31 marzo, 2021

Venres Santo

 

Manuel Regal Ledo


VIA CRUCIS ALDEÁN

Ofrecemos este Via Crucis, por se a algunha persoa ou grupo lle pode interesar. Pódese reducir todo o que se considere oportuno.

O porqué deste Via Crucis

Desde o primeiro momento as persoas e comunidades cristiás decatáronse da carga especial que tiña para elas aquel recorrido doloroso que levara a Xesús de Nazaré desde o pazo de Pilatos, que o acababa de condenar a morte, ata o calvario, onde morrería inxustamente axustizado nunha cruz.

Deseguida se construíron relatos que narraban o acontecido, e deseguida tamén estes relatos correron de man en man, de comunidade en comunidade, incluso antes do que os mesmos evanxeos, alimentando a dor, a admiración, o agradecemento por aquel Xesús disposto a morrer, se tal fixese falla, antes de deixar de ser fiel a Deus e ao que Deus lle empuxaba a facer e defender.

Todo isto callou desde hai moitos anos na devoción do “Via Crucis” (Camiño da Cruz), que, sobre todo no tempo da Coresma, foi andado individual ou comunitariamente; para facilitar iso, en todas as igrexas –ás veces tamén fóra das igrexas-- estaban gravadas pequenas taboíñas, cadros ou pinturas, que reproducían cada unha das catorce estacións nas que se dividía o recorrido do pazo de Pilatos ata o Calvario. A xente simbolizaba o recorrido de Xesús desprazándose ela tamén ao longo da Igrexa. E o seu corazón, doído e agradecido, facíase un con Xesús naquelas horas para el tan tremendas.

Desde sempre tamén as persoas e comunidades cristiás entenderon que a dor e morte de Xesús, o seu “Vía Crucis” particular, tiña continuidade na dor, na angustia, na morte de tantísimos homes e mulleres, que, coma el, sufrían na inocencia os golpes inxustos que alguén indebidamente descargaba sobre eles.

O “Vía Crucis” de Xesús resoa no mundo da aldea dun modo moi especial. Pensamos que o mundo da aldea en Galicia ten tamén o seu particular “Vía Crucis”, vinculado ao de Xesús. Por todo isto queremos manter a antiquísima devoción do “Vía Crucis”, unindo entrañablemente esas dúas persoas: a de Xesús e a do home ou muller de aldea, pensando que desa unión lle virá a Xesús un rostro histórico que o identifique entre nós, e ao home ou muller de aldea, alguén con quen identificarse, alguén a quen agarrarse, alguén do que recibir forza, na busca dunha pacificación, dunha liberación da que tanto precisa.

30 marzo, 2021

Xoves Santo



Oración da noite, acompañando a Xesús

Ofrecemos esta posible maneira de levar a cabo ese tempo de oración que, persoalmente ou en grupo, moitas persoas crentes gustan de realizar, para acompañar a Xesús nesta hora do seu completo ofrecementos por todos e todas nós, para enchouparnos desa fondura de amor co que nos amou ata o extremos. Agradecemento e dispoñibilidade serán as dúas actitudes básicas coas que achegarnos a este momento.


Signos: 
Os da Última Cea: un mantel, un pan, unha xerra das de viño, unha toalla, unha almofía (palangana), un mandil.

Breve explicación do que imos facer:

Coméntanse os signos, que nos recordan a Última Cea e os signos que Xesús fixo nela. Queremos acompañar a Xesús, como un amigo/a acompaña a un amigo/a cando o ve pasando por unha situación tensa. Acompañar, para deixarnos arrastrar por el nas súas opcións de vida, no seu estilo de vida, na súa decisión firme de chegar ata a morte, se fixese falla, antes de renunciar a ser persoa de amor e de servizo. Entrar no mundo de sentimentos de Xesús, asociarnos a el, deixarlle a el que conmova a nosa existencia toda. Imos facer iso parándonos en cinco momentos especiais que Xesús viviu con especial intensidade, antes, durante e despois da Última Cea.

Actualizar este momento. Xesús está vivo no rostro da persoa pobre, marxinal, débil... Escollemos cada un unha persoa destas, ou un grupo de persoas, un grupo social, para identificala con Xesús e introducila tamén; oramos con ela, con ese grupo, escoitámola tamén a ela, adoramos nela a presenza de Xesús, dispoñémonos a servila...

25 marzo, 2021

Semana Santa

 


SEMANA SANTA

Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.

Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.

Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.

A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.

Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.

17 marzo, 2021

Tempo de Coresma: 5ª semana


  

 21 de marzo: Domingo 5 de Coresma


1ª lectura: Xer 31, 31-34
Salmo: 50, 3-4. 12-13. 14-15
2ª lectura: Heb 5, 7-9

Evanxeo: Xn 12,20-33

Sucedeu un día que algúns dos gregos que subían a adorar no día da Festa achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:

—Señor, queremos ver a Xesús.

Foi Filipe e díxollo a André; André e máis Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:

—Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga, e alí onde estou eu estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve hao honrar o Pai.

Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu nome.

Chegou entón unha voz do ceo:

—Xa o glorifiquei e glorificareino aínda de novo.

Ao oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: “Faloulle un anxo.” Xesús interveu dicindo:

—Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.

Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

15 marzo, 2021

Fratelli tutti: oración 4 capítulo

 


PREGARIA 
(Capítulo 4 da encíclica)

Un corazón aberto ao mundo enteiro
 
Manuel Regal Ledo


QUÉROTE PORQUE SI

Que pobre me faría, papama Deus,
se pechase o meu amor,
e todos os feitos que o significan,
á xente do meu pobo ou nación,
do meu sexo, cor, credo ou relixión!

Que pobre e que lonxe de ti, Deus envolvente,
que te nos amosas un na diferenza,
e diferente na unidade!

Que fermosa a tarefa compartida
de acoller, protexer,
promover e integrar
ao diferente que peta ás nosas portas,
maiormente cando demanda solidariedades simples pero recias!

Que marabilloso o exercicio vital,
feito no teu nome, papama Deus,
de dar e recibir,
cando abrimos as portas da casa, do corazón,
da patria, da nación
á xente emigrante expatriada por vontade propia ou allea!

Que liberadores son o amor e a acollida,
a atención e o servizo,
cando se fan porque si,
sen agardar recompensas,
desde a gratuidade
aprendida, gustada no teu seo, papama Deus,
a forza de tanto nos amar gratuitamente!

Amar, amarnos,
amar a propia persoa,
a propia Terra, a propia patria ou nación,
para sermos fieis ás propias raíces,
coidando con esmero a identidade humana, cultural que somos,
como creación túa, Deus universal,
polas mans, a mente, o corazón, o empuxe da xente que nos precedeu.
Pero sen mesquindade,
expoñéndonos ao diferente,
arriscándonos a novas creacións
na compaña de actores diferentes,
tamén no teu nome!

Canto temos que aprender de ti, papama Deus!
Ás túas demandas abrimos a nosa mente, o noso corazón, para a irmandade universal! 
Confiamos en ti.


11 marzo, 2021

Tempo de Coresma: 4ª semana

 


14 de marzo: Domingo 4º de Coresma

1ª lectura: 2 Cro 36, 14-16. 19-23
Salmo: 136, 1-2. 3. 4-5. 6
2ª lectura: Ef 2, 4-10

Evanxeo: Xn 3,14-21

Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:

—Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no Fillo unixénito de Deus.

Nisto consiste o xuízo, en que, vindo a luz ao mundo, os seres humanos escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras pois están feitas como Deus quere.

03 marzo, 2021

Tempo de Coresma: 3ª semana



7 de marzo: Domingo 3º de Coresma

1ª lectura: Ex 29, 1-17
Salmo: 18, 8. 9. 10. 11
2ª lectura: 1 Cor 1, 22-25

Evanxeo: Xn 2, 13-25

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e máis os que cambiaban diñeiro, sentados; vai e, facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos que cambiaban diñeiro; e aos que vendían as pombas díxolles:

—Arredade de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: “O celo da túa casa devórame.”

Pero replicáronlle os xudeus:

—¿Qué sinal nos mostras, para faceres estes feitos?

Respondeulles Xesús:

—Derrubade este templo e erguereino en tres días.

Retrucáronlle os xudeus:

—Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.

Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos. Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.

01 marzo, 2021

Fratelli tutti: capítulo cuarto

  



CAPÍTULO CUARTO

UN CORAZÓN ABERTO AO MUNDO ENTEIRO

Texto deste capítulo en galego:

(tradución de Nuria Núñez)


Guía para a lectura por Mencha Leirós de la Peña

Fratelli tutti!, Fratelli tutti!, exclamamos con entusiasmo ante esta encíclica na que o Papa Francisco expresa o desexo de que “fronte a diversas e actuais formas de eliminar ou de ignorar a outros, sexamos capaces de reaccionar cun novo soño de fraternidade e de amizade social que non quede nas palabras”(6).

Pero para que este soño non quede en nada, é imprescindible pasar das ideas aos feitos e como unha axuda para dar este paso se presenta este capítulo cuarto, no que o Papa vai analizando realidades do mundo actual que impiden a fraternidade e indica que se queremos dar unha resposta teremos que afrontar “unha serie de retos que nos descolocan, nos obrigan a asumir novas perspectivas…”(128).

Na primeira parte, aborda un dos problemas mais crueis e dolorosos dos nosos tempos: a migración. Este é un reto moi complicado, xa que hai que considerar os problemas nos países de orixe, as dificultades durante os desprazamentos, a situación terrible ante as fronteiras pechadas e todos os obstáculos que as persoas migrantes atopan cando conseguen chegar a un país no que iniciar unha nova vida. E os problemas continúan cando xa están asentados nun país pero non logran saír da marxinación e acadar a plena cidadanía, cos mesmos dereitos e deberes que os cidadáns do país receptor.

Pero no tema das migracións non todo é negativo porque aínda que a acollida implica a resolución de moitos problemas, tamén supón un don, un regalo para quen acolle xa que permite o encontro entre persoas e culturas diferentes e unha posibilidade de crecemento. Pero ese encontro non pode darse cando se está buscando o propio beneficio e polo tanto é imprescindible unha relación desde a gratuidade, facendo as cousas de balde, sen esperar nada a cambio, dando gratis o que recibimos gratis.

Na segunda parte do capítulo, o Papa refírese á tensión que actualmente existe entre o local e o universal. Estamos nun momento da historia no que cada vez é mais evidente o global, o encontro entre todos os pobos. Pero ao mesmo tempo non hai encontro entre pobos se non é desde o amor á terra, ao pobo e á propia cultura. É necesario articular eses dous aspectos da realidade para vivir no mundo actual.

Suxestións para axudar a reflexionar e pasar polo corazón as propostas do Papa:

Ata que punto teño como meu o soño de que todos os seres humanos somos irmás e irmáns?

Como sinto que é a miña implicación na acollida, protección, promoción e integración das persoas migrantes no meu país?

En que medida participo nos procesos de cambio e evolución dos países de orixe para que neles mellore a vida das persoas?

Como se articula na miña vida esa tensión entre o local e o global? Aférrome ao próximo e prescindo do que sucede no resto do mundo, ou ben, paso totalmente do que ocorre ao meu carón e vivo nun universalismo abstracto?