29 abril, 2020

Tempo de Pascua: 4ª semana




3 de maio: domingo 4º de Pascua

Evanxeo: Xn 10, 1-10
   Nunha ocasión dixo Xesús:
   —Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
   Díxolles Xesús esta alegoría, mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
   —Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.

26 abril, 2020

Publicación en aberto do nº 217 da revista Encrucillada


A Asociación Encrucillada, entre outras actividades como a Escola de Espiritualidade, publica a revista Encrucillada.

Coa crise da covid-19, en Encrucillada quedamos sen imprenta pero iso non vai facer que deixemos de editar a nosa revista, que leva máis de 40 anos saíndo á rúa sen interrupción. Este número 217 marzo-abril 2020), está dedicado á Educación afectivo-sexual.


Dada a situación, todos os artigos quedan abertos e pódese regalar ou difundir este número da revista ás persoas ou medios a quen penses que lles pode interesar o seu contido ou algunha das súas partes. 
nº 217 marzo-abril 2020

O próximo número: 218 maio-xuño 2020 A Eutanasia

Se estás interesado/a en te subscribir podes consultar as distintas modalidades: subscrición Recibirías os números publicados neste ano.




22 abril, 2020

Tempo de Pascua (A): 3ª semana



  
26 de abril: domingo 3º de Pascua

Evanxeo: Lc 24, 13-35
   Aquel mesmo día dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
   —¿De que ides falando polo camiño?
   Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
   —¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
   El preguntou:
   —¿De que, logo?
   Eles contestaron:
   —Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron a morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel, pero xa van alá tres días dende que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro e atopárono todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
   Entón díxolles:
   —Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
   E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
   Ao entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
   —Queda connosco, porque se fai tarde e a noite bótase enriba.
   Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono, pero el desapareceu. E dixeron:
   —¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño interpretándonos as Escrituras?
   E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
   —É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
   Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan.

15 abril, 2020

Tempo de Pascua: 2ª semana




 19 de abril: domingo 2º de Pascua

Evanxeo: Xn 20, 19-31
Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
—Paz convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. E díxolles outra vez:
—Paz convosco. Como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E, dito isto, alentou sobre eles e díxolles:
—Recibide o Espírito Santo. A quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé un dos doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
—Vimos o Señor.
Pero el contestoulles:
—Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro dos discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
—Meu Señor e meu Deus.
Xesús díxolle:
—Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!

08 abril, 2020

Tempo de Pascua



TEMPO DE PASCUA


Empezamos o tempo de Pascua, que desde a celebración da Vixilia Pascual nos vai levar durante seis semanas á solemnidade da Ascensión, logo á de Pentecoste, na que celebraremos a presenza do Espírito Santo nas nosas vidas cristiás, na vida de todas as persoas e realidades que hai no mundo.
Durante a oitava de Pascua o Evanxeo de cada día permite aproximarnos á experiencia daquelas persoas que dun xeito sorprendente tiveron a experiencia de que Cristo estaba vivo no medio delas, no medio da comunidade, no medio do mundo. Morrera, pero a morte non lle arrebatara a capacidade de estar no medio dos seus –todo o mundo é seu--, iso si, dunha forma nova, que se percibe cunha sensibilidade nova.
Durante o tempo da Pascua invitarásenos a realizar nos mesmos esa experiencia de encontro con Cristo resucitado; cousa que non é cuestión de ningún tipo de maxia, senón cuestión de estar moi atentas/os á vida de cada día, pois é na vida de cada día onde Xesús se nos amosará a través de pequenos sinais que falan del, que nolo fan presente. Por exemplo, se eu levo tempo sen lle falar a unha persoa veciña, percibo que iso é un atranco para a nosa felicidade, e me dispoño a retomar esa relación, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min, ou eu nel. Ou se estaba deixando de participar en algo comunitario, e vexo que non podo deixar de lado os intereses comunitarios, e me dispoño a volver a botar unha man, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min ou eu en Xesús.
A Pascua é un clamor de vida, un clamor pola vida. A nosa Pascua sempre será unha Pascua parcial, en camiño. Pero é Pascua, porque é gustar xa o fermoso que é vivir, o fermoso que é compartir vida, o fermoso que é traballar para que a vida o envolva todo: natureza, animais, xente. A Pascua realízase sobre todo cando todo o máis fráxil da natureza, dos animais, das persoas, por fóra ou por dentro, é especialmente atendido, e recupera o gozo de vivir e de celebrar a vida. No nome do Deus da vida, que para a vida nos creou e para a vida nos recompuxo en Cristo Xesús.

Celebración Sábado Santo


 
Manuel Regal Ledo


CELEBRACIÓN DA MORTE E RESURRECCIÓN DE XESÚS
(do Domingo de Ramos á Pascua nunha soa celebración)


Proposta de celebración da morte e resurrección de Xesús nunha única celebración, que permita facer memoria comunitaria do vivido por Xesús desde a súa entrada triunfal en Xerusalén ata a súa resurrección.
A xente debería ser coñecedora con anterioridade ao día de hoxe do que se vai celebrar, e invítaselle a que traia ramo, vela, auga, cousas que van ter un uso tan particular nesta celebración.
Pensamos que o mellor criterio é seguir os acontecementos tal como a liturxia oficial da Igrexa os vai propoñendo día tras día durante a Semana Santa.
Empezaríase presentando a celebración, o porqué da mesma, o seu recorrido, as súas partes, invitando a acompañar a Xesús neses momentos tan significativos da súa vida, deixándonos coller polo que Xesús nos dá, polas cousas da vida ás que Xesús nos invita.
Debería haber un monitor que vaia conducindo a celebración, dándolle secuencia e unidade.

1.- Bendición dos ramos
(Pequena introdución do monitor, situando o momento histórico daquel suceso e o seu significado. Nós imos revivir aquela circunstancia da vida de Xesús)
Queridos veciños e veciñas: empezamos esta celebración, na que acompañaremos co corpo e coa alma a Xesús de Nazaré, o noso Irmán maior e mestre, naquela semana intensa que el viviu desde a entrada en Xerusalén seguido por moita xente que o aclamaba cos seus ramallos, ata a súa morte e resurrección, ata a súa Pascua. Invítovos a acompañar a Xesús abrindo o noso corazón a todo o que Xesús nos quixo ofrecer coa súa maneira de lle dar cara a todo o que tivo que vivir. Aquí hai moita vida e bendición de Deus para todos nós.

Celebración Venres Santo


Manuel Regal Ledo


CELEBRACIÓN DA PAIXÓN E MORTE DO NOSO SEÑOR XESUS CRISTO
(Posible material para unha celebración do Venres Santo en ausencia do cura)

Empezamos presentando as catro partes das que se compón a celebración de hoxe, despois da introdución: Liturxia da Palabra, Pregaria universal, Adoración da Santa Cruz e Comuñón.


0.-Introdución
Recollémonos en comunidade, diante de Deus, diante de Xesús morto na cruz. A morte sempre é algo digno de moito respecto, de agarimo, de agradecemento; a morte de Xesús tamén o é, e dunha maneira moi excepcional: Xesús, o fillo de Deus, sempre buscando servir e agradar a Deus, sempre buscando servir e agradar á xente máis débil, máis marxinada, máis pecadora…, Houbo xente que quixo acabar con el e coas súas ideas, e co seu estilo de vida tan de irmán. Matárono, e hai nisto un misterio grande de maldade que nos envolve a todos e todas, pero sabemos que Deus recolleuno na súa vida para sempre, e hai aquí tamén un misterio grande de vida e de salvación que a todos e todas nos alcanza..
Poñémonos diante da cruz, diante do Cristo crucificado, que hoxe ademais tamén representa a toda a xente inocente do mundo que sofre abusos e morte por parte dos poderosos.  Oramos en silencio.

06 abril, 2020

Xoves Santo


Oración da noite, acompañando a Xesús

Signos:

Os da Última Cea: un mantel, un pan, unha xerra das de viño, unha toalla, unha almofía (palangana), un mandil.

Breve explicación do que imos facer:
Coméntanse os signos, que nos recordan a Última Cea e os signos que Xesús fixo nela. Queremos acompañar a Xesús, como un amigo/a acompaña a un amigo/a cando o ve pasando por unha situación tensa. Acompañar, para deixarnos arrastrar por el nas súas opcións de vida, no seu estilo de vida, na súa decisión firme de chegar ata a morte, se fixese falla, antes de renunciar a ser persoa de amor e de servizo. Entrar no mundo de sentimentos de Xesús, asociarnos a el, deixarlle a el que conmova a nosa existencia toda. Imos facer iso parándonos en cinco momentos especiais que Xesús viviu con especial intensidade, antes, durante e despois da Última Cea.

Xoves Santo




Deixarse lavar os pés



"Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
   - Señor, vasme lavar os pés ti a min?
Xesús respondeulle:
   - O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
   - Ti non me lavaras os pés a min endexamais". (Xn 15,6-8a).
  • Deixarte lavar os pés por Xesús, pola xente, é deixarte aloumiñar e querer por Deus, pola xente.
  • Deixarte lavar os pés é deixarte coidar por Deus, pola xente.
  • Deixarte lavar os pés é ter conciencia da túa sucidade, do teu pecado, da túa debilidade.
  • Deixarte lavar os pés é aceptar agradecido/a as críticas e correccións dos demais.
  • Deixarte lavar os pés é querer medrar no ben, na bondade, na liberdade.
  • Deixarte lavar os pés é aceptar que todos/as precisamos de todos/as.
  • Deixarte lavar os pés é participar na alegría da xente pobre e débil.
  • Deixarte lavar os pés é gozar sentíndote digna/o da atención dos demais.
  • Deixarte lavar os pés é entender que o mellor da vida é o servizo.
  • Deixarte lavar os pés é tomar conciencia, con humildade, da propia dignidade.
  • Deixarte lavar os pés é ver o moito que vales aos ollos de Deus e da xente.
  • Deixarte lavar os pés é admitir a irmandade como sistema de vida.
  • Deixarte lavar os pés é dar e recibir confianza.
  • Deixarte lavar os pés é admitir que somos familia, comunidade.
  • Deixarte lavar os pés é vivir en constante agradecemento.
  • Deixarte lavar os pés é algo revolucionario.
  • Deixarte lavar os pés é o primeiro mandamento dunha relación sá con Deus.
  • Deixarte lavar os pés é máis difícil que lavarlle os pés á demais xente.

"Xesús respondeulle:
   - Se non te lavo, non terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
   - Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza" (Xn 13, 8b-9).


Manuel Regal Ledo



Xoves Santo



Lavar os pés





"Logo, se eu o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros" (Xn 13,14).

  • Lavar os pés é amar o veciño, a veciña.
  • Lavar os pés é acoller e respectar, coa palabra, cos feitos.
  • Lavar os pés é pensar nos demais con ideas de ben.
  • Lavar os pés é comprender e perdoar.
  • Lavar os pés é facer nosas as penas e bágoas da xente que nos rodea.
  • Lavar os pés é servir, axudar, colaborar.
  • Lavar os pés é dar do que é dun para que medre o que é común.
  • Lavar os pés é visitar o obsequiar o veciño, a veciña.
  • Lavar os pés é xuntarse, unirse, organizarse, asociarse, para solucionar mellor os problemas do pobo.
  • Lavar os pés é falar, compartir as ideas, a vida, os traballos, as ilusións.
  • Lavar os pés é dar da propia alegría para que medre a alegría de todos e todas.
  • Lavar os pés é renunciar á propia comodidade para aliviar o cansazo alleo.
  • Lavar os pés é coñecer e recordar os nomes da xente e envolver no amor os seus pasos todos.
  • Lavar os pés é gravar a vida do irmán ou irmá no propio corazón.
  • Lavar os pés é dicirlle a quen nos acompaña: quérote, quérote ata a fin.
  • Lavar os pés é inclinarse humilde e reverente ante a súa sucidade e, sen máis, simplemente, lavarlle os pés.

"Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós" (Xn 13, 15).


Manuel Regal Ledo