15 marzo, 2023

Tempo de Coresma: 4ª semana


  
19 de marzo: Domingo 4º de Coresma

1ª lectura: 1Sam 16, 1b. 6-7. 10-13a. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
2ª lectura: Ef 5, 8-14.

Evanxeo: Xn 9, 1-41. (Breve: 9, 1. 6-9. 13-17. 34-38)

Unha vez, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
—Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir “enviado”).

El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
—Non é este o que estaba sentado a pedir?

Uns dicían:
—Éche o mesmo.

Outros:
—Non, é un que se lle asemella.

E el dicía:
—Son eu.

Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaron tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
—Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.

Algúns dos fariseos dicían:
—Este home non vén de Deus, que non garda o sábado.

Outros, en cambio, dicían:
—Como ía poder un home pecador facer estes sinais?

E había división entre eles.

Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
—A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?

El contestou:
—Que é un profeta.

Respondéronlle eles:
—Ti naciches todo metido en pecados e vasnos ensinar a nós?

E botárono fóra.

Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
—Cres ti no Fillo do Home?

El respondeulle:
—E quen é, Señor, para que crea nel?

Díxolle Xesús:
—Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.

El dixo:
—Creo, Señor.

E prostrouse diante del.

09 marzo, 2023

Tempo de Coresma: 3ª semana



12 de marzo: Domingo 3º de Coresma

1ª lectura: Éx 17, 3-7. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9.
2ª lectura: 5, 1-2. 5-8.

Evanxeo: Xn 4, 5-42 (breve: 4, 5-15. 19b-26. 39a. 40-42)

Nunha ocasión chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
—Dáme de beber.
(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida.)

Preguntoulle entón a muller samaritana:
—Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber?
(Porque os xudeus non se levan cos samaritanos.)

Respondeulle Xesús:
—Se coñeceses o don de Deus e quen che di “dáme de beber”, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

Replicoulle a muller:
—Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensar quitar esa auga viva? Seica es ti máis ca o noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mais o seu gando?

Xesús contestoulle:
—Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o q8ue beba da auga que eu lle darei nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

A muller suplicou:
—Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.

Vexo, Señor, que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.

Xesús díxolle:
—Faime caso, muller; chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora –e xa é agora—en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran o adoren en espírito e verdade.

Respondeu a muller:
—Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.

Díxolle Xesús:
—Son eu, o que está falando contigo.

Moitos samaritanos daquela vila creron nel. Por iso os samaritanos chegados onda el rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
—Xa non cremos polo que ti nos contaches; nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.

02 marzo, 2023

Tempo de Coresma: 2ª semana




5 de marzo: Domingo 2º de Coresma

1ª lectura: Xén 12, 1-4a. Salmo: 32, 4-5. 198-19. 20 e 22
2ª lectura 2Tim 1, 8b-10.

Evanxeo: Mt 17, 1-9

Unha vez Xesús levou consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sos a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol; e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto aparecéuselles Moisés e tamén Elías, que estaban falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
—“Señor, que bo sería ficamos aquí! Queres que faga aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías?”!

Aínda estaba el falando, cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e oíuse unha voz que dende a nube dicía:
—“Este é o meu Fillo benquerido, o que me comprace; escoitádeo.”

Ao escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:
—Erguédevos, non teñades medo!”

Levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.

Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
—“Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.”.