Evanxeo: Lc 4,21-30
Nunha ocasión empezoulles a dicir Xesús na
sinagoga:
—Hoxe
cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
E toda a xente asentiu, admirada polas
palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
—¿Pero
non é este o fillo de Xosé?
El díxolles:
—Seguramente
me recordaredes aquel refrán: “Médico, cúrate a ti mesmo”; todo canto oímos que
fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
Pero el continuou:
—Asegúrovos
que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de
Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres
anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas
mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos
leprosos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou,
fóra de Naamán, o sirio.
Oíndo estas cousas, todos os que estaban na
sinagoga se puxeron coma feras; erguéndose, botárono fóra da vila e levárono
ata un barranco do monte no que está edificada coa intención de o botaren de
alí embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.