28 novembro, 2021

Traballo entre sesións

 


(Segunda sesión: 18 de decembro 2021)

Deus crea por amor 


Lecturas:

TORRES QUEIRUGA, A., Recuperar a creación. Por unha relixión humanizadora. SEPT, 1996, Páxinas: 13-67.


Cuestións que poden ir orientando a lectura do texto:

1.- Que cousas da fe cres ( ou crías antes) que non es capaz de crer de verdade?

2.- A vida e a relixión: xuntas, afastadas, cómo inflúen entre si?

3.,- Examina as imaxes de Deus que tiveches ao longo da vida (ou tes agora).

4.- Como che soa a idea "creación"? Normal? Rara? Comparacións.

5.- Medo a Deus: Tivéchelo? Telo? Telo e non o recoñeces?

6.- Deus Pai/Nai: artificioso ou profundo?


Oración (suxestións para facer a oración na casa, en clave de "casa común")



1.- Busco un espazo e un momento tranquilo. Doume un tempo para a oración, 15-30´.

2.- Pode ser na casa ou fóra. Se é fóra, podo empezar por percibir a natureza que me rodea como formas da presenza de Deus. Emprego a natureza como maneira de tomar conciencia desa presenza. Se é na casa, podo empregar pequenos símbolos, que tamén serán da natureza ou froito da man creadora dos seres humanos, para meterme nesa presenza: unha veliña, unha planta, unha imaxe, rostros de xente marxinal, ...

3.- procedo a acender unha veliña. A luz, un símbolo da presenza e da acción de Deus. Fago o sinal da cruz lentamente sobre o meu corpo; Deus apaixonado por min.

4.- Meto en silencio o meu corpo, a miña mente, os meus sentimentos e emocións, o meu ser máis total, máis fondo, o meu inconsciente incluso, e seime así, todo en Deus. Recréome nisto.

5.- Repaso as cinco actitudes dunha espiritualidade de criatura: admiración, agradecemento, loanza, dispoñibilidade, confianza para cargar co peso, coa conflitividade e co gozo da casa común.

6. Podo ler o texto do evanxeo do día, relelo, deixarme ferir por el, centrarme naquela palabra ou palabras que máis me afectaron e en silencio deixar que entren en min.

7.- Remato dando grazas polo tempo vivido en oración e repasando brevemente as cinco actitudes anteriores, para que tamén me acompañen en todos os momentos do día.


1º Encontro Escola de Espiritualidade curso 2021 / 2022

 

A humilde grandeza de sermos e facérmonos criaturas


Símbolo: Calquera criatura que vemos ou recordamos.

Canto e pregaria:
CON TODAS AS CRIATURAS
ENTOEMOS A CANCIÓN
QUE DÍA E NOITE PROCLAMA
A GLORIA DO CREADOR.

CANTO O SOL
CANTO O MAR
CANTA TODO
CANTO HAI  (2)
Que grande te nos mostras, Deus, Fonte de Vida,
no cosmos, na natureza saída das túas mans!

Que singular e creativo te apareces
en cada home ou muller, sempre orixinal, nunca repetible! 

Que fermoso e singular te presentas en cada animaliño
dos millóns de especies que poboan o noso mundo!

Que íntimo e familiar te nos ofreces
acompañándonos coma un amigo fiel que nos comprende sempre!

Que misteriosamente próximo te presentas
no teu fillo Xesús, un de tantos, un excepcionalmente teui!

Que grande es no Espírito co que nos agasallas,
para afirmarnos en ti, para sermos creadoras contigo, na dor e na ledicia!

Que sinxelo e marabilloso te nos fas
en quen aprendeu de ti a honra de convivir coa xente pequena!

Que marxinal e esixente te nos amosas
na metade dos seres humanos que escasamente son!

Meu Deus, admírote e adórote en todas as criaturas,
nelas agradézote e entrégome a ti.

Silencio: para a admiración, o agradecemento, a adoración, a dispoñibilidade.

Memoria solidaria: Deus convócanos con el á solidariedade

Evanxeo: Mc 12, 43-44

Xesús chamou os seus discípulos e díxolles: "Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis que os ricos todos. Pois eles botaron do que lles sobraba, pero ela, na súa pobreza, botou o que tiña para vivir".

Cantiga:
MIRA, MEU DEUS, AQUÍ ESTOU PARA QUERERTE,
ESTAS MANS, ESTAS MANS PARA SERVIRTE
EN QUEN MÁIS PRECISA DELAS.
Noso Pai, Nai, en quen somos e existimos...

Bendición final: Acollemos a bendición de Deus bicando algunha criatura, que pode ser calquera das innumerables cousas que nos rodean.


25 novembro, 2021

Tempo de Advento: 1ª semana



ADVENTO

Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.

Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.

Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.

O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.


28 de novembro: domingo 1º de Advento

1ª lectura: Xer 33, 14-16. Sal 24
2ª lectura: iTes 3, 12—4,2.

Evanxeo: Lc 21, 25-28.34-36

Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.

Andade con coidado, non sexa que se vos atorde o corazón coa bebida, os vicios e as preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os habitantes da terra. Vós vixiade sempre e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir e mantervos en pé diante do Fillo do Home.

17 novembro, 2021

Tempo Ordinario (B): 34ª semana



21 de novembro: Domingo 34º do Tempo Ordinario, festa de Cristo Rei

1ª lectura: Dn 7, 13-14. Salmo. 92, 1ab. 1c-2. 5
2ª lectura: Ap 1, 5-8

Evanxeo: Xn 18, 33b-37

Naquel tempo díxolle Pilato a Xesús:

—¿Es ti o rei dos xudeus?

Xesús respondeu:

—¿Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?

Pilato replicou:

¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿Qué fixeches?

Xesús contestoulle:

—O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.

Díxolle entón Pilato:

—¿Logo ti es rei?

Xesús respondeu:

—Tal como o estás dicindo, eu son rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

10 novembro, 2021

Tempo Ordinario (B): 33ª semana



14 de novembro: Domingo 33º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Dn 12, 1-3. Salmo: 15, 5 e 8. 9-10. 11
2ª lectura: Heb 10, 11-14. 18

Evanxeo: Mc 13, 24-32

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Naqueles días, pasada xa aquela grande angustia, o sol ha escurecer, a lúa deixará de alumar, as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. Entón verán vir o Fillo do home sobre as nubes con gran poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.

Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.

En cando ao día e máis a hora no que isto vai acontecer, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente.

03 novembro, 2021

Tempo Ordinario: 32ª semana



7 de novembro: Domingo 32º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 1 Re 17, 10-16. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10
2ª lectura: Heb 9, 24-28

Evanxeo: Mc 12, 38-44

Nunha ocasión Xesús ensinaba a xente dicíndolles:

—Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e máis nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.

Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto.

E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos e díxolles:

—Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza botou todo canto tiña para vivir.