29 abril, 2022

Traballo entre sesións

 


(3 de abril - 7 de maio)

Deus crea por amor

Lecturas:

TORRES QUEIRUGA, A., Recuperar a creación. Por unha relixión humanizadora. SEPT, 1996
- Deus crea por amor (Cap. II, páxs. 91-108)
- Culpa, pecado e perdón (Cap. V, páxs. 201 - 245)

Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:

1. Onde está Deus para ti? No ceo? Na igrexa? Nas cousas que estás a facer? Nas persoas que encontras?

2. Deus está quieto, ollando o que facemos? Intervén nalgunhas ocasións importantes? Está sempre actuando: como?

3. Como sitúas a Deus na enfermidade, túa ou das outra persoas? Como lle rezas?

4. Por que pensas que facemos o mal, mesmo moitas veces sen que o queiramos? Ou querémolo sempre?

5. Como pensas que te mira Deus cando te sentes culpable?

6. Pensaches algunha vez que “o teu” (ou o de outras persoas) non tiña perdón de Deus?

7. Por que non debemos pecar? Porque o manda Deus? E se Deus non existise o se , existindo, non o mandase?

8. Que significou na túa vida a confesión? Como a viviches? Como a vives agora?

9. Ten ou non ten razón o irmán do Fillo pródigo?

10. Hai dereito a que Deus perdoe tamén a Hitler ou a Pinochet?


3ª Encontro Escola de Espiritualidade curso 201 / 2022


GOZANDO CO PAPÁ/MAMÁ DA CASA COMÚN

Coresma: tentacións: encontro co Deus de Xesús.

Cantiga
SEÑOR, DEUS NOSO, QUE ADMIRABLE É O TEU NOME
EN TODA A TERRA, EN TODA A TERRA.

Salmo 139
 Señor, ti óllasme a fondo e coñécesme ben,
ti sabes cando sento e me levanto,
penetras nos meus pensamentos desde lonxe.
Ti compréndesme cando me movo e cando estou quedo,
os meus camiños sonche todos familiares.

Aínda non chegou a palabra á miña lingua
e xa ti, Señor, a coñeces enteira.
Envólvesme por detrás e por diante
e sobre min tes posta a túa man.
Admirable por demais me resulta este saber,
tan alto que non o alcanzo.

Onde podería arredarme do teu alento?
A onde podería fuxir da túa presenza?
Se subo ao ceo, alí estás ti;
se baixo ao abismo, estás presente

Se me ergo nas ás da aurora
e emigro ao extremo dos mares,
ata alí me leva a túa man
e me colle a túa dereita.

Se digo:
“Que polo menos me encubran as tebras
e que a luz ao me redor se faga noite”,
as mesmas tebras non son para ti escuras
e a noite éche clara coma o día:
tanto che ten a luz como as tebras.

Ti formaches as miña entrañas,
tecíchesme no seo da miña nai.
Bendígote polo prodixio que hai en min,
as túas obras son marabillosas.

Ti coñecías a fondo o meu espírito,
non che estaba oculta a miña esencia
cando no segredo era formada,
tecida no fondo da terra.

O meu embrión víano os teus ollos
e escribíanse xa no teu libro
os días todos que habían vir,
sen que existise aínda o primeiro.

Que preciosos atopo, Deus, os teus proxectos!
Que grande o seu conxunto!
Se os quixese contar, son máis ca a area;
se chegase ata a fin, aínda quedarías ti.

Se comprendesen, Señor, os malvados,
se abandonasen a súa violencia!
Que non se rebelen contra ti,
que non persistan nos seus proxectos!

Non quero odiar as persoas que te odian,
quero amar como ti amas.
Amarei con amor cumprido,
quéroas ter por amigas miñas.

Que sorte teño, meu Deus,
con que ti me olles a fondo,
con que coñezas o meu corazón,
me observes con amor
e coñezas os meus sentimentos!
Que a túa ollada endereite os meus vieiros
e me guíe polo camiño verdadeiro.

Noso Pai/Nai: Misterio próximo, familiar, que urxe á irmandade e non se da sen ela. Peticións do Noso Pai/Nai abertas.

28 abril, 2022

Tempo de Pascua: 3ª semana



1 de maio: Domingo 3º de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 27b-32. 40b-41. Salmo: 29, 2 e 4. 5 e6. 11 e 12a e 13b.
2ª lectura: Ap 5, 11-14.

Evanxeo: Xn 21, 1-19

Máis adiante Xesús aparecéuselles outra vez aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e máis outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
—Vou pescar.

Eles contestaron:
—Imos tamén nós contigo.

Saíron e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
—Rapaces, tedes algo que comer?

Eles responderon:
—Non.

Díxolles entón:
—Largade o aparello por estribor e atoparedes.

Eles largárono e xa non podían alzalo a bordo, de tanto peixe. Entón aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
—É o Señor.

Daquela Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido –pois estaba espido— e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e máis pan.

Xesús díxolles_
—Traede deses peixes que acabades de coller.

Simón Perdo subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.

Xesús díxolles:
—Vinde comer.

Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle “ti quen es”, sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.

Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.

20 abril, 2022

Tempo de Pascua: 2ª semana


24 de abril: Domingo 2º de Pascua ou da Divina Misericordia

1ª lectura: Feit 5, 12-16. Salmo 117, 2-4. 22-24. 25-27a.
2ª lectura: Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19.

Evanxeo: Xn 20, 19-31

Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
—Paz convosco.

Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. E díxolles outra vez:
—Paz convosco. Como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

E, dito isto, alentou sobre eles e díxolles:
—Recibide o Espírito Santo. A quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

Pero Tomé un dos doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
—Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:
—Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

Oito días despois estaban outra vez dentro dos discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

Tomé respondeulle:
—Meu Señor e meu Deus.

Xesús díxolle:
—Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!

14 abril, 2022

Tempo de Pascua: 1ª semana

 


TEMPO DE PASCUA


Empezamos o tempo de Pascua, que desde a celebración da Vixilia Pascual nos vai levar durante seis semanas á solemnidade da Ascensión, logo á de Pentecoste, na que celebraremos a presenza do Espírito Santo nas nosas vidas cristiás, na vida de todas as persoas e realidades que hai no mundo.

Durante a oitava de Pascua o Evanxeo de cada día permite aproximarnos á experiencia daquelas persoas que dun xeito sorprendente tiveron a experiencia de que Cristo estaba vivo no medio delas, no medio da comunidade, no medio do mundo. Morrera, pero a morte non lle arrebatara a capacidade de estar no medio dos seus –todo o mundo é seu—, iso si, dunha forma nova, que se percibe cunha sensibilidade nova.

Durante o tempo da Pascua invitarásenos a realizar nos mesmos esa experiencia de encontro con Cristo resucitado; cousa que non é cuestión de ningún tipo de maxia, senón cuestión de estar moi atentas/os á vida de cada día, pois é na vida de cada día onde Xesús se nos amosará a través de pequenos sinais que falan del, que nolo fan presente. Por exemplo, se eu levo tempo sen lle falar a unha persoa veciña, percibo que iso é un atranco para a nosa felicidade, e me dispoño a retomar esa relación, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min, ou eu nel. Ou se estaba deixando de participar en algo comunitario, e vexo que non podo deixar de lado os intereses comunitarios, e me dispoño a volver a botar unha man, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min ou eu en Xesús.

A Pascua é un clamor de vida, un clamor pola vida. A nosa Pascua sempre será unha Pascua parcial, en camiño. Pero é Pascua, porque é gustar xa o fermoso que é vivir, o fermoso que é compartir vida, o fermoso que é traballar para que a vida o envolva todo: natureza, animais, xente. A Pascua realízase sobre todo cando todo o máis fráxil da natureza, dos animais, das persoas, por fóra ou por dentro, é especialmente atendido, e recupera o gozo de vivir e de celebrar a vida. No nome do Deus da vida, que para a vida nos creou e para a vida nos recompuxo en Cristo Xesús.


17 de abril: Domingo de Pascua. Misa do día.

1ª lectura: Feit 10, 34a. 37-43. Salmo: 117, 1-2. 16ab-17. 22-23.
2ª lectura: Col 3, 1-4.

Evanxeo: Xn 20, 1-9

O día primeiro da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:
—Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.

Pedro e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par, pero o outro discípulo corría máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Daquela chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou; viu os lenzos pousados alí, pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro ao sepulcro; viu e creu. Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos.

06 abril, 2022

Semana Santa



SEMANA SANTA

Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.

Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.

Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.

A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.

Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.


10 de abril: Domingo de Ramos

Bendición dos ramos: Lc 19, 28-40

Daquela Xesús botou a andar diante deles camiño de Xerusalén. E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ao pé do chamado monte das Oliverias, mandou dous discípulos, dicíndolles:
—Idea á aldea que tedes aí diante e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. E, se alguén vos pregunta: “¿Por qué o soltades?”, respondédelle: “Precísao o Señor”.

Foron os discípulos e atoparon todo tal como lles dixera. E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
—¿Por qué soltades o burriño?

Eles contestaron:
—Precísao o Señor.

Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. E ao pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do monte das Oliveiras, a multitude que o acompañaba de cerca, chea de alegría, comezou a loar a Deus con grandes gritos, por todas as marabillas que tiñan visto. Dicían:
—¡Benia o que vén, como rei, no nome do Señor. Paz no ceo e gloria no máis alto!

Algúns dos fariseos que estaban entre a xente dixéronlle:
—Mestre, reprende a eses teus discípulos.

Pero el respondeulles:
—Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.