31 marzo, 2014

6 de abril: Domingo 5 de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 11, 1-45

Comentario:

Antes de nada, empecemos reparando na humanidade de Xesús que se deixa ver neste relato evanxélico: había un home, Lázaro, a quen Xesús quería moito; tamén lles quería moito ás súas irmás, Marta e María; ía visitalos, comía con eles tres, conversaba con elas; cando soubo da morte de Lázaro sentiuno moito, saloucaba, chorou por el, ... Un Xesús normalmente humano, que vivía e sentía as cousas da vida como nós as podemos sentir, e seguro que con moita máis fondura. Este é Xesús, o noso Xesús, o teu Xesús, o meu Xesús, que, na fe, quere establecer con todos e cada un, cada unha, de nós unha relación íntima, unha relación de amigo, para desde aí abrirnos o seu corazón e compartir connosco toda a vida que levaba dentro de si, que era moita. Nunca valoraremos abondo os feitos de trato e consideración coa xente, de convivencia cálida cos veciños e veciñas, con amigos e amigas. Neses intercambios normais da vida de cada día está fluíndo entre nós a graza e a bendición de Deus.

27 marzo, 2014

Celebración Penitencial de Coresma




TRES TEMPOS: oración / xaxún / esmola

Entrada: 
Breve explicación do que imos facer: acollernos ao perdón de Deus, porque o necesitamos para reparar as nosas vidas, para enganchalas máis a Xesús e ao seu estilo de vida, para alentarnos no momento presente, no que Deus, a comunidade cristiá, espera moito de nós. Facémolo en comunidade, porque somos comunidade, somos pobo, somos solidariedade, amor en activo, en práctica, en experiencia diaria. A celebración penitencial ímola facer seguindo os tres elementos que a tradición eclesial nos ofrece ao comezo da Coresma para renovar as nosas vidas: pregaria, xaxún, esmola, adaptándoas, iso si, ao contexto actual, para que realmente poidan axudarnos á conversión no momento presente.

Do 15 de marzo ao 10 de maio de 2014



Lecturas:





JOSÉ LUIS SICRE, 

Introducción al Antiguo Testamento
Verbo Divino, Estella (Navarra)


Tema V: LOS LIBROS SAPIENCIALES Y POÉTICOS










JOSÉ MARÍA MARDONES, 

Matar a nuestros dioses. Un Dios para un creyente adulto. 

PPC, Madrid.






Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:


1.- Que se entende por "teoloxía deuteronómica"? Desapareceu ou continúa presente?

2.- Que che parece o modo de pensar e vivir a vida que ten o Qohelet?

3.- Discute un pouco cos amigos de Xob: non hai moita xente que pensa coma eles?

4.- Revelación e sabedoría da vida: de verdade anda Deus entre os pucheiros?

5.- Os Salmos como oración: fala Deus? Falamos nós?


6.- Que salmo ou salmos che gustan máis? Como che inflúen?


Oración para acompañar a lectura e o estudo:


Grazas, meu Deus, porque non es un Deus calado e ensimismado. Grazas porque che gusta contarte, para que todos, todas, gocemos de ti e do teu proxecto solidario. Grazas polas persoas que co seu traballo, co seu estudo, cos seus escritos, sobre todo coa súa solidariedade amante, persoal e social, nos falan de ti con verdade, afecto e atracción. Que nunca che pechemos as portas cando chamas. Que en todo momento nos atopes dispostos a escoitarte e a seguirte, en comunidade, arredor de Xesús, coma irmás e irmáns que camiñan facendo pobo, facendo comunidade, cara á plenitude, cando todos e todas sexamos unha en ti, tecidas/os polos fíos de amor cos que ti pacientemente vas tecendo as nosas vidas fráxiles. Amén.

26 marzo, 2014

4º Encontro do curso 2013 / 2014


Celebrando os beneficios de Deus

Signos:   os beneficios de Deus: froitos, móbil, un rostro amado, un rostro oprimido.


Canto:
XENTES TODAS, APLAUDIDE CON LEDICIA,
ACLAMADE  O SEÑOR EN MEDIO DE ATURUXOS.

3º Encontro do curso 2013 / 2014



Signos:   Sal e Luz


Salmo 83 : (versión oracional á luz do Evanxeo)

Señor, ti nunca estás calado,
nunca estás mudo e parado, meu Deus,
por moito que nolo poida parecer!

Do 8 de febreiro ao 15 de marzo de 2014



Lecturas:





JOSÉ LUIS SICRE, 

Introducción al Antiguo Testamento
Verbo Divino, Estella (Navarra)


Tema IV: LOS PROFETAS










JOSÉ MARÍA MARDONES, 

Matar a nuestros dioses. Un Dios para un creyente adulto. 

PPC, Madrid.






Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:


1.- Que pensabas que era un profeta?  Que pensas agora?

2.- Como lles "falaba" Deus aos Profetas?

3.- Que temas che parecen máis fundamentais nos anuncios proféticos?

4.- Que profeta ou que predicación profética é a que máis che gusta, impacta, sorprende?

5.- Facerse unha idea dos distintos tipos de profeta, e tamén da súa historia.

6.- Por que "calou" o profeta?


  
  
Non renuncies a ir lendo o libro de José María Mardones, e a comentalo tamén durante as sesións de traballo. O libro de José María Mardones é un libro póstumo, practicamente morreu ao pouco de acabar de escribilo. Editárono os seus compañeiros de comunidade. Fora Marista, pero con outro grupo de Maristas saíuse desa Orde e crearon unha asociación de vida relixiosa, que está asentada en España, en Sudamérica, e noutros países. Mardones era un gran estudoso, filósofo, teólogo, sociólogo, temas sobre os que escribiu varios e interesantes libros. Reflexionou moito e escribiu sobre a fe e a sociedade moderna, a participación política e a vida cristiá. Ao mesmo tempo, pouco a pouco foise facendo unha persoa de moi fonda oración, que tamén se dedicaba a acompañar a persoas e grupos en xornadas de iniciación e afondamento na oración. O libro forma parte dese material que el empregaba nesas catequeses grupais.       


# Cando vaias lendo estes dous libros, toma nota de todo o que non entendes, o que te sorprende, o que especialmente che gusta, tamén aquilo co que en principio non estás de acordo, para compartilo entre todos e todas. 

30 de marzo: Domingo 4 de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 9,1-41

Comentario:

Estamos ante un texto no que o evanxelista Xoán presenta unha catequese sobre Xesús coma luz das nosas vidas. É un evanxeo longo, pero precioso; paga a pena que busquemos tempo para lelo con calma, deixándonos enchoupar pola forza, pola vida que del deita. Incluso, podendo, estaría moi ben facer unha lectura dialogada, mesmo dramatizada, do mesmo; gañaría aínda máis en viveza e expresividade.

19 marzo, 2014

23 de marzo: Domingo 3 de Coresma (A)


Evanxeo: Xn 4, 5-42

Comentario:

Lemos hoxe o evanxeo chamado da Samaritana, porque narra un encontro de Xesús cunha muller de Samaria a carón dun pozo a onde Xesús, canso e sedento, se achegara para beber algo. Tradicionalmente foi un relato moi apreciado polas comunidades cristiás. Durante a Coresma, por exemplo, os catecúmenos (homes e mulleres adultas que se preparaban para o bautismo na noite de Pascua) ían recibindo catequeses sobre a presenza e significado de Xesús para as súas vidas. Neste Ciclo A, no que estamos, recupérase algo esa tradición, e durante estes tres domingos antes do domingo de Ramos, lemos os textos do evanxelista Xoán, que servían de base para esas catequeses: o evanxeo da Samaritana (Xesús coma auga que mata a sede das nosas vidas), o evanxeo do cego de nacemento (Xesús coma luz que alumea as nosas vidas) e o evanxeo de Lázaro (Xesús coma vida que nos colma de vida). Todos tres son relatos figurados, non exactamente históricos, construídos coma catequeses para explicar o significado que para as nosas vidas ten, pode ter, atoparnos con Xesús e deixarnos afectar e conmover por el.

12 marzo, 2014

16 de marzo: Domingo 2 de Coresma (A)


Evanxeo: Mt 17,1-9

Comentario:

Na Coresma estamos invitados/as a facer un camiño de acompañamento a Xesús nas súas opcións, nas súas experiencias de vida, no seu estilo de vida, que o foron levando cara a unha situación de conflito coas autoridades relixiosas e civís do seu tempo; e este conflito acabou na morte violenta de Xesús por parte desas autoridades: era evidente que Xesús molestaba para quen quería montar o seu poder sobre o abuso da xente, desinteresándose do respecto polas persoas, deixando de lado aos máis débiles, pobres e pecadores/as da sociedade. Xesús mantívose fiel, ata a morte; amou ata o extremo, non recuou, por fidelidade a Deus e por fidelidade ao pobo a quen Deus tanto amaba. E Deus sentiuse compracido nesta fidelidade de Xesús, aínda que non lle fixese ningunha graza a morte do seu Fillo, como non lle fai ningunha graza a morte, o encollemento, o desprezo de ningún dos seus fillos e fillas que somos nós.

04 marzo, 2014

9 de marzo: Domingo 1 de Coresma (A)


Evanxeo: Mt 4, 1-11

Comentario:

Empezamos un ano máis o tempo de Coresma. Preparámonos para a celebración da Pascua, que é a experiencia de sentir vivo a Xesús, dentro de cada un, cada unha de nós, dentro das nosas casas, dentro da comunidade cristiá, dentro deste mundo noso do que formamos parte. Preparámonos, polo tanto, para a ledicia de Pascua, porque sentir a Xesús vivo no medio de nós é unha alegría. A Coresma é así un tempo penitencial, pero un tempo, por iso mesmo, cargado de esperanza. Coresma non quere dicir tristura, amargura, aflición. Coresma quere dicir revisión da nosa traxectoria cristiá, persoal e comunitaria, para ver onde estamos pouco abertos/as ás chamadas que Deus nos fai desde o corazón da vida, para ver onde non estamos respondendo ao que Deus espera de nós, ao que esperan de nós as persoas que nos rodean, sobre todo as persoas máis necesitadas por seren pobres, marxinadas, pecadoras. Coresma quere dicir tamén abrir a nosa propia pobreza aos coidados de Deus e aos coidados da xente que nos rodea. E así, uns e outros, unhas e outras, medrar en fidelidade a Deus e medrar, por iso mesmo, en felicidade entre nós. A Coresma é a porta da Pascua, a porta da alegría.