28 xaneiro, 2021

Tempo Ordinario: 4ª semana



31 de xaneiro: Domingo 4º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Deut 18, 15-20. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9
2ª lectura: 1 Cor 7, 32-35

Evanxeo: Mc 1, 21-28

Un día Xesús e máis os seus discípulos foron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga. Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:

—¿Qué temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti; ti es o Santo de Deus.

Xesús mandoulle:

—Cala e bótate fóra dese home.

O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados e discutían entre si, dicindo:

—¿Qué é isto? Unha nova doutrina e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos e eles obedéceno.

E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

21 xaneiro, 2021

Tempo Ordinario: 3ª semana

 


24 de xaneiro: Domingo 3º do Tempo Ordinario 

1ª lectura: Xon 3, 1-5. 10. Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9 
2ª lectura: 1 Cor 7, 29-31 

Evanxeo: Mc 1, 14-20 

Cando prenderon a Xoán marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo: 

—O tempo está cumprido e chega o reino de Deus; convertédevos e crede no Evanxeo. 

Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e máis a André, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús: 

—Vinde comigo e fareivos pescadores de persoas. 

Eles deixaron de contado as redes e seguírono. 

Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e máis a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros e marcharon con el.

16 xaneiro, 2021

Fratelli tutti: oración 2 capítulo

 


PREGARIA 
(Capítulo 2 da encíclica)

Un estraño no camiño
 
Manuel Regal Ledo

Xesús,
irmán maior e mestre,
canto desexo deixarme coller todo/a enteiro/a
pola túa persoa,
polos teus feitos de vida,
pola túa palabra sinxela e directa,
crítica e alentadora!

Cólleme da man e lévame
ata o mesmo corazón de Deus,
alí onde todo amor
ten a súa fonte e clarificación,
para aprender a amar e servir,
como a Deus lle acae,
como ti mesmo, Xesús, nos aprendiches.

Que ao teu carón, Xesús,
seguindo as túas pegadas de bo samaritano,
entenda que servir a xente,
sobre todo a máis desvalida,
é o máis principal acto de culto ao noso Deus querido.

E que, superando toda indiferenza,
o meu corazón se acenda,
as miñas mans se multipliquen,
os meus gustos e intereses se dilúan,
ata que ninguén xaza mallado nas cunetas da vida.

Que a túa intelixencia amorosa
me axude a comprender
os complexos males que poden aflixir a xente.
Que saiba amar, acompañar, servir
ata o extremo,
coma ti.

Contigo, Xesús,
que acerte a combinar,
sen ningún tipo de trampas,
os coidados tenros dados á persoa concreta
coa atinada organización política e social de todo tipo.

Que bo, Xesús,
saberme persoa asaltada na ruta da vida,
e atendida por ti mesmo e por tantos samaritanos/as que me acompañan!
Que bo, Xesús,
saberme samaritano, samaritana,
para atenderte cando es ti mesmo o que xaces mallado
nas vidas desfeitas de quen sofre abusos e exclusións!



14 xaneiro, 2021

Tempo Ordinario: 2ª semana

  


17 de xaneiro: Domingo 2º do Tempo Ordinario 

1ª lectura: 1 Sam 3, 3b-10. 19. Salmo: 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10 
2ª lectura: 1 Cor 6, 13c-15a. 17-20 

Evanxeo: Xn 1, 35-42 

Nunha ocasión estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que ía camiñando, dixo: 

—Velaquí o año de Deus. 

Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles: 

—¿Qué buscades? 

Eles respondéronlle: 

—Rabbí (que quer dicir “Mestre”), ¿onde paras? 

El díxolles: 

—Vide e veredes. 

E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille: 

—Encontramos o Mesías (que quere dicir “Cristo”). 

E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús: 

—Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).

07 xaneiro, 2021

Tempo Ordinario: 1ª semana



TEMPO ORDINARIO 


O primeiro domingo do Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da vida de Xesús. 

Pero iso non quere dicir que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas súas grandezas e miserias. 

E a carón noso, vai sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente. 

Para que poidamos gozar e aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de Marcos. 

Así as nosas vidas pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo. 

Que o saibamos aproveitar con humildade e valentía. 

01 xaneiro, 2021

Tempo de Nadal: 2ª semana

 


 3 de xaneiro: Domingo 2º despois do Nadal 

1ª lectura: Eclo 24, 1-4. 12-16. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20 
2ª lectura: Ef 1, 3-6. 15-18 

Evanxeo: Xn 1, 1-18 ou máis breve: Xn 1, 1-5. 9-14 

No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus. Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado. A Palabra era a verdadeira luz que aluma a todo ser humano que vén a este mundo. 

Ela estaba no mundo e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron –aos que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus. 

E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade. 

Fratelli tutti: capítulo segundo

 



CAPÍTULO SEGUNDO

(tradución de Nuria Núñez)


Guía para a lectura por Pilar Wirtz Molezún

O Papa Francisco despois de analizar tendencias do mundo actual que non favorecen a fraternidade universal, e antes de concretar algunhas liñas de acción nos capítulos seguintes, trata de ofrecer "unha luz no medio do que estamos vivindo". Para isto, centra este segundo capítulo nunha parábola dita por Xesucristo hai dous mil anos: a parábola do bo samaritano. (56) 

Algunhas claves de lectura que nos ofrece Francisco: 

Ao confrontarnos coa presenza dunha persoa ferida desaparecen todas as diferenzas. Xa non hai distinción entre habitante de Xudea e habitante de Samaría, non hai sacerdote e comerciante. Simplemente hai dous tipos de persoas: as que se fan cargo da dor e as que pasan de largo.(70) 

As que pasan de largo na parábola son persoas relixiosas. Isto indica que o feito de crer en Deus e de adoralo non é garantía dun vivir como a Deus lle agrada. Ás veces quen di non crer pode vivir a vontade de Deus mellor que os crentes. (74) 

Todas as persoas gozamos dun espazo de corresponsabilidade capaz de iniciar e xerar novos procesos de transformación. Todas temos a oportunidade de manifestar a nosa esencia fraternal e ser unhas boas samaritanas. (77) 

Non debemos facelo soas. O samaritano buscou un hospedeino que puidera coidar daquel home na súa ausencia. Nós tamén estamos invitadas a convocar e encontrarnos nun nosoutros que sexa máis forte que a suma das pequenas individualidades. (78) 

Xesús propón esta parábola ante a pregunta do xurista: quen é o meu próximo? Naquela sociedade pensaban que este era só a persoa do mesmo grupo, da mesma raza. Xesús transforma completamente este plantexamento: invítanos a facernos próximos de todo ser humano que sofre, sen importarnos onde naceu ou de onde ven. (80) 

Para as persoas cristiás hai outra dimensión transcendente: recoñecer ao mesmo Cristo en cada irmán ou irmá abandonada ou excluída. A fe colma de motivacións o recoñecemento do outro, quen cre pode chegar a recoñecer que Deus ama a cada ser humano cun amor infinito.(85) 

Preguntas que nos ofrece o Papa para axudarnos a pensar e cambiar: 

Con que personaxe desta parábola te identificas máis? A cal deles te pareces? 

Todos e todas nós temos encontrado algún ferido no camiño: facemos de samaritano, de hospedeino, dos que miran para outro lado e pasan de largo. Qué aspectos recoñeces en ti de cada un deles? 

É a hora da verdade: en adiante, inclinarémonos para tocar e curar as feridas das outras persoas? Inclinarémonos para cargarnos ás costas unhas a outras?