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.
Levantouse e volveu onda seu pai.
Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e
botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá,
pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un
fillo”. Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e
vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Traede o cuxo cebado
para matalo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve
á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis
vello estaba na leira e cando viña para a casa, oíu a música e máis o baile.
Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “Éche
que volveu teu irmán e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e
salvo”. Entón alporizouse moito e non quería entrar. Pero o pai, saíndo,
intentou convencelo. El díxolle: “Tanto anos como levo servíndote sen che
faltar nunca en nada, e nin un cabrito me deches para celebrar cos meus amigos;
e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de
mala vida, e matas o cuxo cebado”. O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre
estás comigo e todo o meu é teu; pero deberías alegrarte xa que este irmán teu
estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”.