29 outubro, 2011

4 de decembro: Domingo II de Advento (B)

FOLLA SEMANAL

 
Por Manolo Regal Ledo

 
O EVANXEO DE CADA DOMINGO

 

Evanxeo: Mc 1,1-8
                                                               Comentario                                                             
  • Empeza o Evanxeo de Marcos. Empeza a narración da noticia feliz de Xesús de Nazaré. Non é calquera cousa o que poderemos contemplar, paso a paso, durante este ano litúrxico. Unha narración desde a fe e para a fe. Quedamos invitados/as a escoitar, acoller, agradecer, obedecer a boa nova de Xesús, Cristo de Deus.
  • Xoán Bautista aparece como profeta en tempos de crise social e espiritual, cando o pobo está desalentado. Unha situación distinta, pero, no fondo, moi próxima á nosa.
  • É importante pararnos ante os diversos cadros que se nos ofrecen como evocacións significativas neste relato curto e simple:
  • 1. A presenza de Xoán, e logo a de Xesús, está vinculada a unha historia de apostas por parte de Deus en favor da xente marxinal, que experimentara exilios, dominios, abusos, desalentos... Deus segue polo mesmo camiño. Xoán veno testemuñar.
  • 2. O deserto é un espazo físico e espiritual, onde a persoa humana experimenta a súa limitación a tope, e onde, misteriosamente, por graza e agarimo de Deus, se experimenta, se pode experimentar, a totalidade, a abundancia de Deus. É moi fondo iso de facer unha experiencia de deserto. Moi fondo, moi humanizador.
  • 3. En Xoán hai un afán de busca e de apertura ao don de Deus: é libre ante o ter, o comer; intenta que esa liberdade lle chegue ata o máis fondo do seu ser, alí onde o mal nos pode paralizar; comparte a súa busca con outras persoas. Contaxia a quen a el se achega.
  • 4. Admite os límites da súa busca; hai outros/as, hai Outro/a que o completa enormemente. Humildade a tope, verdade a tope, liberdade a tope. Os fondos camiños do Espírito desbórdannos sempre; só quen soña con isto, chegará á experiencia de fillo/a de Deus.
  • 5. O marco onde vivir todo isto non é o templo; de feito os que vivían onda o templo achéganse a este espazo profano de Xoán. O marco onde vivir todo isto é a comunidade cristiá implicada na familia, na asociación, no partido político, nos centos de relacións que compoñen a nosa vida diaria.
  • O que se nos propón é algo marabilloso: experimentar aí o gozo da Boa Nova de Xesús.
  
                                                                      Preces                                                                

PREPARADE O CAMIÑO DO SEÑOR
  • Que nos atrevamos a facer neste Advento unha experiencia de busca de Deus con humildade e total boa disposición. Oremos.
  • Que nos deixemos axudar por Xoán Bautista e polos homes e mulleres que nos tempos de hoxe nos falan de Deus desde a pobreza e a xustiza das súas vidas. Oremos.
  • Que escoitemos a súa voz na voz de quen traballa por facer máis digna a vida da xente marxinal. Oremos.
  • Que a nosa comunidade cristiá sexa un espazo que contaxie paixón por Deus e paixón pola xente. Oremos.
  • Que saibamos acoller e facer camiño cara ao Nadal coa xente parada, cos inmigrantes negros. Oremos.

                                                                       Pregaria                                                                 

Veña, imos onda Xoán,
o do vestido con pelos de camelo,
o do cinguideiro de coiro arredor do van ,
o dos saltóns e mel bravo,
o Xoán do deserto,
que namorou a Xesús
e a centos de veciños e veciñas súas.

Veña, imos onda Xoán,
espíndonos, baleirándonos, desapegándonos,
liberándonos,
co mínimo enriba,
co mínimo por fóra,
co mínimo por dentro.

Veña, imos onda Xoán,
confesar as nosas incoherencias
de xente cristiá de fachada e verniz,
de templo e andrómenas,
que non pasa nada malo!

Veña, imos onda Xoán,
dispostos/as a todo,
aos grandes soños,
aos grandes amores,
aos grandes pecados,
aos grandes perdóns.

Veña, imos onda Xoán,
o tolo do deserto,
con Xesús, coma Xesús,
que o de Deus non cadra
co noso afán de ben pensantes.

Veña, imos onda Xoán,
con total humildade,
fiadas/os de Deus,
que sabe da nosa pouquidade
e das maneiras de abrila ata o infinito
a carón da xente irmá.

Veña, imos onda Xoán.


                                                                     Signo                                                                         
  • Unha imaxe de deserto, que nos recorde a experiencia de Xoán e que nos provoque a actualizala nós nos tempos de hoxe. Podemos poñer esta imaxe no lugar onde fagamos oración, durante esta semana.
  • Unha serie de cousas materiais (comida, carteira, libros, roupas,…), apiladas a un lado no sitio onde fagamos oración esta semana.
  • O feito real de compartir: cartos, roupas, tempo, …, como maneira de espirse para que que a solidariedade de Deus nos faga felices.

Oración da mañá do 29 de outubro de 2011

Escola de Espiritualidade
29 de outubro do 2011
ORACIÓN DA MAÑÁ

Símbolos: Ramo de flores, casa, corpo, ...

Silencio
            Para descubrirnos en Deus con todo o que somos e temos, facendo corpo, alma, ser nel, facendo El corpo, alma, ser en nós. Xesto das mans sobre un mesmo, das mans dadas a quen nos rodee.

Cantiga
            Acharte presente na vida / fiarme de ti sen te ver,
            levar unha luz acendida / querer e deixarse querer.

Pregaria

DEUS PETA Á MIÑA PORTA


Coa súa humilde presenza
que sempre me descoloca.

Tentando chegar ben dentro,
alí onde a vida se xoga.

Coas mans cheíñas de dons
á espera de quen o acolla.

Non cansa, é persistente,
fiado en que eu responda.

Neste outono, neste día,
nesta mesmísima hora.

Cun petar respectuoso,
feito de múltiples cousas.

Na voz calada do libro
no que outras/os se me mostran.

Na palabra sabia ou non
de quen comenta e valora.

Na busca que nace en min,
no cruce da miña historia.

No traballo, na oración,
na tristura e máis na euforia.

No clamor do meu irmán
que non permite demora.

Na fame de quen non come,
na fartura de quen goza.

Nos berros dos/as  indignados/as
cansos/as de contos e trolas.

No silencio de quen vela
alí onde a vida agroma.

Nesta xuntanza de hoxe
humilde en xentes e formas.


Lectura do Evanxeo: Mt 18, 15-20
            Se teu irmán peca contra ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti como un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.
            Asegúrovos tamén que se dous de vós se poñen de cordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirana do meu Pai celestial. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio estou eu.

Acollida da palabra de Xesús. Silencio, oración, compartir. Noso Pai.

Traballo entre sesións: 29 de outubro-17 de decembro de 2011

PISTAS PARA O TRABALLO ENTRE SESIÓNS
(Primeira sesión: do 29 de outubro ao 17 de decembro)


Lecturas

GONZÁLEZ-CARVAJAL, L., Esta es nuestra fe. Teolofía para universitarios.
Sal Terrae, pxs. 163-169.

Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  • Por que non se pode vivir a fe en solitario?
  • Como responde a túa parroquia ou comunidade a esta esixencia comunitaria?
  • Como explicarías a relación entre Igrexa e Reino de Deu?
  • Que aspectos positivos e que deficiencias encontras na Igrexa actual?
  • Que podemos facer nós por unha Igrexa máis aberta ao Reino?
Tamén podes ler

GAUDIUM ET SPES (O gozo e a esperanza), constitución pastoral do Concilio Vaticano II, que trata sobre a Igrexa no mundo actual. Os nosos tempos xa non son os dos anos 60 do século pasado, datas do Concilio Vaticano II, pero este documento transmite unha maneira comprometida e cordial de sentirse e de facerse Igrexa no medio do mundo. Documento amplo, ás veces algo pesado, pero ben interesante.     

GAILLOT, J.,  GOMBAULT, A., Un catecismo con sabor a libertad, PPC, Madrid, 2011; especialmente o capítulo 5, pxs. 150-184. Como catecismo, pretende presentar en conxunto a fe cristiá, pero non tanto coma un compendio de verdades, senón coma unha maneira de estar hoxe e de actuar ante as diferentes realidades que van configurando a nosa existencia de cidadáns mundiais do século XXI. Simple e de fácil lectura.

Palabra de Deus

FEITOS DOS APÓSTOLOS           . Unha lectura continuada, meditada, crente deste libro do Novo Testamento pode axudar a devolvernos a admiración e a seducción por unha maneira viva de facer comunidade cristiá, de facer Igrexa.

CARTAS DE PAULO. En xeral todas as cartas de Paulo, o gran evanxelizador e promotor de comunidades cristiás, pódennos axudar a entender como se fai Igrexa diariamente, encarando todo tipo de dificultades, externas e internas. Se queres, podes facer unha lectura sistemática da primeira e da segunda Carta aos Corintios desde ese interese por descubrir con que vimbios vai tecendo Paulo o corpo eclesial.

EVANXEO DE MATEU, CAP. 18 e 23. O cap. 18 de Mateu é un capítulo cheo de resonancias comunitarias. Tamén o é, aínda que desde perspectivas moi distintas, o capítulo 23. Ler, meditar estes capítulos con vontade de conversión persoal e comunitaria, pode axudarnos moito.



Oración
            A lectura, a reflexión, o debate deben ir acompañadas da oración, para que poidamos realizar o que queremos: que se visibilice a través de nós, como individuos e como membros dunha comunidade cristiá, a presenza fresca, leda, liberadora, esixente, gratificante de Deus.
            Por se che pode axudar, ofrecémosche un posible esquema de oración.

Lugar e ambiente
            Coida o lugar e o ambiente de oración. Fóra ou dentro, paseando ou quieto, sentado ou de pé, como ti queiras. Pero coida elementos que ti vexas que che axudan e provocan ao encontro con Deus: algún obxecto, imaxe, foto, lugar da natureza...

Silencio
            Un momento de silencio, non para esquecer nada do da túa vida, senón para entrar con todo o que somos e temos na presenza de Deus. Ese Deus que nos envolve e posúe amorosamente. Ás veces cústanos facer silencio. Anímate, procura agrandar cada día os tempos deste silencio: 1 minuto, 2, 5, 10. Silencio gozado e vivido en Deus.

Loanza e agradecemento
            Loa e agradece a presenza de Deus en ti, noutras persoas, nas cousas da vida que che van sucedendo. Podes ir recordando esas cousas, feitos e persoas e loando a Deus ou agradecendo con fórmulas sinxelas: Alábote, Pai-Nai, por..., Agradézoche ... Podes cantar algo apropiado. Faino tranquilamente, deixando que o teu corazón se vaia enchoupando da loanza e agradecemento que Deus che merece e produce.

Lectura da Palabra de Deus
            Le un anaquiño dos dous capítulos do Evanxeo que se propoñen para ler, ou das cartas de Paulo aos Corintios. Acólleo. Vólveo ler. Repara primeiro no que Deus che ofrece, repara nas palabras, sentimentos, feitos de Xesús; tamén nas palabras, sentimentos, feitos das persoas que aparecen na escena.
            Acolle e agradece antes de nada o que esa Palabra de Deus che ofrece de don, de regalo, de promesa, de liberación. Déixate envolver niso.
            Xesús tamén te chama a colaborar coa súa tarefa. Pregúntate en que podes contribuír ti a que medre o ben de Xesús para a xente toda.
            Deixa que o teu corazón se volve a Xesús, se identifique con el, se una a el, na súa paixón por Deus e pola xente. Ábrete ao seu poder, ao seu Espírito, que é capaz de renovarte a fondo.

Noso Pai
            Reza o Noso Pai unida/o a Xesús, unida/o a todas as persoas crentes, unida/o á xente toda do mundo que precisa do regalo de Deus.

Remate
            Conclúe a túa oración cun canto de agradecemento que ti coñezas.

NOTAS:
1)      Repite, memoriza, escribe no teu Caderno de Oración aquilo especial que a oración de hoxe che regalou.
2)      Repara tamén no que máis che axudou hoxe a facer oración, no que máis che custou, para ir vendo dificultades e posibilidades e ilas traballando.

22 outubro, 2011

Xornada de portas abertas

Xa en pleno Advento, nos poñemos en contacto convosco para recordarvos que o próximo día da Escola, 17 de decembro, quedamos que era un día de “portas abertas”. Isto supón que podemos traer invitada a algunha persoa amiga ou coñecida que estea interesada en vivir un día a Escola desde dentro. Tamén invitamos ás persoas que pasaron pola Escola nestes anos.

Será un día no que seguiremos o plan normal. Empezaremos a mañá, ás 10:00, coa presentación e oración e logo Andrés centrara o tema:“Por unha igrexa aberta e actual”. Pola tarde, nós teremos os obradoiros coma sempre e ofreceremos para as persoas invitadas un espazo de encontro e diálogo con Andrés e Pilar. Terminaremos cunha celebración de Advento.

Desde o equipo estamos preparando con ilusión esta xornada, pero para organizala ben e poderlle dar a calidade e calidez que tanto nos gustaría, necesitamos da vosa colaboración. É importante que todos e todas nos sintamos “anfitrións” que informan e acollen con cordialidade á xente que ven por primeira vez ou a aquelas persoas que xa hai anos que deixaron a Escola.

Para esta organización, que como ben podedes comprender resulta un tanto incerta e complexa, é imprescindible que avisedes a Mª Carme Turnes, antes de 13 de decembro, a persoa ou persoas que traedes invitadas e se van comer na Casa de Exercicios.