ADVENTO
Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atentas, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.
Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.
Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.
O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.
3 de decembro: Domingo 1 de Advento
1ª lectura: Is 63, 16-17. 19b; 64, 2b-7. Salmo: 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
2ª lectura: 1 Cor 1, 3-9.
Evanxeo: Mc 13, 33-37
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Estade, logo, á espreita e con atención, que non sabedes cando será o momento. É coma unha persoa que foi ao estranxeiro e deixou a casa e máis a facenda nas mans dos seus criados e criadas, encargándolles a cada quen o que tiña que facer; e ao porteiro ordenoulle que velase.
Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite pecha, se cando o galo canta ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente e vos atope durmindo. E o que vos digo a vós tamén llelo digo a todo o mundo: estade en vela!