28 maio, 2014

1 de xuño: Solemnidade da Ascensión do Señor


Evanxeo: Mt 28, 16-20

Comentario:

Os evanxeos converten en relatos históricos, en entrañables narracións, o recorrido espiritual que os seguidores e seguidoras de Xesús foron facendo desde a morte do seu mestre ata o momento en que se deciden a prolongar no tempo, na historia o seu seguimento de Xesús; isto significaba vincularse á fe de Xesús, o estilo de vida que el tiña, a súa maneira de tratar a Deus, de tratar con Deus, a súa maneira de relacionarse coa xente, pobre ou rica, vinculada ou non aos diferentes grupos relixiosos que había no seu tempo.

25 maio, 2014

Agradecemento da Comunidade Grão de Mostarda

Queridas amigas e queridos amigos
da Escola de Espiritualidade,

Agradecemos a vossa significativa contribuição para o projeto grão de mostarda, no passado dia 10. A vossa generosidade é um sinal de amor, nascido da fraternidade que entre nós se foi construindo, neste tempo de convivência da Escola de Espiritualidade; mas também é um sinal da vossa comunhão solidária com todos os “vizinhos” que, em cada dia, vamos acompanhando.

21 maio, 2014

25 de maio: Domingo 6 de Pascua (A)


Evanxeo: Xn 14, 15-21

Comentario:

Nestes domingos do tempo de Pascua estamos procurando asimilar o que supón para unha persoa cristiá, para unha comunidade cristiá vivir a presenza de Xesús resucitado no medio de nós. En cada domingo vánsenos ofrecendo diferentes matices, perspectivas, sempre coa finalidade de que nos deixemos afectar por esa presenza, que nos deixemos obsequiar polo que nos trae de bo para as nosas vidas, no momento presente das nosas vidas, e na situación concreta que estamos vivindo en Galicia, en España, en Europa, cunha eleccións das que pode depender moito o futuro de todos, da xente rica e da xente pobre, aínda que a nós nos preocupe sobre todo o futuro da xente pobre, sen traballo, sen fogar, sen o necesario para vivir con dignidade. O evanxeo de cada domingo, a celebración de cada domingo, non nos deben arredar da vida, ao contrario, sería moi bo que nos empuxase a estar na vida dunha maneira viva, animada, entusiasta incluso. Así era como está Xesús, así é como está Deus.

19 maio, 2014

Curso formativo "Novas Pobrezas"


A asociación diocesana Arela, en colaboración coa Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC), organiza un Curso formativo baixo o título “Novas Pobrezas“, que terá lugar os vindeiros sábado 24 e domingo 25 de maio de 2014, en Santiago de Compostela.

Como expresa vivamente o papa Francisco na Exhortación apostólica Evangelii Gaudium, no nº 52:

16 maio, 2014

Díaz Castro: Nimbos, un itinerario espiritual laico



Pídeseme desde a revista AMENCER unha colaboración sobre Díaz Castro. Agradezo a solicitude, e non porque eu sexa un significado estudoso do autor ao que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas e da súa escrita, pero si porque me permite entrar un pouquiño máis en parte da súa obra --limítome exclusivamente aos textos do seu libro estrela Nimbos, que xustamente durante esta última etapa estiven lendo de novo con especial interese e devoción. Nunca chegara a captar coma nesta lectura a forza, a riqueza, a vitalidade da poesía de Díaz Castro, o precioso debuxo antropolóxico e crente que nela se nos ofrece. Comparto cos lectores e lectoras de AMENCER estas reflexións. Fareino referíndome primeiro a algunhas circunstancias da súa traxectoria vital que me parecen moi significativas, e logo detereime en presentar o que para min é o sinxelo e fondo proxecto de antropoloxía crente ou, se así o preferimos, de vida cristiá na existencia diaria, que aparece con nitidez en Nimbos.

15 maio, 2014

18 de maio: Domingo 5 de Pascua (A)



Evanxeo: Xn 14, 1-12

Comentario:

Os nosos maiores galegos, os homes e mulleres que nos precederon nesta Terra nosa, tiveron sempre unha ilusión moi grande: ter casa de seu, ter casa propia. Eran xente que vivía en moita pobreza, xente case sempre dependente dos seus amos, ou dos amos das súas terras; xentes que vivían malamente, que se acomodaban nunha casoupa de mala maneira, onde se tiñan que acubillar os avós e avoas, os pais e nais, os fillos e fillas; e mesmo moitas veces estas casas tan pobriñas non lles pertencían. Por iso ter casa de seu era un grande soño, como o era tamén iso de ter terra de seu, terras de seu, onde poder traballar e gañar a vida, terras das que sacar para comer, coidarse, criar os fillos e fillas. Aínda hoxe hai moita xente que suspira por ter casa de seu, un pisiño de seu. E que diremos das familias que o tiñan, e que, por avaricia dos bancos, se viron obrigadas a ter que abandonalo con moito sufrimento, con moita dor, con moitas bágoas! Ben o sabemos.

08 maio, 2014

11 de maio: Domingo 4 de Pascua (A)


Evanxeo: Xn 10, 1-10

Comentario:

Quizabes podiamos empezar a acoller este texto do Evanxeo deténdonos con moita calma na última frase do mesmo na que Xesús afirma: “Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo”. Ter vida é a aspiración maior de todo ser humano, tanto o da aldea coma o da cidade, tanto o do Norte coma o do Sur, tanto o parado coma o que non o está. Pero é posible que sexan as persoas e grupos sociais máis marxinados os que leven dentro de si con máis forza e urxencia esta aspiración: ter vida, ter vida. Ter vida é o que quere o emigrante subsahariano, home ou muller, que está ás portas de Melilla, de España, do Norte, buscando a maneira de meterse aquí, porque lle parece que así pode atopar vida para si e para os seus. Ter vida é tamén o que quere a persoa que está parada e busca traballo, porque entende que o traballo lle abrirá portas e posibilidades. Ter vida é o que desexan eses centos de miles ou mesmo millóns de cidadáns/ás galegas e españolas que se ven na pobreza extrema, con graves dificultades para chegar a fin de mes, de ter mantenza e sanidade asegurada e outras cousas básicas para unha existencia tranquila. Cando Xesús nos di que veu para que todos, todas, teñamos vida, estanos dicindo que está claramente da parte desta xente que busca ter vida digna da mellor maneira posible. Todas estas aspiracións humanas entran dentro da proposta de vida, de vida abundante, que Xesús nos veu ofrecer. Temos conciencia clara de que Deus, Xesús, está así en favor da vida de todos, pero maiormente de quen máis a necesite? Nas nosas comunidades cristiás prolongamos estas mesmas intencións de Xesús, de xeito que delas poidamos dicir todos, todas, as de dentro e as de fóra: a comunidade cristiá está aquí para que a xente teña vida e a teña de abondo? Pararnos nisto, examinarnos nisto, xa podería chegar para o noso aproveitamento da Palabra de Deus no día de hoxe.

01 maio, 2014

A mirada de Ángel (Diario da nai dun neno con autismo)


Hoxe cumpriu 29 anos Ángel. El é o protagonista do libro “La mirada de Ángel” escrito por miña irmá María Luisa.

O libro saíu o pasado luns e xa o tiña encargado. O martes á tardiña tíñao nas miñas mans. Cheguei tarde á casa e despois de cear, Isabel e máis eu puxémonos a lelo comunitariamente e non fomos quén de apartar a vista das súas páxinas, que ás veces case non viamos polas bágoas e emocións que encollían o corazón.Rematamos a lectura xa pasadas as tres e media da madrugada.

4 de maio de 2014: Domingo 3 de Pascua (A)


Evanxeo: Lc 24, 13-35

Comentario:

O relato do evanxeo de hoxe é especialmente fermoso no seu desenvolvemento, e especialmente suxestivo no que nos propón para o crecemento da nosa fe. Debuxa graficamente o recorrido cara á fe en Xesús resucitado das primeiras persoas e comunidades cristiás, e debuxa tamén o recorrido cara á fe das persoas que hoxe queremos seguilo en comunidade. Todo o relato ten un aire de celebración eucarística, como se fose o modelo de referencia a partir do cal se fose elaborando máis tarde, pouco a pouco, o contido das nosas celebracións eucarísticas. Cantas veces falamos, e mesmo discutimos, do que han ser ou non han ser as nosas celebracións da Misa! Cantas veces se queixan os nenos/as e adolescentes, nos queixamos case todos do aburridas que son as nosas Eucaristías! Ollemos con calma para este relato-celebración; seguro que aprenderemos moitas cousas.