25 decembro, 2019

Tempo de Nadal: 2ª semana




29 de decembro: domingo dentro da Oitava de Nadal. Festa da Sagrada Familia

Evanxeo: Mt 2,13-15. 19-23
Naquel tempo, cando os Magos se foron de onda o neno, un anxo do Señor apareceuse a Xosé en soños e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
Xosé ergueuse, colleu o neno e máis a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
“Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.”
En morrendo Herodes, o anxo do Señor apareceuse en soños a Xosé en Exipto e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.
Ergueuse Xosé e, collendo o neno e máis a nai, foise para a terra de Israel. Pero, ao saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, indo vivir a unha vila chamada Nazaré. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.

23 decembro, 2019

Tempo de Nadal: 1ª semana


Tempo de Nadal
  
Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor.
O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas.
O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol --que está na base da nosa festa do Nadal-- ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións.
Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia.  Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos.
O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos.

20 decembro, 2019

Felicitación do Nadal

Manuel Regal Ledo 

Non te coñezo, non sei
se es neniño ou neniña,
nin se é nai ou irmá
quen te coida e acariña.

Poida que, sen pai e nai,
sexa ela unha irmaíña,
coa que ti, malpocada,
sexas tamén nena orfiña.

Vexo, si, que es estranxeira,
inmigrante, miña almiña,
á intemperie coa xente:
qué casa a túa casiña!

De cartón todo arredor
nunha caixa metidiña,
sen lousado nin ventás
casa-cuna miudiña.

Tranquila, paciente estás
e seguro contentiña
con tan pouco como tés,
ai amor, miña xoíña!

Que olliños tan preciosos
nesa cara redondiña,
que falan tan sen falar,
e agardan respostas miñas.

Ollada limpa, esperta,
ollada doce, mansiña,
que me atrae, que me seduce,
que me fire, que me espiña.

Que queres que eu che faga,
meu amor, miña santiña,
se tes a cara de Deus
pedindo resposta axiña?

Se es o Cristo que naces
nun Belén sen figuriñas,
agardando os agasallos
que mereces, ai prendiña!

Entra no meu corazón,
entra na nosa cociña,
para ti faremos oco
e para a túa xentiña.

E non haberá estranxeira
á que lle peche a portiña,
sexa branca ou de cor,
farémola irmá e veciña.

Será túa a nosa casa,
túa a nosa carteiriña,
os nosos chuchos e soños,
o noso caldo e fariña.

O mundo será outro mundo
novo nas túas maoíñas,
que nos ofreces repletas
de carreiros e luciñas.

Grazas, meu corazón,
miña carrapucheiriña,
por nos mostrares a Deus:
preciosa flor entre espiñas!




Celebración do Advento 2019



PARA QUE NAZA ALGO NOVO
PARA QUE NAZA XESÚS


Introdución

O Advento é un tempo moi humano. Practicamente vivimos sempre con aires de Advento. Andamos envoltas en baleiros, carencias, desexos, soños, esperanzas. Tanto a nivel persoal, como familiar, como comunitario, como social. O mundo anda tolo, dicimos. E bendito quen ten o don de vivir no medio de soños e esperanzas! Deus provoca e sostén os nosos soños. Deus alimenta a nosa esperanza. Por iso estamos aquí. Por iso nos aventuramos a soñar co Nadal.
O que mellor pode simbolizar todo isto, dunha forma moi viva e real, é unha muller agardando o seu fillo ou filla. Un fillo ou filla non é algo que cae do ceo, nin sequera no caso de Xesús, o fillo de Santa María. O fillo ou filla é algo que ten que nacer de nós. Non vale aquí un fillo ou filla subrogada, ten que ser un fillo ou filla propia; nada do pracer e da dor, vividos ambos de forma compartida, comunitaria. Canta  necesidade dunha nova criatura temos cada un, cada unha de nós! Canta necesidade de algo novo  ten a Igrexa da que formamos parte, o mundo no que vivimos desde o espazo concreto de Galicia.
Neste Advento, unha vez máis, estamos todos, homes e mulleres, convocados ao embarazo e ao parto. Igual a risa asoma aos vosos labios. Tamén Sara, a de Abraham, se ría. Imos celebrar esta circunstancia tan transcendental da man de cinco mulleres bíblicas, que houberon de afrontar o reto de poder quedar embarazadas e dar a luz desde o reto da impotencia.
Son elas:
1.- Sara ou a risa desconfiada: Xén 17,15-19; 18,1-15.
2.- A muller anónima de Manoah ou a colaboración imprescindible: Xui 13.
3.- Ana, ou o clamor orante dunha muller aflixida: 1Sam 1,1—2,11.
4.- Sabela, a muller ocultada, regalada e empoderada: Lc 1, 5-25. 39-45. 57-80.
5.- María, a chea de graza dispoñible para Deus: Lc 1, 26-56. 2, 1-7.39-40.

19 decembro, 2019




(Terceira sesión: 18 de xaneiro de 2020)

Os sacramentos: celebración da graza libre de maxia.


Lecturas

Ø  TORRES QUEIRUGA, A., Os sacramentos hoxe: significado e vivencia (do material fotocopiado entregado pola Escola de Espiritualidade.)
Ø  PAPA FRANCISCO: Exhortación apostólica “A ledicia do Evanxeo” (Evangelii gaudium), Cap. 2º:  NA CRISE DO COMPROMISO COMUNITARIO (núm,s. 50-109).


Cuestións que poden axudar a túa lectura:

DE TORRES QUEIRUGA
1.-   Como che ensinaron que Deus actúa nos Sacramentos, e como pensas ti acerca diso?
2.-   Que cres que significa a expresión “ex opere operato”?
3.-   Se os Sacramentos non son un milagre invisible ou unha acción máxica, que eficacia poden ter?
4.-   Como entendes ti a acción de Deus e a acción humana nos Sacramentos?
5.-   Que experiencia tes ti da vida sacramental?


DO PAPA FRANCISCO:
1.-   Na primeira parte, nn.50-75, o Papa vai enumerando ata 7 desafíos do ambiente externo cos que se atopa hoxe a tarefa da Evanxelización. Compartes a análise que deles vai facendo o Papa?
2.-   Engadirías, desde a nosa condición de crentes galegos/as, situados nunha Terra cunha cultura, lingua, tradicións relixiosas propias, algún novo desafío?
3.-   Na segunda parte, núm,s 76-109, fala, en cambio, das tentacións máis ben internas dos homes e mulleres que traballan en Igrexa no espallamento do Evanxeo; fala tamén doutros sete desafíos ou riscos. Que che parecen? Veste identificado nalgún deles?
4.-   Pola nosa particular maneira de ser, pola forma en que se foi desenvolvendo entre nós o anuncio do Evanxeo, consideras que temos na Igrexa Galega algún desafío interno a maiores?
5.-   Vémonos afrontando sabiamente eses diferentes desafío externos ou internos, ou andamos perdid@s e desalentad@s?

18 decembro, 2019

Obradoiro de Espiritualidade 2



A IGREXA: CRISE E ESPERANZA

  
Núcleo vital 1º:
Discípulo/a misioneiro/a dunha Igrexa en saída, sen poder, ao servizo da xente empobrecida.

Textos bíblicos:
Mt 10, 1-15: tamén nós somos enviados/as.
Lc 15, 11-32: ante todo o esencial do Evanxeo.
Mc 10, 35-45: nunca unha Igrexa de poder.
Mt 13, 31-35: Igrexa fermento e gran de mostaza.

Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida
—Cando o Papa fala da “conversión pastoral” (nn. 25-33), ¿qué é o que máis che chamou a atención?
—¿Sénteste formando parte dunha Igrexa cerrada en si mesma, atenta á “simple administración”, ou dunha Igrexa en saída, misioneira? En que aspectos ves unha cousa ou outra?
—Formas parte seguramente dunha parroquia, ¿ten as trazas que o Papa Francisco lle gustaría ver nela (E.G., n.28). Se non é así, ¿cal é a túa actitude ante esa forma concreta de ser e facer Igrexa?
—A parroquia é un espazo onde se poder vivir a experiencia cristiá misioneira; pero pode haber outros lugares onde facelo. Coñeces algún deses lugares distintos? Pensaches en incorporarte a eles dalgunha maneira?

Tempo de oración
—Busca un tempo, un espazo axeitado.
—Toma conciencia de que estás na compaña de Deus, en Deus, con Xesús, no Espírito. Déixate recrear nisto.
—Retoma algún texto da Evangelii gaudium, que che chegou á alma, ou algunha das pasaxes evanxélicas que van ao comezo desta folla. Reléaas, medítaas, reza con elas, déixate conmover por elas.
—Na oración procura identificar as dificultades, medos, covardías que che impiden vivir o que na oración descobres. Desexa a forza do Espírito, ábrete a ela, acóllea. Non te negues a Deus.
—Remata cantando algo, rezando o Noso Pai.

2º Encontro 2019 / 2020




Seguimos orando con dous salmos de “subida” ou peregrinación, neste noso camiño de Advento, no que aventuramos soños persoais, colectivos, eclesiais.

Signos: os salmos de hoxe (na súa versión oracional á luz do Evanxeo) suxírennos dúas imaxes: a do gardián, a de quen vela permanentemente por nós; e a do canteiro que constrúe a casa e a fecunda. A casa sómolo cada persoa, pero tamén o é a “casa común”, e a Igrexa dentro dela, ao servizo dela. O tempo de Advento suscita en nós estas saudades e ofrece estas confianzas.

No nome do Pai…

Cos brazos abertos expresamos en silencio a nosa condición fraterna en Deus, con todo o noso ser, unido a todas e persoas do mundo, a toda a creación, nesa “Casa común” que formamos en Deus.

17 decembro, 2019

Tempo de Advento (A): 4ª semana





22 de decembro: domingo 4º de Advento

Evanxeo: Mt 1, 18-24
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
—Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo, e poñeranlle de nome Emmanuel, que quere dicir “Deus connosco”.
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor.

11 decembro, 2019

Tempo de Advento: 3ª semana




 15 de decembro: domingo 3º de Advento

Evanxeo: Mt 11, 2-11
Nunha ocasión, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
—¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulle Xesús:
—Ide e contádelle a Xoán o que estades a oír e ver: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e á xente pobre estáselle a anunciar a Boa Nova. E ditosas as persoas que non se escandalicen de min!
Non ven se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
—¿Que fostes ver ao deserto? ¿Unha cana abaneada polo vento? Pois logo, ¿que fostes ver? ¿Un home vestido con roupas finas? Pero as persoas que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, ¿a que saístes? ¿A ver a un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:
—Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño.
Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Bautista, aínda que o máis pequeno no reino dos Ceos é meirande ca el.

04 decembro, 2019

Tempo de Advento: 2ª semana




8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción de Santa María

Evanxeo: Lc 1, 26-38
Naquel tempo mandou Deus o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.
O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo ao que lle poñerás o nome de Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono do seu antepasado  David; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, pois eu son virxe?
O anxo replicoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Velaquí a escrava do señor; que Deus faga comigo segundo me dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.