31 de outubro: Domingo 31º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Sab 11, 22—12, 2. Salmo: 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14.
2ª lectura: 2 Tes 1, 11—2, 2
Evanxeo: Lc 19, 1-10
Un día chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús, pero impedíallo a xente, pois el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El baixou deseguida e acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
—Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor:
—Señor, darei a metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
Entón Xesús dixo:
—Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.