28 agosto, 2020

Tempo Ordinario: 22ª semana



  
30 de agosto: domingo 22 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 16, 21-27
Empezou Xesús a aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén e que alí o ían facer sufrir moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ao terceiro día había resucitar. Pedro, colléndoo a parte, empezou a rifar con el, dicindo:
—Deus te libre, Señor, a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
Pero Xesús, volvéndose, díxolle a Pedro:
—¡Arreda de min Satanás! Ti es un tentador para min, porque  non te deixas guiar por Deus senón  pola xente.
Entón díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿que pode dar un ser humano para recobrar a súa vida? Porque o Fillo do home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta.

20 agosto, 2020

Tempo Ordinario: 21ª semana





23 de agosto: domingo 21 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 16, 13-20
Cando chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do home?
Eles responderon:
—Algunhas persoas din que  Xoán Bautista; outras, que Elías, outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
E mandoulles aos discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.

13 agosto, 2020

Tempo Ordinario: 20ª semana




  
16 de agosto: domingo 20 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 15, 21-28
Unha vez, saíu Xesús e foi para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:
—Compadécete de min, Señor, Fillo de David, a miña filla está atormentada por un demo.
Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, gorábanlle:
—Despídea, que vén berrando detrás de nós.
El contestoulles:
—Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:
—Señor, váleme!
El respondeulle:
—Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo dar aos cadelos.
Pero ela contestou:
—Certo, Señor, pero tamén os cadelos comen da faragullas que caen da mesa dos seus amos.
Entón respondeulle Xesús:
—Muller, a túa fe é ben grande; fágase, logo, como desexas!
E a súa filla ficou sa naquela hora.

05 agosto, 2020

Tempo Ordinario: 19ª semana





9 de agosto: domingo 19 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 14, 22-33
Unha vez, despois de que a xente se fartase coa multiplicación dos pans, Xesús mandoulles aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el so, e alí colleuno a anoitecida. E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar. E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse e dicían: “é unha pantasma”, e, cheos de medo, empezaron a berrar. Deseguida faloulles Xesús, dicindo:
—¡Tranquilos, non teñades medo, que son eu!
Respondeulle Pedro:
—Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
El díxolle:
—Ven!
Baixou Pedro da barca e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:
—Señor, sálvame!
Axiña Xesús dándolle a man, agarrouno e díxolle:
—Home de pouca fe, ¿por que dubidas?
E, ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el, dicindo:
Realmente ti es fillo de Deus.