16 xuño, 2021

Tempo Ordinario: 12ª semana




20 de xuño: Domingo 12º do tempo ordinario

1ª lectura: Xob 38, 1. 8-11. Salmo: 106, 23-24. 25-26. 28-29. 30-31
2ª lectura: 2 Cor 5, 14-17

Evanxeo: Mc 4, 35-41

Un día, pola tardiña, díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Vaiamos á outra banda do mar.

Eles, deixando a xente, levárono consigo na barca onde estaba sentado; e seguíano outras barcas. E formouse tal turbillón de vento que os salseiros caían enriba da barca e enchíana de auga. El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Eles espértano e dinlle:

—Mestre, ¿seica non che importa que afoguemos?

El ergueuse e increpou o vento e díxolle ao mar:

—Cala, acouga!

E amainou o vento, e veu unha gran calma.

E dilles a eles:

—¿Por qué tendes tanto medo? ¿Seica aínda non tendes fe?

Eles sentiron entón un medo enorme e comentaban entre si:

—Pero, ¿quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?

09 xuño, 2021

Tempo Ordinario: 11ª semana



13 de xuño: Domingo 11º do tempo ordinario

1ª lectura: Ez 17, 22-24. Salmo 91, 2-3. 13-14. 15-16
2ª lectura: 2 Cor 5, 6-10

Evanxeo: Mc 4, 26-34

Unha vez díxolle Xesús á multitude:

—Así é o reino de Deus, coma un home que bota a semente na terra e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma; primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. E, cando o froito xa está en sazón, de seguida se lle mete o fouciño, por ser o tempo da seitura.

E tamén dicía:

—¿Con que compararemos o reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unha pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.

E así, con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.

04 xuño, 2021

Fratelli tutti: oración 8 capítulo

 


PREGARIA 
(Capítulo 8 da encíclica)

As relixións ao servizo da fraternidade no mundo
(parafraseando cousas do n. 277)

 
Manuel Regal Ledo

Que a túa música, Xesús de Nazaré,
vibre coma Boa Nova nas nosas entrañas.

Para non perdermos a ledicia
que brota da compaixón,
nin a tenrura
que nace da confianza,
nin a capacidade de reconciliación
que atopa a súa fonte
en recoñecernos sempre
coma persoas perdoadas, enviadas.

Pobres de nós
se a música do teu Evanxeo
deixa de soar nas nosas casas,
nas nosas prazas,
nos traballos, na política e na economía!

Daquela apagariamos en nós
a melodía que ten o poder
de aledarnos, conmovernos e desafiarnos
para loitar pola dignidade de todo home e muller.

Que aprendamos a interpretar ben na vida
a melodía do Evanxeo,
facendo orquestra e coro
coas demais tradicións relixiosas,
para eterna loanza do marabilloso Deus común,
Pai e Nai universal, cósmica,
que a todos nos sustenta e alenta
cara á fraternidade respectuosa e creadora
con todo ser humano,
con todo canto existe.

Grazas, Xesús, polo teu Evanxeo,
o noso maior don,
e, encarnado en nós nos nosos tempos,
a nosa maior ofrenda tamén
para facer deste mundo unha verdadeira casa común.

Que a túa música, Xesús de Nazaré,
vibre coma Boa Nova nas nosas entrañas.


02 xuño, 2021

Tempo Ordinario: 10ª semana

 

6 de xuño: Solemnidade do santísimo Corpo e do Sangue de Cristo

1ª lectura: Ex 24, 3-8. Salmo: 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
2ª lectura: Heb 9, 11-15

Evanxeo: Mc 14, 12-16. 22-26

No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:

—¿Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?

El mandou a dous discípulos, dicíndolles:

—Ide á cidade e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo e onde entre dicídelle ao dono da casa: “O Mestre di: ¿Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?”. El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.

Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua. Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendición, partiuno e déullelo, dicindo:

—Tomade, isto é o meu corpo.

Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo e todos beberon del. E díxolles:

—Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber o produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.

Despois de cantaren os Salmos, saíron para o monte das Oliveiras.