25 outubro, 2018

Tempo Ordinario: 30ª semana


28 de outubro: domingo 30 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 46-52

Nunha ocasión, cando Xesús saía de Iericó coas persoas que o seguían máis de cerca e outra moita xente, Bartimeo, o fillo de Timeo, un mendigo cego, estaba sentado a carón do camiño pedindo. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar:
--Xesús, Fillo de David, ten piedade de min!
Moitos mandábano calar, pero el berraba aínda máis alto:
--Fillo de David, ten piedade de min!
Xesús detívose e dixo:
--Chamádeo.
E chamaron polo cego, dicíndolle:
--Veña, érguete, que te chama!
El soltou o manto e foi dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
--¿Que queres que che faga?
O cego respondeu:
--Mestre, que volva ver.
Xesús díxolle:
--Anda, salvoute a túa fe.
E no instante comezou a ver e seguiuno polo camiño.

18 outubro, 2018

Tempo Ordinario (B): 29ª semana


21 de outubro: domingo 29ª do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 35-45

Nunha ocasión achegáronse a Xesús os fillos de Zebedeo, Santiago e máis Xoán, e dixéronlle:
--Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.
El preguntou:
--E logo, ¿qué é o que queredes que vos faga?
Contestáronlle:
--Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outra á túa esquerda.
Respondeulles Xesús:
--Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Sodes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber e de recibir o bautismo que eu teño que recibir?
Respondéronlle:
--Somos.
Xesús replicou:
--O cáliz que teño que beber si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda iso non depende de min o concedelo, senón que é para quen está reservado.
Ao escoitaren isto, os outros dez anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:
--Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así: quen queira ser imporante entre vós, que sexa o voso servidor, e quen queira ter o primeiro posto entre vós, que se faga escravo de todos; que o Fillo do Home non veu para ser servido, senón para servir e a entregar a súa vida en rescate por toda a xente.

14 outubro, 2018

Compartindo inquedanzas


Queridas compañeiras e compañeiros, amigas e amigos:

Logo vai facer un ano que asumín o traballo de ofrecer uns materiais ao redor do evanxeo de cada día. En concreto tratouse de ofrecer o texto do evanxeo, unha meditación ou comentario, unha pregaria e algunha suxestión cara á acción derivada dese mesmo evanxeo. Fun facendo ese traballo o mellor que souben e puiden. Alegroume ver que puido axudar algo a que algunhas persoas se vinculasen máis á persoa e á boa nova de Xesús. Houbo algunha xente que así mo transmitiu. Deus sexa bendito!

Logo se vai acabar o ciclo B e pasaremos ao ciclo C; isto para os domingos. Para o diario sabedes que hai dous ciclos para a primeira lectura, pero o evanxeo repítese ano tras ano.

Pois ben, pensando xa en empezar co ciclo C no comezo do Advento, gustaríame que, con toda liberdade, me dixésedes que vos pareceu este traballo, se vos valeu de algo, se se pode mellorar, e en que, que seguro que si, se cabería introducir algún outro tipo de material que eu non contemplase, se é moi longo, moi curto... Todo o que se vos veña á cabeza; despois xa veríamos, claro, que é o que se podería facer ou non, o que eu mesmo podería facer ou non.

Para facer esta avaliación do ata agora feito, podiamos ir peza por peza:
- Evanxeo, sobre todo con ese intento de buscar unha versión inclusiva de xénero.
- Na meditación que case sempre colleu máis o aire de pequeno comentario.
- Na oración, que recoñezo que era algo que saía máis de min e para min, e que igual sería ben facela pensando máis na xente, non sei.
- Na acción, onde é difícil suxerir cousas moi concretas, porque iso ten que ser cousa de cada quen; limiteime a abrir algún campo onde se podería facer algo en relación co Evanxeo.

Agradeceríavos que me mandásedes as vosas suxestións con tempo abondo para poder aproveitalas para o plan do traballo que empezará co Advento. (nota ao pé)

Tamén vos quero dicir que, aparte dos tres libros xa publicados en SEPT con materiais para os domingos e festas dos tres ciclos litúrxicos, teño unha “colección” nova dos tres ciclos, tamén con materiais diversos, que se foron publicando no blog da Escola de Espiritualidade. Eu téñoos completos e podería mandarvos este ano o correspondente ao ciclo C, que é o que toca. Pero igual sería multiplicar palabras. De calquera xeito, se alguén o quere ter, que mo diga e mándollo por correo electrónico.

Graciñas por adiantado. Que entre todas e todos sexamos capaces de ir facendo boa sementeira evanxélica nesta nosa Terra, e en calquera parte do mundo onde as tarefas nos leven. Apertas agarimosas.

Manuel Regal Ledo

NOTA: Aquelas suxestións ou observacións que querades aportar podedes facelo no apartado Publicar un comentario e que aparece ao pé desta publicación. Grazas


11 outubro, 2018

Tempo Ordinario: 28ª semana


14 de outubro: domingo 28 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 17-30

Nunha ocasión, cando Xesús ía poñerse en camiño, chegou un a correr, axeonllouse diante del e preguntoulle:
--Mestre bo, ¿qué teño que facer para acadar a vida eterna?
Xesús respondeulle:
--¿E por que dis que son bo? Ninguén é bo, fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non estafes, honra o teu pai e a túa nai.
El respondeu:
--Mestre, todas esas cousas gardeinas dende a miña mocidade.
Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:
--Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo. Despois ven e sígueme.
Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou desconsolado, pois tiña moitos bens.
Xesús, mirando todo arredor, díxolles ás persoas do seu grupo máis próximo:
--Que difícil lle vai ser á xente rica entrar no reino de Deus!
E as persoas que o acompañaban ficaron moi sorprendidas por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
--Fillos, fillas, que difícil é entrar no reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para unha persoa rica entrar no reino de Deus.
As persoas que o acompañaban, moi asombradas, comentaban entre si:
--Entón, ¿quen se vai poder salvar?
Xesús, mirando para elas fixamente, dixo:
--Si, para a xente é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus.
Colle Pedro e di:
--Pois nós deixámolo todo e seguímoste.
Dixo Xesús:
--Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa, ou irmáns ou irmás, ou nai ou pai, ou fillos e fillas, ou leiras por causa miña e polo Evanxeo, que non reciba agora cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nais e fillos, con persecucións, e no mundo futuro, a vida eterna.

05 outubro, 2018

Tempo Ordinario: 27ª semana


7 de outubro: domingo 27 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 2-16

Unha vez achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido a un home repudiar a muller. El replicoulles:
--¿Qué foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
--Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles Xesús:
--Tendo en conta a dureza do voso corazón escribiu Moisés para vós esa norma. Pero dende o principio da creación fíxoos home e muller. Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu, que non o separe o home.
Xa na casa, as persoas que acompañaban a Xesús volvéronlle a preguntar acerca disto. El díxolles:
--O que repudia a muller e casa con outra comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.