SEMANA SANTA
Desde as orixes do
cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de
Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso
desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da
Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.
Desde o comezo do
cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que
Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o
misterio da súa resurrección.
Non é que a morte e a
resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de
Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida
e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida,
a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e
pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o
levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte
gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para
todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza
de amor e de solidariedade.
A vida de Xesús orienta
as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen
coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús
encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida
que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á
xente.
Quizais estamos afeit@s a
vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a
fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o
levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer
moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.