Evanxeo: Lc 1, 39-56
Comentario:
No século V xa se conmemoraba na Igrexa oriental a Dormitio (“dormición”, de durmir) da Virxe María. Parecíalles innobre para María que pasase pola morte pola que pasamos todos os mortais, e consideraban que o dela non fora unha morte senón un simple quedar durmida; como se di no medio rural en casos de morte moi tranquila, “quedouse coma un paxariño”. A Virxe quedárase tamén coma un paxariño. No século VII esa conmemoración pasa á Igrexa de Roma, a occidental, e ao pouco xa aparece co nome de “Asunción”: a Virxe fora asumida, collida, elevada á morada de Deus, o ceo. A cousa foi quedando así, ata que no ano 1950 o Papa Pío XII proclama o dogma da Asunción da Virxe María en corpo e alma ata o ceo. Un dogma moi marcado por unha visión bastante mítica de Deus e das realidades da fe. Actualmente, cunha comprensión máis atinada da resurrección de Xesús e da nosa, podemos falar de que María, despois de morrer a este mundo, pasou a participar con Xesús e con todos os resucitados/as, da paz, da bendición eterna de Deus, nunha medida total e completa, como lle corresponde a unha muller sinxela, unha pobre de Deus, que se fiou del completamente, que xerou e criou como mai amante o seu fillo Xesús de Nazaré, fillo de Deus, e que entre luces e sombras, entre gozos e dores, se incorporou ao camiño cristián aberto polo seu propio fillo.