24 xuño, 2020

Tempo Ordinario: 13ª semana





28 de xuño: domingo 13 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 37-42
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Quen ama a seu pai ou a súa nai máis cá min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis cá min, non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen trate de conservar a vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa.
Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ao que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. E quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.

18 xuño, 2020

Tempo Ordinario: 12ª semana





21 de xuño: domingo 12 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 26-33
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo dende as azoteas.
Non lles teñades medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. ¿Non se venden un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai.
Pois vós mesmo tendes contados os pelos todos da cabeza. Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos. Todo o que volva por min diante da ente tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante da xente eu negareino a el diante do meu Pai celestial.

11 xuño, 2020

Tempo Ordinario: 11ª semana





14 de xuño: Santísimo Corpo e Sangue de Cristo, solemnidade

Evanxeo: Xn 6, 51-58
   Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
   —Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre, e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.
   Discutían entón entre eles os xudeus:
   —¿Como pode este darnos a comer a súa carne?
   Díxolles Xesús:
   —Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.
   Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min  e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai  que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os vosos pais, que mesmo así morreron; quen come este pan vivirá para sempre.

03 xuño, 2020

Tempo Ordinario: 10ª semana




  
7 de xuño: Solemnidade da Santísima Trindade

Evanxeo: Xn 3, 16-18
Tanto amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no Fillo unixénito de Deus.