28 abril, 2013

Oración na enfermidade

Benqueridas compañeiras e compañeiros,

Como igual xa sabedes, hoxe pola tarde ingreso no hospital de Lugo para a operación dun cancro de colon, algo que neste último mes se me confirmou. Parece que a cousa está controlada, en principio, e todo apunta a que as cousas non se complicarán máis do normal.
 
     Eu estou en paz, con ánimo, con esperanza, aínda que é a primeira enfermidade que teño ao longo dos meus xa 66 anos de vida. Na casa, a miña muller Delia, a nosa filla María, e os demais familiares, estamos con bo ánimo, dispostos todas/todos a poñer de parte de cada unha todo o necesario para que todo saia ben.
 
     Como podedes supoñer, quero vivir todo isto coma unha persoa crente, coma un fillo de Deus Pai/Nai, coma un irmán menor de Xesús, coma unha persoa posuída polo Espírito de Deus, coma un membro da comunidade cristiá máis inmediata, dentro da que todas/todos vós tamén estades incluídos, e da comunidade cristiá grande.
 
     Sei que Deus está da miña parte, non lle temos que pedir que sexa benevolente comigo. Si que desexo --e pídovos que na vosa pregaria de comuñón así o expresedes diante de Deus— que este convencemento entre ben no meu interior, para sentirme en todo momento acollido, amparado, acompañado, amado, sostido, mimado incluso por Deus; porque esa de verdade é a realidade na miña, na nosa relación con el.
 
     Tamén desexo que por iso mesmo, pola presenza de Deus na miña vida e pola presenza do voso recordo e pregaria, non perda a paz, o ánimo, a esperanza; que poida vivir todo isto desde unha pacificación fonda que, coido eu, só Deus é capaz de ofrecer, aínda que para facelo se valla dos servizos humildes que todas/todos nós nos podemos ofrecer.
 
     Non quero afogarme na miña propia dor, na miña propia enfermidade. O meu non é nada, polo menos no que presenta, comparado coa dor doutras moitas persoas, infinitamente máis desamparadas en moitos sentidos. Espero e desexo que a miña enfermidade, aínda que me achique unha miguiña o corpo, me poida abrir o corazón, e, por contactos lóxicos e normais que irei tendo con outras persoas que compartirán habitación, hospital, problema e dor comigo, amplíe a tenda da miña vida para acoller nela a máis xente, a máis familia. Así, espero, a miña enfermidade mesmo será un paso adiante nese camiño lento cara á plenitude no amor á que Deus insistentemente me convoca, a min como a todas e todos vós.
 
     E tamén quero coidar o agradecemento. Xa puiden palpar a eficacia dun Servizo Galego da Saúde que atende convenientemente a enfermidade; e cantos millóns de persoas no mundo non poden dicir outro tanto! Non sei se palparei tamén as consecuencias dos recortes nos coidados da xente enferma. Sei que haberá moita xente da enfermería ao meu coidado, para que todo saia ben, e canta bendición de Deus hai nisto! E sei, xa o estou comprobando, que hai moita xente familiar, amiga e coñecida que se preocupa por min, que pregunta, que me chama, que me desexa moito ben. Seguro que vai ser un tempo durante o que con emoción experimentarei a proximidade de Deus, da xente, e terei que practicar moito o agradecemento e medrar, polo tanto, nese aspecto tan básico en calquera persoa humana, e tamén en min, que tanto debo a tanta xente, desde que nacín ata hoxe.
 
     E máis nada. Por mor da enfermidade, igual non podo participar nalgún dos encontros que tiñamos previsto. Que lle imos facer! Seguimos unidos/as no mesmo empeño humilde e agradecido de vivir, gozar e transparentar na nosa vida a bondade de Deus, a forte tenrura de Deus. Ánimo e adiante.

Oración

Eu, fráxil, enfermo, con cancro...,
coma un de tantos e tantas,
se cadra, coas mesmas ansias,
coas mesmas dores,
cos mesmos desesperos,
coas mesmas esperanzas.

Eu teño ao meu redor moita xente,
empezando pola Delia e a María,
próxima,
que me quere,
que me coida,
que me transmite a forza do amor,
que me abre a un mundo maior
do circunscrito polas catro paredes do meu ser,
que me permite saír de min mesmo,
do meu,
e facerme un
con todo o que é e vive e sofre e espera e goza no mundo.

Eu téñote a ti,
amándome,
sosténdome,
solidarizándote comigo,
meténdome no mundo das solidariedades,
para que non afogue nas miñas soas inquietudes,
para que as inquietudes doutras/doutros me liberen
e me abran a un espazo maior,
un espazo de vida,
un espazo de amor,
un espazo de comuñón.

No entanto,
día a día,
coma sempre,
eu invitado por ti a gozar a vida e a saúde,
a loitar a vida e a saúde,
sostido por ti para iso,
acompañado por ti para iso.
Grazas, meu Deus.

Que te sinta así,
ou como ti queiras estar comigo.
Que sexas ti quen leve a iniciativa.
Lévame por onde queiras,
como queiras,
ata onde queiras.
E eu sempre da túa man,
sempre,
eternamente.
Grazas.
 

26 abril, 2013

28 de abril: Domingo V de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 13, 31-33ª. 34-35

Comentario

De novo estamos ante un texto do evanxelista Xoán; neste caso collido do comezo da longa conversa, que segundo este evanxelista, Xesús tivo coas persoas que o acompañaban coma discípulas e discípulos no transcurso da cea de despedida, a última cea, que Xesús celebrou con esas persoas. A esta conversa longa chámaselle con frecuencia o “testamento” de Xesús, testamento que hai que entender non en sentido xurídico, senón no sentido próximo e cordial, case íntimo, de quen, adiviñando próxima a súa morte, comparte coas persoas queridas que o rodean recordos e consellos, vivencias habidas e desexos de futuro.

18 abril, 2013

21 de abril: Domingo IV de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 10, 27-30

Comentario

O texto deste domingo, coma os dos domingos seguintes, é un texto breve. Poucas cousas, moi substanciais, que marcan fondamente a nosa identidade cristiá, ás que sería ben que lle fixésemos un oco no noso corazón, na nosa vida. Xesús aparece no evanxeo falándolles aos fariseos. É un recurso literario de Xoán. O evanxelista Xoán --e con el os grupos que o secundaron— despois da morte de Xesús, por sentilo vivo no medio da comunidade, empezaron a reflexionar, a orar, a vivir esa nova presenza de Xesús e a formulala con textos moi densos, coma este que hoxe se nos ofrece. Quen é Xesús para nós, quen pode ser para nós, como persoas e como comunidade cristiá? Quen é Xesús para nós nos tempos complexos que estamos vivindo?

10 abril, 2013

14 de abril: Domingo III de Pascua (C)


Evanxeo: Xoán 21, 1-19
 
Comentario
Nas celebracións eucarísticas destes domingos seguimos dándolle voltas, coa mente e co corazón, a relatos que nos sitúan ante a resurrección de Xesús e o seu significado para as nosas vidas e para as nosas comunidades cristiás. Xoán, coma os demais evanxelistas, traballa e ordena os datos que recibe da tradición para transmitir o que realmente quere transmitir, neste caso o alcance de ser membro dunha comunidade na que se cre que Xesús está vivo e que acompaña aos seus seguidores e seguidoras con familiaridade, forza e determinación. Neste caso, parece que o evanxelista Xoán optou por recompoñer e xuntar nun único relato de aparición o que eran dous relatos, un de pesca milagrosa e outro de comida en comunidade co Cristo resucitado.

02 abril, 2013

7 de abril: Domingo II de Pascua (C)


Evanxeo: Xn 20,19-31

Comentario

Os evanxeos, os textos bíblicos en xeral, das semanas que seguen á Pascua, axúdannos a ir remoendo, pouquiño a pouco, a densidade humana, espiritual que se realiza na resurrección de Xesús, para el mesmo e para os discípulos e discípulas que o seguían daquela e que o seguimos agora.